Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os tres días de Xironsa: cultura que fai país

Presentación da revista Cen Follas, un dos actos do festival Xironsa de onte en Cambados Noé Parga

O festival de Xironsa deste ano xa se parece bastante aos festivais preCOVID, aqueles nos que Corvillón se convertía durante tres días nun fervedoiro de xente e de actividade. Agora, o evento trasladouse ao parque de Torrado (unha mudanza temporal, obrigada pola pandemia), e nestas tres xornadas que rematan hoxe domingo recuperouse esa receita de festival de cultura con maiúsculas, no que se escoita moita música, si, pero también hai espazo para as presentacións literarias, a creación en vivo dun mural pictórico, unha feira de artesanía ou a degustación gastronómica.

En palabras do presidente da asociación Xironsa, José Luis González, “Liso”, o festival deste ano era máis necesario se cabe que outras veces porque, “é unha forma de reivindicarnos”. “A música tradicional saíu moi prexudicada da pandemia”, lembra. A supresión das clases de música e dos concertos en festas e romerías privou de ingresos a moitas pequenas asociacións, comprometendo o seu futuro. Por iso, festivais como o desta fin de semana en Cambados é un berro de rabia, unha demostración de que a cultura é moi necesaria na sociedade, e de que quere sobrevivir.

Un dos concertos do festival de Xironsa, onte durante a presentación da revista “Cen Follas”. | // NOÉ PARGA

O valor das asociacións

“Liso” González fai un chamamento ás administracións para que eviten a desaparición dos colectivos culturais de aldea ou de barrio. Lembra que son estas asociacións as que cargaron sobre os seus ombreiros coa responsabilidade de ensinar e espallar a música tradicional, e que sen elas ese tesouro cultural se difuminará nun limbo. “Cada vez que se perde unha asociación nun pobo, hai moitos rapaces e maiores que quedan sen un lugar onde mamaban o país... As asociacións temos que esforzarnos en poñernos en valor”.

O presidente de Xironsa é un fervente defensor da importancia das pequenas asociacións, “e non só das de música tradicional”, non só polo feito de que espallan a cultura, senon tamén polo seu carácter socializador. Gracias a elas, moita xente abandona a modorra dos sofás da súa casa e vai pasar unhas horas con outros veciños no local social, onde tocan, cantan ou fan teatro. Por iso, pensa, hai que enxalzar a importancia dos colectivos. “A música tradicional deixouse na man de colectivos que se non están, non pasa nada. Pero si que pasa”, advirte González.

O festival conta cunha feira de artesanía e produtos galegos Noé Parga

Por iso, estes tres días de algarabía cultural en Torrado non son só un compendio de actividades, senón tamén un berro de reafirmación dun sector moi golpeado por anos de indiferencia das autoridades públicas e, máis recentemente, pola pandemia do COVID, ata o extremo de que durante moitos meses incluso estiveron prohibidas as xuntanzas das comisións.

O propio “Liso” explica que o festival non só é festa. “Tamén a hai, pero un festival como este vai máis alá da festa”. Son tempos difíciles e á cultura tamén lle toca reiventarse para sobrevivir.

Revista “Cen Follas”

Outra asociación cultural cambadesa, Cen Follas, presentou durante a tarde de onte no festival o número 3 da súa revista homónima, na que o lector atopará dende artigos de investigación sobre historia ou arte ata traballos de creación literaria. Entre os autores neste volumen atópanse Sindo Mosteiro, Emilio Ínsua, Iago Pillado, José Vaamonde, Javier Montero ou Patricia Hermida, que modera un debate sobre os efectos da pandemia no sector da música.

Público asistente á presentación da revista Cen Follas, onte en Torrado Noé Parga

O certame de Xironsa clausúrase hoxe, nunha xornada que comezará coa alborada dos gaiteiros de Boudebou. A sesión vermú corre a cargo da Banda de Música Municipal de Ribadumia e de Peter Punk. O evento remata pola noite con Onte e Hoxe. O acceso ao interior do recinto regularase por orde de chegada, posto que hai aforo limitado para garantir a seguridade sanitaria. Sobre isto, “Liso” lembra que o sector da cultura fixo os deberes. “Fomos un dos colectivos que máis nos esforzamos para demostrar que a nosa actividade é segura”.

Compartir el artículo

stats