Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Víctor Suárez Gondar ficha persoal | Secretario do Consello Espicopal

“Deus fálalle a cada un do xeito que considera”

Víctor Suárez Gondar, secretario do Consello Eclesiástico.

Naceu hai 39 anos na Illa de Arousa e, esta semana, converteuse en secretario do Consello Episcopal, o máximo órgano rector da Igrexa na Arquidiócese de Santiago e responsable dos cemiterios. Víctor Suárez, estudou Dereito e Empresariais en Madrid e despois de finalizar a primeira, entrou no Seminario. Despois diso, estivo no Vaticano facendo o doutorado en Dereito Canónico. No seu regreso comezou a exercer como xuíz eclesiástico e a dar clases desa materia en Salamanca e Santiago, algo que todavía continúa facendo e que alterna coa xestión de dúas pequenas parroquias ás que separa o río Tambre e que teñen como patroa a Santa María, a de Chaián do Concello de Trazo e a de Grixoa de Compostela.

–A Igrexa xestiona ou é titular dun feixe de cemiterios, como se pode atender a todos?

–A administración ordinaria é dos párrocos ou das comisións que se forman para atender os cemiterios. Nós só intervimos cando hai unha cuestión que ten efectos xurídicos, na que o Arcebispado ten que facer os trámites conforme a Dereito, é dicir, cousas como ampliacións ou cesións de terreos para a súa construcción a asociacións veciñais ou aos concellos.

–Cales son as diferencias entre un cemiterio civil e un relixioso?

–Só a titularidade e, por suposto, as cuotas. A Igrexa non conta cun elemento coercitivo, como ten a administración, para reclamalas, e aí sempre acostuma a saír a administración pública na nosa axuda.

–Moitos deses cemiterios son bens patrimoniais en si mesmos, como é o caso de Santa Mariña de Cambados

–Bens que hai que preservar. No caso de Santa Mariña eu mesmo preparei o informe e un borrador do convenio co Concello para que se fixese cargo del, pero non se chegou a asinar, algo que lamento porque, ao ser da Illa, por emotividade e proximidade, impliqueime no tema. Descoñezo os motivos, pero espero falar coa alcaldesa para ver que foi o que pasou, creo que Cambados se merece unha resposta sobre iso.

–Ademais de responsable de cemiterios tamén se converteu vostede no secretario do Consello Episcopal.

–Si, trátase dun órgano que axuda ao goberno da diócese. Está formado polos vicarios territorias e o xeral (bispo auxiliar), o secretario e presidido polo arcebispo. É o lugar onde se toman as decisións e todos os que participamos debemos gardar segredo do que se fale alí, como ocorre no Consello de Ministros, salvando as distancias.

–Tamén exerce como xuíz eclesiástico e como párroco.

–Na primeira das facetas, centrámonos sobre todo en cuestións de nulidades matrimoniais, xente que por cuestións morais quere estar en paz con Deus e coa Igrexa. Deses casos podemos chegar a ter uns 70 ou 80 ao ano. Tamén atendemos cuestións meramente disciplinarias. No que respecta ás miñas parroquias, Chaián en Trazo y Irixoa en Compostela, son moi pequeniñas, con 650 veciños e 300 respectivamente. Nunha delas incluso non hai nenos, por iso son moi fáciles de levar e pérmiteme atender con garantías todas esas facetas.

–Un dos problemas que a Igrexa está tendo nos últimos tempos e a falta de párrocos, como se houbese unha crise relixiosa. Que pode facer para cambiar esas dinámicas?

–Si, é certo que hai un déficit de párrocos importante. Descoñezo o que se pode cambiar sen perder a esencia do que é a Igrexa, porque se deixamos a un lado a nosa identidade perdemos o que Cristo nos deixou. Deus fala a cada un do xeito que estima oportuno, pódelo atopar nun tribunal ou nunha fábrica, pero tamén hai que estar disposto a escoitalo, e dá a sensación de que, nestes momentos, hai moito ruido arredor da xente.

Compartir el artículo

stats