José Lores González pertenceu a unha das familias con maior actividade industrial na vila do Grove nos mediados do século XX. Descendente do industrial conserveiro Francisco Lores Fernández e de María González Méndez, naceu o 20 de abril de 1929, formándose en Vigo nos seu anos mozos e cursando estudos nas Universidades de Santiago de Compostela e Bilbao. Con só cuarenta anos, tomou o bastón de mando da Alcaldía do Grove unha tarde de novembro –o día 5– de 1969. Para facelo deixaba atrás unha brillante tarefa na presidencia da Confraría de Pescadores do Grove. Ao longo de gran parte da década dos anos sesenta acadaría, durante o tempo que estivo desempeñando o seu cargo, obxetivos tan relevantes coma a inauguración , en setembro de 1965, da Casa do Pescador, hoxendía, como ben sabemos, un dos edificios máis importantes da vila, polo que representa para a economía meca. Foi un hito social que xa comezara no mandato de Francisco Piñeiro e que Lores continuaría para chegar a ser a primeira “casa del pescador” que abría a súas portas na provincia de Pontevedra dende a finalización da Guerra Civil. Tamén Pepe Lores quedará para a historia, entroutras facetas da súa vida, como o alcalde que promoveu un dos símbolos máis representativos e fotografiados do Grove: o monumento á Familia Mariscadora. Esta obra do gran escultor Alfonso Vilar Lamelas tamén foi inaugurada sendo el alcalde, durante a Festa do Marisco de 1972. E igualmente está ligado ao seu mandato a estrada que discorre dende o Sanatorio da Lanzada ata a Urbanización de San Vicente do Mar. Aínda non levaba un ano na presidencia do Concello e participou na inauguración, xunto coas autoridades do momento, para dar servicio á recente urbanización de Miguel de La Cierva. Houbo maás actividades e feitos que forman parte daqueles anos, pero hoxe, queremos traer algúns dos máis representativos do seu tempo e da súa vida. Non están todos, pero si unha pequena mostra dalgúns dos que foi parte importante. Cando visitemos o Porto do Grove, un dos eixes principais da historia mariñeira meca, teremos presentes dúas obras significativas da nosa historia, a Confradía de Pescadores e a Estatua do Mariscador. Dous hitos que recordan a man e entusiasmo de José Lores, nos que participou activamente acompañado doutras persoas, e que son parte identitaria da nosa historia. Hoxe recordámos a persoa pública que foi, pero sobre todo, o facemos tendo presente con cariño e respeto a persoa, cercana e afable, que se nos foi.

*Francisco Meis é historiador