Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Begoña Veríssimo Alonso | Responsable del Plan Integrado de Emprego Mancomunidade Salnés

“A nosa aposta é chegar a plenitude dixital”

Begoña Veríssimo é a responsable do Plan Integrado de Emprego da Mancomunidade

Begoña Veríssimo é a directora dun dos programas de formación laboral con máis éxito de Galicia, o Plan Integrado de Emprego da Mancomunidade do Salnés. Desde a súa entrada en funcionamento, hai xa once anos, acada en todas as súas edicións porcentaxes de colocación que rondan o 90%. Desde a súa posta en marcha, o Plan Integrado de Emprego foi evoluíndo e adaptándose ás necesidades do mercado, e sobre todo, ofrecendo unha formación especializada moi apreciada por toda-las empresas.

–O Salnés é unha das comarcas con maior índice de paro. Poden ser este tipo de programas unha solución para mellorar esa situación?

–Son unha vertente máis das políticas que está empregando a Xunta en todo o territorio. Dende hai máis de vinte anos, case medio cento de entidades locais e sen ánimo de lucro, veñen poñendo en marcha estes instrumentos dirixidos á mellora da inserción laboral dos seus participantes. Se temos en conta que estes plans de emprego comportan o compromiso de inserir laboralmente a un mínimo do 35% das 100 persoas atendidas (con accións de orientación, formación e prácticas) durante o desenvolvemento dos proxectos (12 meses), podemos concluir que a contribución dos mesmos a minorar os índices de paro é evidente.De feito Galicia é a comunidade autónoma onde máis baixou o paro no último ano, preto dun 14%.

–Existe un mercado laboral para asimilar os alumnos que se forman en novas tecnoloxías?

–Esa é unha das grandes apostas e á vez un dos nosos piares básicos. Nestes momentos hai un avance vertixinoso cara a plenitude dixital, por iso temos un abano formativo en constante adaptación para cubrir esas posibilidades. A Mancomunidade de O Salnés e as empresas da contorna camiñan da man no seu día a día. E é que para consolidar esa mellora continua e alcanzar o obxectivo final, esta administración pública fai un exercicio constante de escoita activa cara ao sector privado canalizándose dita escoita a través de accións de prospección empresarial que realiza o noso equipo na súa dinámica de traballo. O avance tecnolóxico está a ser decisivo para que as empresas se modernícen, sexan competitivas e alcancen a maior eficiencia posible.

–Os índices de colocación son moi altos, pero mantéñense no tempo?

–Os índices de colocación foron in crescendo ao longo de todos estes anos. Aínda que os datos máis baixos rexistráronse nas primeiras edicións coincidindo coa recesión (entre un 60 e un 70%), aos poucos ese baremo foi subindo, manténdose durante varios anos na pinza de 80-88% chegando a alcanzar na súa última edición un 91% de insercións. Na medida do posible tentamos manter contacto cunha porcentaxe considerable de exparticipantes aínda que a incorporación de 100 novos perfís en cada edición impídenos, en ocasións, adicarlles máis tempo.

“Adaptamos a formación ás novas necesidades que pode demandar o mercado”

–Como foron os cambios no Plan Integrado desde os seus comezos hai dez anos?

–Nos seus comenzos, alá polo ano 2011 iniciábase a singradura dos antes chamados Plans Experimentais de Emprego. Na súa primeira edición, o itinerario formativo reducíase a unha formación básica de carácter xenérico vinculada a sectores de oficinas e despachos (informática básica e media, inglés, contabilidade) e atención ao cliente (técnicas de venda, manipulación de alimentos) sendo a formación en loxística (manexo de carretillas, carnet C, Cap, ADR) e construción (manexo de minipala e prevención de riscos laborais) as máis específicas.

–Pero semella que goubo que modificar bastante o deseño do plan nos últimos anos?

–As novas esixencias do mercado laboral obrígannos a adaptar a formación inicialmente ofertada, ás novas necesidades. Foi así como apareceron as disciplinas con contidos tecnolóxicos totalmente innovadores, cursos como os de manexo de drons aéreos, anfibios e subacuáticos; impresión 3D, realidade virtual e internet das cousas; social media, márketing dixital, big data e machine learning; creación de blogues, e-commerce e community manager; dixitalización documental e fotogrametría. Todos estes cursos intentan cubrir as carencias que detectamos nas labores de prospección que realizamos nas empresas da comarca, unhas accións que nos permiten descubrir que perfiles laborales poden necesitar as empresas.

–Trátase de adecualo ao perfil laboral que necesitan as empresas

– A Mancomunidade de Salnés segue expectante os acontecementos tecnolóxicos e a evolución innovadora que unha vez implementada poida mellorar procedementos, reducir tempos e abaratar custos nos procesos de produción das empresas que conforman o tecido empresarial do Salnés.

–Cales son as debilidades e fortalezas do mercado laboral no Salnés?

–Centrándonos en debilidades e fortalezas sen entrar de cheo en ameazas e oportunidades, como debilidades poderíamos destacar a falta de perfís polivalentes, a temporalidade na contratación, a carencia de persoal cualificado (enoturistas, soldadores, carretilleros retráctiles, minipalistas, vixiantes de bateas, operarios de mantemento en parques eólicos, condutores de camión, expertos en nóminas e fiscalidade…), a contratación parcial, a sub-representación feminina en determinados sectores de actividade, o elevado índice de mozos que nin estudan nin traballan, as dificultades de acceso á formación do colectivo de homes entre 30 e 45 anos e a estacionalidade de sectores estratéxicos como o turismo, entre outros.

En canto ás fortalezas poderiamos apuntar a experiencia e traxectoria consolidada na xestión e desenvolvemento de Programas integrados de Emprego, o alto nivel de colaboración do tecido empresarial da comarca materializado en innumerables convenios de colaboración que abarcan todas as ramas industriais, espazos naturais con moitas posibilidades de creación de novas empresas ligadas a enerxías renovables, produción sostible… A maioría das accións formativas do noso Programa Integrado tentan contribuír á desaparición de, polo menos, o 80% das debilidades sinaladas.

“Cando nacemos, o panorama era moi gris”

–Como cambiaron os sectores industriais na comarca desde que naceu o Plan de Emprego?

–Nacemos coa segunda década deste século, cando o boom da construción xa desaparecera. Os primeiros pasos da nosa andaina coincidiron cunha total recesión en todo o país, peches de empresas, ERES e un incremento acelerado dos índices de paro. Entre o último semestre de 2013 e o primeiro de 2014, o mercado laboral quedou totalmente paralizado. Todos os sectores empresariais, incluído o de construción, ían sobrevivindo con “respiración asistida”. As ofertas de emprego apenas saían á luz no mercado aberto, e houbo que rastrexar a maior parte das ofertas no mercado oculto (autocandidaturas, rede de contactos…).

–Pero saíuse adiante.

–Superamos os obxectivos marcados inicialmente pese a ese panorama tan gris. Aos poucos, de maneira moi retardada, foi mellorando a situación e empezou a cambiar o escenario laboral, sendo o sector de construción un dos máis lentos en canto a recuperación refírese, habendo máis rotación en oficinas e despachos, servizos, industria conserveira, loxística e alimentación. A rama da hostalería mantívose nos seus niveis, en modo estacional. Será a partir de 2016, cando somos conscientes de que a contorna laboral está a cambiar e que as empresas demandan novos perfís tecnolóxicos (servizos, comercio, enerxías renovables…) É aí cando nos poñemos en marcha e incluímos no noso itinerario formativo as novas tecnoloxías (drons e 3D, inicialmente, para completarse despois con internet das cousas, realidade aumentada, social media, big data,machine learning e e- commerce). A día de hoxe, a industria 4.0 forma parte do ADN do noso quefacer diario.

Compartir el artículo

stats