Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O Meco, da lenda ao entroido en toda Galicia

O autor fai un repaso sobre o señor feudal que foi axusticiado polos seus abusos relativos ao dereito de pernada

O Meco, da lenda ao entroido en toda Galicia

En todo caso a lenda estendeuse do século XV ata o XX, e dela ocupáronse entre outros Diego Antonio Cernadas y Castro, o cura de Fruime, nos seus poemas; o historiador Manuel Murguía, na súa obra "Galicia"; o político Eugenio Montero Ríos, nun discurso no congreso dos deputados; o artista Luís Seoane, cos seus gravados do Meco; e os veciños do Grove Francisco Franco Calvete, en forma de zarzuela escrita nos anos finais de 1920 e publicada e representada co título de "O Señor Feudal. Ou quen matou ao meco"; Francisco García Moldes, no programa "O Meco" da reposición da obra de Franco Calvete, en 1948; o xornalista Eduardo García Prieto, nun artigo titulado "Luz de la leyenda.

El meco y El Grove"; o daquela universitario Elías Lamelas Fariña, nun traballo de carácter docente; ou o escritor Manuel Lueiro, en diferentes artigos xornalísticos. Quer isto dicir que foi o Meco, obxecto da atención dende variados puntos de vista e personalidades, sen por iso perder de vista que se trata dunha lenda, dunha invención oral transmitida por varias xeración en diferentes lugares e de diversas maneiras. Sorprende a pegada da representación da obra de Franco Calvete que se ten convertido en auto de fe para moitas xeracións de mecas e mecos. Foi o Meco, fose quen fose, quen lle deu nome ao xentilicio polo que somos nomeados os grovenses; asumido tamén como chata, alcume, por varias familias; elixido como nome comercial de negocios; rol de embarcacións; cabeceiras de publicacións e outras utilidades... O Meco será tamén protagonista principal de entroidos ancestrais.

En senllos traballos intentaremos ver como a lenda ten orixe non nun acontecemento real, senón que é o resultado de diferentes concrecións de feitorías e abusos frecuentes nun tempo de excesos, despotismo e ignorancia. E como a sociedade medieval, lúdica e festiva, convirte a lenda nun motivo de desagravio de afrontas, facendo da figura do Meco, un boneco de entroido co que expiar todos os males padecidos. A orixe etimolóxica de "meco" hai que buscala no latín "moechu" co significado de adúltero, e concretamente na súa acepción de vicioso sexual. Nas disposicións eclesiásticas referidas á aplicación do sexto mandamento da lei divina, aquel que refire "non cometerás adulterio, nin actos impuros contrarios á castidade" figuran textos con esa palabra "non serás mecho, nin cometerás adulterio ou fornicio".

As referencias literarias mais antigas que coñecemos arredor da figura do Meco encontrámolas na obra "La vida y hechos de Estebanillo González, hombre de buen humor, compuesta por él mismo", editada en Amberes, Flandes, en 1646. Esta novela picaresca de autoría descoñecida está redactada á maneira dunha autobiografía, ignorándose se se trata dunha obra con base real ou dunha ficción literaria. En calquera caso "Estebanillo González", o nome abreviado polo que é coñecido este relato picaresco, é tamén o nome que adopta o "pícaro e bufón" redactor da obra na que fai mención ao seu pai que sería un pintor galego, natural da vila miñota de Salvaterra, fronte á vila portuguesa de Monçao; e á súa nai, sobre a que refire "...y cuando tuviere tan mal capricho, y tan hecha la cara al desaire, que me bostezara de su gruta oscura a ser, con perdón, gallego, y a que perdonara a Meco como todos sus pasados..." . Esta referencia literaria infórmanos de varias circunstancias, entre as que hai que salientar a que ten que ver coa burla que viñan padecendo (tan hecha la cara al desaire) as persoas naturais de Galicia a respecto da ofensa que o tal Meco cometera cos seus abusos sexuais sobre as mulleres do país e a chanza reiterada sobre se xa lle perdoaramos ao Meco as súas ofensas colectivas, o que sería tanto como aceptar a inxuria dos sucesivos adulterios, violencias e excesos cometidos por Meco, tomado aquí como personaxe non lendario, senón como protagonista de feitos que aconteceron na realidade, probablemente non nun lugar concreto senón como tipificación do abuso de poder. Tendo en consideración a data de 1646, a cidade de publicación e a referencia á nai do redactor da obra, cabe imaxinar que a lenda xa circulaba pola vella Europa varias ducias de anos antes da publicación do "Estebanillo", polo que no século XV xa era materia lendaria.

A proximidade de Salvaterra de Miño ás terras do norte portugués explicaría a rápida extensión ata Lisboa da lenda do Meco, así encontramos no "Vocabulario portugués e latino" de Rafael Bluteau, editado en Lisboa en 1716, a entrada Meco, coa acepción de luxurioso, vicioso, completando a explicación coa mención a que sería un miñoto (un home portugués da beira do río Miño) quen lle "tiraría a honra a moitas doncelas galegas" e afondando na burla do reiterado abuso medieval do dereito de pernada "...acostúmase a preguntar por mofa perdoáchedes ao Meco? Con moita maior razón, os do Miño lles fan esta pregunta aos da Galiza, sendo eles os verdadeiros galegos, pois foi o caso que un miñoto estando na Galiza tiroulle a honra a moitas doncelas, e púxolle cornos a moitos que eran casados, feito polo que os galegos ficaron mui sentidos e raibosos, e foi este alcumado o Meco. Por iso senten ofensa os galegos da pexa e luxuriosa pregunta "perdoáchedes ao Meco?".

Cando Frei Martiño Sarmiento (Vilafranca do Bierzo, 1695-Madrid, 1772), criado en Pontevedra e ausente de Galicia dende que tiña quince anos, no lombo dunha mula realiza a súa segunda viaxe por Galicia, en 1745, xa pasara un século dende a publicación do "Estebanillo", así temos que de longo tempo eran coñecidas as referencias que fai á lenda do Meco tanto na súa obra "Meco-Moro-Agudo. Epítetos del impostor Mahoma" publicada en Madrid en 1789, co subtítulo "Por qué los gallegos no pueden ni deben perdonar a Meco", como na publicada co título "Confirmación de que el origen de la fábula del meco y del chasco nació fuera de Galicia". Nelas Sarmiento, que visitou a península do Grove nesa viaxe facendo unha ruta circular con entrada polo Vao en dirección a San Vicente polo areal de Raeiros, Area da Cruz e A Barrosa, e baixando á reitoral de San Vicente para seguir por Balea e Reboredo, con subida á Siradella, onde mandou cortar unhas polas da Figueira do Meco, coa "intención de descargar aos galegos de semellante inquina", aproveita para facer proselitismo da súa fé, cargando nos adversarios do seu credo, os mahometanos, a culpa da inxuriosa tradición e dando como certa a referencia de Meco á Meca, a cidade santa do Islam; e pousando a responsabilidade directa non nun crego católico luxurioso e abusador senón directamente no propio Mahoma, o lider relixioso fundador do islamismo. Nada menos. Certamente o padre Sarmiento detecta aspectos da lenda que o sorprenden, como o feito de que sexa escollida unha figueira para proceder ao aforcamento do señor feudal, árbore de madeira pouco consistente, e que as xentes do Grove fosen facer xustiza a un lugar tan inaccesible e alonxado como o alto da Siradella. Vexámolo nas súas palabras

"San Martín de Grove está en una casi isla, donde la Ría del Padrón entra en Mar Alto. Es fama que un estudiantón se fue a Galicia y hubo arte para conseguir el curato de O Grove, y que por su lascivia las mulleres de su freguesía lo ahorcaron en una higuera, que todavía muestran hoy en día en una altísima montaña. De aí viene, dicen algunos, el pedir a los gallegos, que perdonen a Meco, o al lascivo, que en Galicia llaman: o meco do Grove. Estuve en San Martín de Grove, vi la higuera que dicen haber sido horca del Meco. Está en la cumbre de una altísima montaña. Y porque en tanta altura produce los higos colorados a causa de los aires fríos, se añadió a la fábula que esto procedía de la sangre del Meco; siendo el mencionado árbol el más inepto para servir de horca. Y hallándose la higuera del Meco tan inaccesible aún para cabras, se hace ridículo que fuesen las mulleres a ahorcarle allí, siendo Grove amenísimo en todo género de árboles".

En fin que Sarmiento destripa o conto sabedor de que a figueira non é árbore que resista o peso dun corpo, que moito menos lonxe da Vilavella, había lugares como a Fraga Real, nos que se cortaba madeira de carballo e castiñeiro para as naves do Rei, arrima a sardiña á súa brasa ideolóxica e mata dous paxaros dunha vez: arreándolle aos mahometanos e librándonos a nós, os cristiáns, da chanza de se lle perdoamos ao Meco as afrontas, que para Sarmiento non se produciron entre nós, senón en terras árabes moito máis distantes.

Compartir el artículo

stats