Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A saudade de Andrés do Barro

O debuxante grovense Gogue e outros artistas galegos homenaxean ó senlleiro compositor no seu trinta cabodano

Gogue debuxando a Andrés do Barro. // FdV

Cincuenta anos despois de que saíra á luz "Teño saudade", un traballo musical que pode considerarse o berce do pop en galego, e 30 anos despois da morte do seu autor, Andrés do Barro, un grupo de artistas uníronse para homenaxealo cunha fermosa versión: "Saudade 2020".

É un traballo musical que os participantes gravaron nas súas casas durante o confinamento, mentras que Gogue, o debuxante grovense, se encargaba de facer as ilustracións correspondentes.

Esta homenaxe preséntase nun vídeo musical co que se queren "compartir saudades que musiquen a nova realidade que os uniu e unha nova realidade que nos una", explican os promotores deste traballo que é idea orixinal do cantautor Marcos Mella.

Engaden que "a nostalxia, a señardade, a morriña e a saudade, tan propias de Galicia e tan propias desta crise sanitaria, teñen así un novo tema e un novo vídeo", que ademais é, como se dicía antes, unha homenaxe "ao galego que puxera en primeira liña nacional o sentimento e a música de Galicia".

Integración social

Desta volta, Gogue participa cunha obra orixinal e inédita creada para a ocasión coa que se ilustra un vídeo musical integrador, xa que nel tamén participa a especialista en lingua de signos Natalia Navaza, que aparece nas imaxes encargándose da interpretación para que tamén as persoas xordas ou con problemas auditivos poidan desfrutar deste "Saudade 2020".

Este traballo conta coa colaboración da ferrolá Andrea Lapique, unha das fillas de Do Barro, que lembra a ser pai dicindo que "tiña unha sensibilidade especial e chea de maxia".

Sobrevive a música

Un home que cando finou "deixou un baleiro en todos os que tiveron a sorte de coñecelo" pero que deixou para todos a súa música, a cal "sobrevive ás ausencias, ao tempo e ás distancias para achegarnos lembranzas, amores e sensacións".

Entre os colaboradores do traballo, entre os que tamén se atopa a xornalista Belén Baños, non hai que esquecerse do videógrafo santiagués Álex Uzal, que dende Fílmate Estudos Fotográficos se encargou da realización, montaxe e edición do vídeo; nin de Víctor Gacio, de Estudos Anca, que fixo a mestura e a masterización do son.

Compartir el artículo

stats