Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

In memoriam // Manuel Blanco mariño

Adeus ao poeta carpinteiro

Manuel Blanco, poeta carpinteiro

“A miña voz cando eu morra/ha de seguir camiñando/ha de vivir entre a xente/contra a inxustiza berrando (…)”. O pasado 20 de setembro faleceu Manuel Blanco Mariño. Asinou varios dos seus poemas como o poeta carpinteiro, ou o poeta proletario. Gustáballe definirse como un poeta de denuncia. Alzou a súa voz contra a inxustiza, a pobreza, a corrupción, o caciquismo, a emigración, a desigualdade social…,nun momento no que, como o mesmo autor definía, “a verdade na palabra era delicto”. Naceu en Iria Flavia en 1929. De familia humilde tivo que traballar desde cativo “para meter ás veces na boca uns bocadiños de pan de millo, que daquela o pan trigo era para os ricos e para os mandamais de cada pobo”.

Aos sete anos, idade na que empeza a escola, sen saber ler nin escribir, compón as primeiras rimas, e lembraba o poeta que fora da man do seu pai como aprendeu porque “na escola entre a instrución, o cara ó sol e a doutrina non quedaba tempo para outra cousa”.

Despois de cumprir o servizo militar en Melilla, única estadía do poeta fóra do país e que reflictirá en varios poemas, casa con Rosa Rei Angueira coa que terá 7 fillos, residindo desde 1960 en Vilagarcía. Traballou como carpinteiro nos talleres da Renfe ata a súa xubilación.

Desde novo foi un obreiro da palabra, un artesán da poesía, que converteu na súa principal ferramenta para denunciar a opresión da clase traballadora: labregos, mariñeiros, obreiros, xunto a outros temas como a emigración, o capitalismo feroz, a pobreza, a inxustiza social, as desigualdades… sen baixar a cabeza perante o franquismo, nin a censura da época, que petou en varias ocasións nos seus versos.

Non lle tremeu a man ao escribir louvas, en plena ditadura, a Fidel Castro ou a Federico García Lorca ou a denunciar o espolio dos nosos recursos como refire no poema de 1966 sobre a represa de Castrelo do Miño (…)“O camiño do progreso/asulaga a nosa terra/comendo as mellores veigas/ e sen deixar rastro delas (…)/ Nin que os galegos naceran/ para emigrar a outras terras! / Sendo Galicia tan rica/ que pobre é quen nos goberna”.

Ademais da poesía cívica, un amplo abano temático configurou o seu universo, con poemas dedicados a personaxes polos que sentía admiración como Rosalía, Castelao, Dieste, Lorca, Fidel Castro ou a persoas da súa contorna que coñecemos a través dos seus poemas. Coa súa primeira publicación no ano 1961 en La Noche, este vilagarcián de adopción inicia unha andaina literaria que será recoñecida por intelectuais como Alonso Montero ou Méndez Ferrín, quen na súa obra, De Pondal a Novoneyra, o integra na chamada Promoción de Enlace, constituída por poetas nacidos entre os anos 20 e que constitúen un elo, aínda que feble, entre a xeración do 36 e a terceira xeración do século XX. Publicou a súa obra durante máis de 40 anos nos principais xornais galegos, na revista Galicia da Federación de Sociedades Gallegas de Bos Aires, en programas de festas, revistas, folletos… ata que o Concello de Vilagarcía, a raíz dun artigo do profesor Xesús Alonso Montero no que conminaba a recompilar esa obra espallada, publicou o libro Sentimentos da alma galega, con ilustracións de Xaquín Chaves, e edición ao meu coidado.

Foi da man do profesor Alonso Montero pola que eu cheguei á figura de Blanco Mariño, como traballo final de carreira. Espertara a miña curiosidade aquel poeta que, nunhas coordenadas socioeconómicas e culturais tan pouco favorables, teimara en facer da poesía a súa arma de combate fronte a inxustiza social, e tamén, porque a diferenza doutros autores coetáneos, Blanco Mariño escribiu a totalidade da súa obra en galego: “Chamei na porta da escola/logo saleu meu irmán/falándome castelán/cal se galego non fora/Ouvilo dábame noxo/porque o meu corpo furaban/as verbas que me cravaban/ como as espiñas do toxo.”

Ese traballo académico foi o alicerce de Sentimentos da alma galega, o libro que, no ano 2000, publicou e presentou o Concello de Vilagarcía. Unha antoloxía poética que recolle parte do seu poemario, publicado ou inédito, ao longo de máis de 50 anos. Foron moitas as horas de conversa compartidas, de lectura, revisións de poemas, correccións, apuntamentos, transcricións… e tamén o comezo dunha amizade que se prolongou ao longo da vida. En 2015, organizada pola Mesa das Verbas, rendéuselle unha homenaxe, na que sería unha das súas últimas aparición públicas.

Polos seus versos de denuncia nunha longa época de cabezas baixas e silencios, polos poemas moitas veces xostregados pola censura, pola valentía do que non se arredou ante as circunstancias merece que a súa voz non fique no esquecemento.

A historia local debería formar parte do currículo escolar, por iso me gustaría reinvindicar o coñecemento da figura de Manuel Blanco Mariño, porque, como ben apuntaba o profesor Alonso Montero, xa “facía excelente poesía social en Galicia antes de Longa noite de Pedra (1962)”.

Compartir el artículo

stats