“Desde que comezou a pandemia, vexo como noutros concellos do arredor e de diferentes cores políticas se fan cousas para os nenos mantendo sempre as normas sanitarias, pero na Arousa iso todo desapareceu, os pequenos quedaron orfos de actividades”. Esas palabras son as que emprega a moza Laura Castro Rial para definir os motivos que a levaron a pór en marcha unha iniciativa titulada “A Illa no teu caderno”, unha aposta por levar a arte aos máis pequenos, a facer que se impliquen e, sobre todo, que perdan o medo a amosar o seu talento e a soñar.
“A Illa no teu caderno” será o vindeiro 2 de maio, coincidindo coa celebración do Día da Nai e terá unha duración de dúas horas. Ainda que dirixida a todas as idades, presta especial atención á infancia, consistindo en debuxar nun caderno diferentes paisaxes, rúas, edificios, veciños, portas ou calquera detalle da Illa que poida chamar a atención á persoa que participa.
Todos os participantes quedarán ás 18.00 horas nun espazo amplo para gardar as medidas de seguridade pola COVID-19, este espazo será a praza do Regueiro, ás 18.00 horas para decidir os lugares a pintar para dispersarse na súa búsqueda pouco despois. Dúas horas despois, regresarase ao punto de partida e alí, Castro decidirase a facer unha foto de todos os debuxos que se colgará nas redes sociais a modo de exposición tanto do talento dos participantes como da beleza que transmiten as paisaxes da Arousa para ser debuxadas. Esas redes sociais serán as do seu proxecto personal, “A Ghatada”, un proxecto artístico que ten o debuxo como o elo condutor.
A actividade é totalmente gratuita, tan só os participantes deberán levar con eles os mateirais a utilizar, é dicir, un caderno , lapis, bolígrafo negro, goma, cores de todo tipo en forma de ceras, acuarelas ou rotuladores entre outros, e sobre todo, moita imaxinación. Aínda que pensada para os máis pequenos, tamén está aberta a rapaces e mozos adolescentes e adultos, como unha forma de ocio alternativo que xa se practica en moitas cidades, un ocio san e alonxado de botellóns.
“Penso que é unha forma de achegalos á arte e de que descubran o seu talento, que se atrevan a facer cousas que non fan habitualmente, e que perdan o medo a facelas”, explica. A idea colleuna Castro nunha actividade moi semellante que se vai desenvolver nos vindeiros días en Pontevedra. “Non é exactamente igual, pero serviume para pór en marcha o que eu quería, que é implicar aos pequenos, que poidan facer algún tipo de actividade despois de todo o que pasaron durante todos estes meses; credo que o merecen e se se fai ao ar libre e mantendo todas as medidas de prevención, como fan nos demais concellos, é perfectamente factible levala a cabo”.
“O máis cativos son os que máis e mellor cumpriron durante esta pandemia”
Os máis cativos da casa son quizáis os que aguantaron de maneira máis estoica todos estes meses de peches na casa ou de saír á rúa con mascara, vendo como moitas das súas costumes desaparecían. “Creo que son os que máis e mellor cumpriron, e por iso se merecen algún tipo de actividade que lles serva para desenvolverse e expresarse de maneira artística, a través de debuxo”. A ausencia de iniciativas por parte do Concello é unha das cousas que máis lle chama a atención a Laura Castro Rial que ve como “no resto de concellos se organizan cousas, con todas as prevencións necesarias, para que os máis cativos poidan sobrelevar esta situación, mentre na Illa, coa excusa do coronavirus, aproveitouse para suspender absolutamente todo, algo que non é lóxico”. “Unha illa no caderno” é só un paso para acadar ese obxectivo de que os nenos desfruten da arte, pero non será o único seguramente, xa que Castro baralla levar a cabo máis actividades semellantes no futuro.