Cando pasei á política activa, fíxeno nun concello gobernado por un PP sen proxecto de nada e que actuaba da peor maneira posible: trato discriminatorio coa veciñanza, mesmo coas traballadoras municipais, con trabas e ameazas veladas aos que non eran "dos deles", tamén con certos colectivos, asociacións e clubes deportivos, e con favoritismos evidentes con outros. Abusos de poder, despilfarro de fondos públicos, falta absoluta de transparencia, contratos a dedo, unha xestión penosa do público, e un longo etcétera que se tapaba con formigón, asfaltados e campos de fútbol. Con todo, o que máis penalizou na súa última etapa ao goberno de Salomé Peña e Rafael Louzán foi a soberbia, ese mirar por enriba do ombreiro, crerse intocables e co don divino de facer e desfacer ao seu antollo.

No 2015 puxemos fin a ese período negro do noso concello, e abrimos as portas e ventás da casa consistorial para que entrara unha nova maneira de xestionar, aproveitar os recursos, tratar as entidades con igualdade e equidade, promover políticas de emprego, sociais, promoción cultural, deportiva, apoio ao comercio local, transparencia, comunicación e algo moi importante: un trato igualitario con todas as persoas, absolutamente todas. Porén, non viviamos enganados, en Somos Ribadumia sabiamos que había un risco e que sen o noso control Ribadumia volvería da man de David Castro e os Independientes aos peores tempos do PP.

Chegou un ano de maioría absoluta para darnos a razón. Este último pleno foi o exemplo. Nel evidenciouse a realidade do goberno de IR: trato discriminatorio cara unhas entidades, de favor cara outras, xestión partidista dos recursos, instalacións defectuosas, servizos mermados, falta de proxecto político e social, improvisación continuada, falta de transparencia e, como colofón, ataques a determinadas persoas, nalgún caso traballadoras do concello. E xa volvemos a ter Ribadumia dividida en dúas metades, os " deles" e os " outros". Neste caso a diferencia é que non está a Deputación para tapar o desastre, pero a maioría absoluta cega ao noso alcalde e aos seus acólitos que, como no seu momento os do PP, xa se creen por enriba dos demais. Facía falla sacar a Salomé para acabar volvendo ao punto de partida?

*Enrique Oubiña é voceiro de Somos Ribadumia.