Co Encontro de Embarcacións Tradicionais de Moaña no horizonte, a Escola de Navegación Tradicional (ENT) de Dorna decidiu darlle uns retoques a unha das grandes xoias que ten ao seu cargo, a “Nova Marina”, a única réplica dunha lancha xeiteira, un tipo de embarcación que percorreu as rías galegas ate mediados do século pasado á procura da sardiña. Delas non quedaba ningún rastro ata que, no ano 1993, se atopou a quilla dunha destas embarcacións enterrada nos fondos de Caldebarcos, en Carnota. Esa foi a base sobre a que se acabou construindo a embarcación que se pode atopar na Illa desde fai máis de 20 anos.
Durante os últimos tres meses, a pesares da pandemia, a ENT adicouse a pola a punto dentro das instalacións do Centro de Usos Náuticos do Bao, de onde regresará ao mar ao longo desta semana ou da próxima.
A intención, explica Salvador Allo, presidente de Dorna é que “non se perda os Encontros xa que participou absolutamente en todos”. Unha auténtica xoia como a “Nova Marina” tería un lugar especial en calquera pantalán francés, alemán ou inglés, onde as embarcacións tradicionais contan co respaldo das institucións. Sen embargo, ese non vai ser o caso da “Nova Mariña” que terá que ser amarrada a un “morto”, expóndose a ventos e demais condicionantes meteorolóxicos mentres agarda por unha Mariña Tradicional que non semella chegar. Allo quéixase amargamente desta situación, xa que “a ‘Nova Marina’ é unha embarcación cunha historia única no mundo detrás e debería contar cun espazo adecuado a ela, sobre todo porque se recuperou con cartos da propia Xunta, que é a institución que non dá os pasos adecuados para protexela despois”, explica Salva. Este problema non só se vai rexistrar no verán, se non que tamén se vai repetir ao longo do inverno ao non contar as embarcacións cunha zona de abrigo onde amarrar sen que se lle cobren unhas taxas que non pode afrontar unha entidade como Dorna.
Mentres as administracións semellan darlle as costas a este tipo de embarcacións, patrimonio inmaterial de toda a cultura mariñeira galega, non fan así persoas particulares. Un exemplo diso é Sara, unha socia da ENT que se encargou prácticamente soa do mantemento da “Nova Marina”, un traballo que non foi sinxelo e que non sempre contou con toda a axuda agardada debido ás restriccións de mobilidade a causa da pandemia. “Sara foi fundamental á hora dese mantemento, practicamente fíxoo soa, sacando tempo de si mesma para adicarllo á xeiteira, algo que é de agradecer; ela foi quen a puliu, quen lle dou as mans de aceite e quen a alquitranou para que volva a lucir como a xoia que verdadeiramentre é”, sinala.
Réplica dunha quilla que se conserva en Massó
No ano 1993, en Caldebarcos, era localizada a quilla dunha xeiteira, un fito histórico que acabaría sendo trascendental na recuperación das embarcacións tradicionais. Sobre a fasquía desa quilla elaborouse na Aixola a “Nova Marina”, unha xeiteira que se encargou de abonar a Xunta e que pronto cedería á Escola de Navegación Tradicional da Illa mentres os restos do pecio orixinal depositábanse no museo Massó, onde poden ser obeservados por todos os seus visitantes. A “Nova Marina” mide 8,18 m. de eslora e 2,80 de manga e acostuma a ser tripulada por entre 3 e 8 mariñeiros. Desde a súa construcción, a Nova Marina participou en todos os Encontros de Embarcacións Tradicionais que se celebraron en Galicia, pero tamén fixo viaxes de sona internacional. Estivo en Brest no 2008, cando o patrimonio marítimo de Galicia se converteu en convidado de honra a un dos eventos de navegacvión tradicional máis importantes do mundo. Pero o máis importante é que todos os anos navegou, por ela pasaron centos de persoas que sentiron o que é navegar nunha lancha de relinga, e axudou a espallar o coñecemento do patrimonio marítimo galego a flote do que se pode decir que é insignia.