Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O Revenidas máis solidario: pantallas xigantes con ilustracións a subastar para fins benéficos

Quintáns, Outón, Silva, Varela e Sutil destacaron onte na presentación que a cultura “é segura”. Iñaki Abella

“A cultura é segura”. Foi a proclama máis repetida onte na presentación dunha nova cita co Revenidas, un festival afincado en Vilaxoán, na cultura mariñeira e no galego que soubo reinventarse para “seguir vivo” a pesares da crise sanitaria. Malia todo, mantense fiel á súa esencia. E faino cun cartel “moi de Revenidas e moi poderoso” onde de xoves a domingo (do 9 ao 12 de setembro) estará o mellor da música galega e tamén grupos de fóra xa aclamados en anteriores edicións.

Elaboración dun graffitti durante a presentación do Revenidas. Iñaki Abella

Novidades

Entre as novidades deste ano destaca a colocación de dúas pantallas xigantes no escenario de maiores dimensións nas que haberá realización en directo e proxectaranse as obras feitas por máis de quince ilustradores que debuxarán aos grupos musicais de forma completamente altruísta. As láminas serán subastadas a través das redes sociais en favor da entidade que decidan cantante e ilustrador.

É que o Revenidas é moito máis que música. Ademais desta iniciativa solidaria, haberá showcooking (a cargo de Kike Piñeiro e Eloy Cancela da Horta do Obradoiro), un roteiro pola vila da man de Xurxo Souto e outras actividades gratuítas e cheas de humor para o público familiar que comezarán mañá mesmo, todas elas na praza Rafael Pazos (escenario Deleite). Poñerase en marcha un podcast diario, “Ondiñas”, que se emitirá a través das redes e do Spotify do festival, e implantarase un plan de igualdade e sostibilidade que levará a asociación feminista de Vilagarcía O Soño de Lilith.

Sin sardiñada nin acampada e aforo para 1.500 persoas

O Revenidas será “en conserva”, sin a mítica sardiñada nin zona de acampada, pero haberá “un programa moi completo” que suplirá esas carencias.

O recinto divídese en dous espazos complemente diferenciados, con entrada e saída independente e todos os servizos en cada un deles. O escenario Xacobeo 21-22 estará nun sector e o Mahou noutro. Entre ámbolos dous, o aforo máximo será de 1.500 persoas. É obrigatorio o uso de máscara e haberá que desfrutar dos concertos sentado sen mover nen cambiar a cadeira.

Intervencións

O director do festival, Xoán Quintáns, foi o primeiro en intervir onte na presentación do Revenidas, logo dunha maxistral actuación da cambadesa Pauliña, unha das artistas que actuará en directo nas exclusivas travesías a bordo do Chasula (cada viaxe ten unha limitación de doce participantes). A información completa está recollida en www.revenidas.com.

Quintáns dou as grazas tanto a patrocinadores como ás administracións que colaboran económicamente co festival, como son o Concello de Vilagarcía, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia. “Revenidas volve coa intención de darlle un pouco de pulo ao sector cultural, que é un dos máis afectados pola pandemia e leva un ano sufrindo restricións e perdas de ingresos”, dixo o director do evento.

A concelleira de Cultura, Sonia Outón, destacou o “tremendo apego” do festival “ao seu territorio” e o “compromiso” do Concello coa iniciativa. “Oxalá no 2022 poida haber xente bailando de pé e sen máscara”, manifestou a edil.

O director do Agadic, Jacobo Sutil, foi o seguinte en intervir, resaltando que no escenario FestGalicia actuarán unha ducia de grupos, dos cales oito son galegos. Remarcou que a axuda da Xunta este ano chega por unha dobre vía.

A presidenta provincial, Carmela Silva, destacou a adaptación do Revenidas xa no 2020, “nunha situación terrible e con aforos moi reducidos”. “Moitos dos grupos que van tocar en Vilaxoán son de mulleres, e iso é algo que acontece pouco nos festivais”, engadiu Silva. Ao igual que os demais políticos, manifestou o seu desexo de que no 2022 poidamos gozar dun Revenidas en todo o seu esplendor.

Pola súa banda, o alcalde Varela deixou claro que porque esta edición “sexa en conserva non vai deixar de ser un éxito” e amosouse convencido de que Revenidas convertirá a Vilaxoán “no eixo da dinamización cultural de Galicia”.

Un cartel con claro acento galego e nome de muller: A Banda da Loba, Tanxugueiras, Guadi Galego ou Pauliña


A programación arrinca mañá mércores coas actividades paralelas e gratuítas na Praza Rafael Pazos. De alí sairá o roteiro “Redescubre Vilaxoán” con Xurxo Souto á cabeza. É a única actividade que require reserva previa (a través de www.revenidas.com). Hai 25 prazas. Pola noite haberá discoteca móbil.

O xoves ás 19.00 horas Félix Rodríguez e Fran Rei presentarán “Saaabor!”, un espectáculo cómico que obtivo o premio do público no Festiclown 2018.

O venres tócalle a Peter Punk, un imprescindible no Revenidas, e o sábado Paco Nogueiras protagoniza “Extra”. O domingo o espectáculo circense “Desastronauts” servirá de colofón.

En canto aos concertos, os da sesión vermú terán lugar no escenario Mahou. Sábado actuarán Guadi Galego e A Banda da Loba e domingo Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre.

No “Xacobeo 21-22” terán lugar os concertos da tarde-noite. As portas abriranse ás 19.30 horas menos o domingo, que se adiantará ás 19.00.

O xoves subirase ao escenario Los Rastreadores, Tanxugueiras e Verto. Laura Lamontagne & Picoamperio abrirán a lata o venres e seguiranlle Ciudad Jara y Los Chikos del Maíz. O sábado tocaralle a O Rabelo, Talco Maskerade e Boyanka Kostova, mentres que o domingo Monoulious Dop , Zoo e Mounqup poñerán fin aos concertos.

No Chasula actuarán o sábado Pauliña, Dakidarría e Xiana e Andrea (da Banda da Loba), e o domingo Jásper e Nébeda, Sofía Espiñeira e Leo e Arremecaghoná.

Compartir el artículo

stats