É unha das xoias da coroa das embarcacións tradicionais da ría de Arousa, e mesmo de Galicia. “O Rei do Mar” foi adquirido hai máis dunha década pola Escola de Navegación Tradicional da Illa, que evitou o seu desguace para convertilo nun barco de formación para novos patróns tradicionais.

Despois dunha importante rehabilitación, feita nas instalacións do Varadoiro do Xufre, o galeón regresou ao mar para pór en marcha un novo proxecto de formación. Ese proxecto inclúe un cambio na súa morfoloxía, xa que deixará de utilizar unha vela de relinga para empregar unha cangrexa. Salvador Allo, presidente de Dorna, recoñecía este luns que a decisión de cambiar o velame parte pola especialización que necesitan os mariñeiros para usar a relinga, o que obrigaba a saír a navegar cunha tripulación moi determinada, mentres que coa cangrexa “é todo moito máis sinxselo para formar como para navegar, polo que ‘O Rei’ vai facer moitas millas este ano”.

O 'Rei'' do mar' navega coa súa nova "vela cangrexo"

O 'Rei'' do mar' navega coa súa nova "vela cangrexo" Iñaki Abella

Antes de empregar as novas velas, os integrantes da ENT e Dorna instalarán un novo pau para a cangrexa e, unha vez solucionado iso, será o momento de comezar coa tempada de navegación que, como cada ano, iniciarase o vindeiro 17 de maio, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas. O gran obxectivo deste ano non é outro que participar co “Rei do Mar” nos Encontros de Embarcacións Tradicionais que se van a celebrar no peirao de Moaña. Alí reunirase con gran parte da flota tradicional e con moitas embarcacións que chegarán desde toda Europa.

Mentres agarda por esa data, a principios do vindeiro mes de agosto, o “Rei do Mar” terá que permanecer amarrado a un morto nas proximidades do peirao do Xufre. Dorna leva tempo reclamando a Portos que lle deixe usar algún dos 14 amarres que están libres no pantalán de bateeiros, un lugar onde podería estar ao abrigo mentres non se leve adiante a Mariña Tradicional. Porén, o ente portuario pide que se aboen as taxas algo ao que Dorna non está disposta, pois “somos unha asociación sen ánimo de lucro e non podemos asumir o coste que supón amarrar aí o barco”.

Nesa situación non se atopa só o “Rei do Mar”: hai outros catro galeóns que teñen moitos problemas para topar un amarre. Carecer dun espazo de abrigo pon en serio risco de conservación as embarcacións tradicionais de maior porte,como ocorreu xa con varias nesta comarca.