Arte, literatura, medio ambiente, memoria histórica, música ou tradición son só algúns dos eidos protagonistas do programa Verbas en Flor. Trátase dunha iniciativa que vive este ano a súa primeira edición organizada pola Concellería de Cultura e Educación, en colaboración con outros departamentos como Normalización Lingüística e Memoria Histórica, ademais de contar tamén coa participación doutras agrupacións, centros educativos e entidades culturais. Foi a concelleira responsable de área de Cultura, a nacionalista Raquel Rodríguez, a encargada de presentar a iniciativa este venres, no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó, que, precisamente, será un dos principais centros neurálxicos do programa, ao acoller boa parte das citas.

Tal e como explicou a edil do Goberno local, Verbas en Flor aglutina preto dunha ducia de actividades, pensadas para toda a veciñanza, e que se desenvolven durante a primavera; é dicir, entre o actual mes de abril e xuño. Precisamente, algunhas das iniciativas da programación xa están en marchar, tal e como lembrou Rodríguez Alonso.

Este é o caso, por exemplo, do obradoiro artístico Xardíns Colgantes, que se leva a cabo en diferentes centros educativos para conmemorar o Día da Terra, ou as actividades impulsadas desde a Biblioteca Municipal. Tamén se inclúe neste eido a exposición O galego noutros mundos, que permanecerá aberta no Xaime Illa entre o 30 deste mes e o 18 de maio.