O IES Ramón Cabanillas é un dos dez centros de toda Galicia que participan no proxecto “21 Días co Galego”, que impulsa a Secretaría Xeral de Política Lingüística. No centro esta iniciativa foi rebautizada co nome “Cambados 21, Vento nas Velas” e ten como principal obxectivo favorecer a expresión oral en galego entre o seu alumnado, cun enfoque transversal, lúdico e participativo. O proxecto vaise centrar no desenvolvemento das competencias comunicativas orais.

O pasado luns xa tivo lugar o concerto inaugural no que se presentou o tema “Vento nas Velas”, de Naomi Rey, de 4º da ESO, e foi elixido como sintonía da Radio Galega. Un grupo de alumnos deron a alborada de gaitas no patio, adornado de bandeirolas.

Xa pola tarde, presentouse o blog sonsnasvelas.blogspot.com elaborado polo alumnado de bacharelato, con recensións persoais sobre a música galega.

Durante os vindeiros 21 días, o alumnado e o profesorado do Cabanillas levarán a cabo un reto compartido: ampliar e mellorar o seu uso da lingua galega.

Para isto, un equipo de traballo conformado por máis dunha vintena de profesores do centro deseñaron, ao longo deste curso, unha intensa programación de actividades e proxectos para todos os niveis educativos das ensinanzas que imparten, nas que se inclúen tamén as que s rexistran no ciclo de vitivinicultura.

Serán actividades cun enfoque lúdico e creativo que procurarán a práctica oral do alumnado e desenvolveranse coa axuda de novas tecnoloxías. Tamén haberá programas de radio explicativos sobre diferentes materias e actividades divulgativas.

O proxecto inclúe, ademais, a dinamización dos recreos para favorecer as relacións interpersoais entre iguais en lingua galega.