Emilio Fariña ficha personal | Hospitaleiro do albergue de Vilanova

“O 2022 vai ser unha invasión de peregrinos e faltan infraestruturas”

Emilio Fariña atendendo a tres peregrinas en Vilanova

Emilio Fariña atendendo a tres peregrinas en Vilanova / Noé Parga

A. G.

Emilio Fariña leva seis anos atendendo aos peregrinos que escollen a Variante Espiritual para achegarse a Compostela. Faino de forma altruista, como unha forma de entreterse despois da xubilacións. De luns a luns, o vilanovés encárgase de acoller aos peregrinos, limpar o interior do albergue e garantizar que os que veñan ese día cansados de patear poidan descansar en condicións. A súa implicación vai incluso a exercer de guía turístico para aqueles que queren achegarse a outros puntos da comarca.

–Como se converte un en hospitaleiro?

–Pois comecei facendo un traballo social no albergue, pero capturoume de tal forma que xa levo catro anos de voluntario, con adicación as 24 horas do día. Pouca xente coñece tan ben os peregrinos como os hospitaleiros, somos os que estamos con eles, os que falamos e os que sabemos cales son os seus problemas e necesidades. Eu tiña pensado deixar, pero isto atrápate ve é difícil topar alguén que queira levar o relevo, sobre todo porque os verán pásalos pechado aquí e non hai compensación económica.

–Non debeu ser sinxelo durante a pandemia

–Non o foi, porque pasamos de ter 40 ou 50 persoas diarias a non ter nada. O ano pasado case non veu ningún, pero este ano semella que lle comezan a perder o medo, pero tópanse con moitos problemas, sobre todo coa falta de infraestruturas. Nós estamos tendo catro ou cinco peregrinos, descoñezo os albergues privados, pero noutros lugares, onde só hai un albergue ou non existe, os peregrinos teñen moitos problemas e dificultades.

–Sempre se di que o Camiño lévase dentro, así que supoño que algún deles terá percorrido.

–Nunca o fixen e iso sorpréndelle a todo o mundo que se achega ao albergue, especialmente aos voluntarios, que levo seis anos como hospitaleiro e que nunca fun polo camiño, din que é imposible, que ninguén é capaz de facer iso.

–Que leva aos peregrinos a facer a Variante Espiritual?

–Aínda que é un Camiño relativamente novo, ten dúas etapas moi atractivas e que marabillan á xente que é do interior de Europa: a Ruta da Pedra e da Auga e o que é o produto estrela, a viaxe en barco. É espiritual porque é a única etapa que fixo Santiago, aínda que fose morto e é turística porque reciben moita información nos barcos sobre as características máis reseñables da ría de Arousa, das Torres do Oeste, sobre o Mexillón. Isto último é recomendable incluso para quen non sexa peregrino porque é moi instructiva e é preciosa. Os peregrinos tamén pasan por Combarro e a Armenteira, que sempre os impresiona.

–E a Ruta Padre Sarmiento é atractiva para os peregrinos?

–Os peregrinos queren facer camiño, non andar ás voltas e dar pasos atrás. Suben Siradella, rodean O Grove, danlle a volta á Toxa e á Illa, ... Iso é un castigo. non un camiño! Nos anos que levo aquí moi poucos peregrinos me teño atopado que fagan ese percorrido. Ademais, ten un contratempo moi importante, o da ausencia de albergues, desde Pontevedra a Vilanova tes un percorrido como mínimo de tres días sen un albergue. Hai hoteis, pero sáense do orzamento que manexa o peregrino medio que, e moitos casos, non pode afrontar eses costes.

–Chegamos a Vilanova, que temos que facer para durmir no albergue público?

–Antes era por estricta orde de chegada, non podía haber reserva. Iso cambiou e agora a gran preocupación do peregrino son os aforos. Hai campings e hoteis pero ás veces resulta moi complicado atoparlles un lugar e atópaste con situacións moi complicadas.

–Non se ampliou a rede de albergues ao limitar os aforos no seu interior?

–É Ano Santo e con aforos reducidos e os xestores, desde o presidente da Xunta ata os alcaldes non se preocuparon de buscar locais complementarios ou sustitutorios para esas prazas que se recortaron.Os que saen nas fotos non están onde estamos os hospitaleiros, que somos os que nos encontramos con peregrinos que non teñen onde durmir, incluso hai xente que se pon agresivo. Vemos moita promoción, pero nunca un contacto con nós para saber que necesitan os peregrinos. Por exemplo, esta semana unha familia con dous nenos tivo moitas dificultades para poder durmir, e outro grupo tivo que aloxarse en Vilanova ao estar completo en Armenteira, tirando de taxi. Iso causa moito descontento e é algo que os políticos non ven cando se fan as fotos.

–E o ano santo notouse na afluencia de peregrinos?

–Está comezando a notarse agora, pero para o 2022, isto vai ser unha invasión de peregrinos e está todo moi mal prantexado, porque se está vendendo o Camiño sen apenas infraestruturas. Nestas datas estívenlle buscando lugar onde durmir en Santiago a Xente que ía remontar o Ulla e non había un só lugar libre. Algúns optan por quedar uns días máis no albergue de Vilanova que lles resulta relativamente asequible. Antes cobrábanse seis eruos, agora, despois da pandemia, oito, é o prezo estipulado pola Xunta. Penso que a Xunta debería habilitar polideportivos, buscar espazos nos que poida refuxiarse esta xente que non atopa un lugar onde durmir, e sobre todo, consultar máis aos hospitaleiros, que somos os que estamos cos peregrinos a diario. A Xunta e os alcaldes deben ter moi claro que ao Camiño e ao peregrino hay que coidalo e cultivalo.

–Cal é a impresión que ser levan os peregrinos de Vilanova?

–Penso que boa. A Variante reúne moitas condicións que van desde gastronomía a paisaxe, pasando polo feito de que é o único camiño que fixo Santiago e iso é algo que os que a percorren valoran de forma moi positiva.

–A Variante Espiritual é un dos Camiños con máis presencia internacional, debe ter amigos en todo o mundo.

–Pois non sei se haberá algún país do mundo co que non tivese algún tipo de contacto. Desde a pandemia case todos os que veñen son portugueses ou españois, pero antes por Vilanova teñen pasado de case todas as nacionalidades do mundo, desde polacos a italianos, pasando por franceses ou alemáns. A verdade é que moitos gardan unha grata lembranza de ti e manteñen o contacto, porque os hospitaleiros somos os que lles acabamos resolvendo moitos dos problemas cos que se topan no camiño.