Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Editan un libro que recompila os traballos de Luis Rei de cultura marítima

A publicación pretende ser unha homenaxe á figura do falecido intelectual grovense

Luis Rei (centro) amosa o premio Ramón Cabanillas. | // N. P.

A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) acaba de publicar o libro “Farol perpetuo na néboa. Luis Rei e a cultura marítima”. Esta publicación é unha homenaxe á figura do intelectual grovense Luis Rei, falecido hai cinco anos aos 55 anos de idade. Rei foi un dos grandes activistas cos que contou a Federación desde o seu nacemento, en 1993 para o rescate, reivindicación e divulgación da cultura dos mares e ríos galegos e para a dignificación das xentes que neles traballan. Rei sempre estivo vencellado a esta xente, amosando un importante compromiso na reivindicación de todo aquilo que tiña que ver coa cultura tradicional galega, e sobre todo, coa marítima.

O libro, preparado polo actual cordinador da revista Ardentía, Emilio Xosé Ínsua, e polo catedrático e académico cambadés Francisco Fernández Rei, ambos tamén activistas de Culturmar, reúne en catro grandes apartados materiais diversos sobre a traxectoria de Luis Rei. Os apartados son “Letras con salitre”, que reúne textos sobre cultura marítima publicados en diferentes revistas;“Tópicos e (pre)textos para unha historia de Cambados”, publicado orixinariamente por entregas no suplemento “Máis Cambados” do FARO de VIGO entre 2005 e 2007; dez entrevistas realizadas a Luis Rei en diversos medios; e uns apéndices cunha escolma fotográfica que percorre a súa vida.

A intención de Culturmar era facer unha presentación ampla para lembrar a figura de Luis Rei como se merece.

Sen embargo, ante as restricións implantadas actualmente pola situación de pandemia, a entidade decidiu pospoñer, de momento, os actos de presentación pública que se ían a realizar en Cambados, O Grove e outras localidades.

Compartir el artículo

stats