Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As axudas municipais á conservación de montes en Vilagarcía permitirán actuar sobre 69 hectáreas

O representante dos comuneiros de Sobrán e o de Trabanca Badiña, no monte.

As axudas municipais que o Concello de Vilagarcía concede dende hai uns anos ás comunidades de montes para colaborar na conservación e mantemento dos montes de Vilagarcía permitirán que este ano se acondicionen outras 69,27 hectáreas máis de zona forestal. Isto será posible grazas aos 85.000 euros que o Concello destina a subvencionar os proxectos presentados a esta convocatoria polas oito comunidades de montes. A maioría son para labores de conservación e mantemento, aínda que tamén se acolleu ás axudas unha actuación de reforestación e a redacción de proxectos de control arqueolóxico. Todos eles foron aprobados e subvencionados en función ás porcentaxes establecidas nas bases da convocatoria.

A resolución da liña de axudas deste ano completarase o luns, cando a Xunta de Goberno Local aprobe a concesión das subvencións ás dúas últimas comunidades que quedaban pendentes, xa que ás seis anteriores recibiron o visto bo municipal na xunta do pasado luns.

Todas as comunidades de montes presentan proxectos de rozas, manuais selectivas e mecanizadas en función das características dos terreos a actuar, así como rareos e de retirada e xestión dos residuos resultantes mediante trituración e/ou para o seu aproveitamento como biomasa. Algúns comuneiros tamén realizarán podas baixas.

Estas actuacións levadas a cabo de forma periódica teñen unha grande importancia, xa que permiten manter o monte limpo, especialmente de vexetación baixa, que non ter valor pero si un gran poder combustible en caso de incendio. Aínda que non é posible actuar anualmente en toda a masa forestal do municipio, ir alternando proxectos deste tipo en diferentes puntos resulta tamén moi beneficioso xa que, no caso de lumes, estas illas actúan a modo de cortalumes que ralentizan o avance das lapas e facilitan o control por parte dos medios de extinción. Ademais, grazas ás subvencións municipais os traballos chegan a moitas máis zonas e garántese a continuidade destas labores preventivas.

No que ás platancións se refire, estas actuacións permiten reforestar zonas que se viron afectadas por lumes ou onde se realizaron talas, garantindo así o mantemento da masa arbórea e reducindo os riscos de erosión e arrastres de terra que producen as chuvias intensas en zonas carentes de vexetación.

Distribución

A Comunidade de Montes de Loenzo de Arriba e Loenzo de Abaixo é a que actuará nunha maior superficie forestal cos proxectos subvencionados, nun total de 16,23 hectáreas distribuídas en diferentes mouteiras, e para o cal recibe 10.712,19 euros de subvención.

En 11 hectáreas actuará a Comunidade de Montes de Trabanca Badiña que, ademais dos proxectos de rozas e poda, acolleuse este ano a unha das novidades introducidas na convocatoria como concepto subvencionable. que é a redacción de proxectos de control arqueolóxico preceptivos para que os comuneiros podan actual en zonas de afección arqueolóxica. O importe total da axuda que reciben do Concello ascende a 13.408,68 euros.

Pola súa banda, a comunidade de Rubiáns obtén 13.886,18 euros que lle permitirán actuar sobre unha superficie de 10,21 hectáreas; mentres que a de Bamio, con 8.252,19 euros realizará labores de conservación en 7,72 hectáreas de monte.

A comunidade de Sobrán-Vilaxoán é a única que presenta un proxecto de reforestación para plantar 5.406 unidades de coníferas nunha superficie de 4,73 hectáreas. O uso de coníferas está xustificado tecnicamente nas características do solo no que se actúa: "moi pobre, pedregoso e con escasa capacidade de retención de auga o que fai difícil a implantación de especies autóctonas que precisan chas profundos e relativamente fértiles con axeitada retención de auga". Esta comunidade completa os seus proxectos con proxectos de silvicultura, sumando unha superficie total a actuar de 7,86 hectáreas, para o cal se lle subvenciona con 10.035,18 euros.

12.659,18 euros é a contía da axuda que reciben os comuneiros de Cea para desenvolver os proxectos presentados para actuar en 5,58 hectáreas. Por último, a comunidade de Guillán traballará en 5,50 hectáreas dos seus montes, polo que recibe unha axuda de 7.866,19 euros; e os comuneiros de Trabanca Sardiñeira farán o propio en 4,24 hectáreas cunha subvención municipal de 7.866,19 euros.

Os proxectos subvencionados tiveron que estar realizados ao longo do ano 2021, polo que algúns aínda poderían estar en fase de execución.

Compartir el artículo

stats