Houbo un tempo no que Catoira era un pobo rico; una vila con empresas fortes e ata con balneario. Daquela non había ponte ata Rianxo e o río Ulla cruzábase en pequenas gamelas. Un dos mozos que se bañaban a carón das Torres do Oeste e xogaban nas rúas e leiras deste pobo viquingo era Lucho Lajos Guillán, por todos coñecido coma "o veterinario de Caldas".

En realidade trátase de Manuel Lajos Guillán, "Lucho de Miguel", nado na rúa Estación, na casa de Don Daniel, o día 1 de xaneiro de 1941. É "o derradeiro fillo de cinco irmáns do matrimonio de Teresa de Guillán e Miguel de Laxes", e foi á escola de Catoira, no Outeiriño, ata onde o levaba tódolos días "o mestre don Antonio Barreiro Veloy", sendo tamén mestres seus "don Antonio 'O Rataplán' e don Tomás Franco, o pai de Carmiña a boticaria".

Cando tiña 16 anos "saía da escola de Catoira e ía polas tardes a clases particulares que poñían don Elías Chenlo Abalo e a súa dona Dona Amparo Padín Carlés no primeiro andar de Casa Emilio".

Así se presenta este home sinxelo nun libro co que se estrea como escritor e no que fala daqueles tempos e daquelas xentes. Trátase de "Lucherías de Catoira", unha obra que se vai dar a coñecer o vindeiro día 28 no Auditorio de Catoira, ás sete do serán, no cal moitos van poder redescubrir canto acontecía nesta vila e na bisbarrra nos anos cincuenta e sesenta.

Os cartos adicaranse a investigación oncolóxica

Ademáis, é un libro que valerá a pena mercar, xa que despois da súa experiencia persoal, o autor quere que toda a recaudación obtida pola súa venda vaia dirixida a investigación en oncoloxía, por eso se vai entregar o recaudado ó grupo multidisciplinar Oncología Médica Traslacional, que centra os seus estudos nas metástases.

Con este traballo literario, Lucho Lajos quere facer un percorrido por unha época na que lle tocou vivir en medio de moitos personaxes senlleiros "que darían para facer unha novela interesante". E "sin querer ofendelos", fala deles e conta as súas anécdotas, porque sabe que deste xeito tamén fala ha historia do seu pobo.

Algúns dos protagonistas

Eliseo de Isorna, Joaquín de Clemente, Hipólito Rey Sánchez, Valentín Carril, Daniel Rey Barreiro, José María Rañó "O Panadeiro", Emilio Rodríguez Rañó, Satiro Figueira, Faustino Rey Romero, O Cura de Bamio, Pepito Coira, Ramiro de Conde, "O Manco", Pasarín, ou Pepe Domingo Castaño son algúns dos nomes que protagonizan os preto de sesenta capítulos cos que o autor pariu "Lucherías de Catoira".

Capítulos entre os que se atopan os adicados á Garda Civil, ós alcumes dos catoirenses, á Banda do Cañoto e mesmo ás frases célebres das xentes de Catoira e ás súas gamberradas.

Pódese decir que de Egidio Figueira conta que "foi a memoria menos intoxicada de todo Catoira". Era o aguacil do Concello, e "un carro de vacas foi o motivo de que de moi mozo lle amputaran o brazo esquerdo".

Conta tamén que "Egidio, Paco Carril, Pepe de Moure, Valito, Mariño, Don Pepe e Merucho eran asiduos a tomar as chiquitas a eso das dúas da tarde en Casa Hipólito". E que "Ramiro de Conde, Ramirito, era o encargado de coidar o patrimonio na contorna das Torres do Oeste, onde, ademáis das dúas edificacións e a capela adosada a unha delas, había pereiras bravas, acivros, loureiros, salgueiros, eucaliptos e unha variedade de fauna como curuxas, mouchos e outros paxaros".

Non se esquece de Segundo Rodríguez, que "foi un dos grandes personaxes de Catoira (€); un pozo de sabedoría que foi o primeiro maquinista da antiga Fábrica Vella, onde poñía a maquinaria a punto e montaba ou desmontaba canto aparato se lle poñía por diante".

Limiar de Miguel Piñeiro

Na presentación deste libro o vindeiro sábado vai intervir outro escritor, o xornalista catoirense Miguel Piñeiro, que ademáis escribe o limiar. No mesmo fala do seu "entrañable amigo Lucho", que "non ten dobre fondo nin reviravolta, senón que foi sempre así e así seguirá teimando na súa forma de ser: garimosa, entrañable e cercana".

Un home, Lucho Lajos, "que por profesión e devoción forma parte das xentes, dos sentires e das emocións: un home que gusta de falar devagar, de sorrir e de lembrar".

Por eso Piñeiro coida que "as persoas como Lucho son necesarias nas casas onde a tertulia arredor do lume é unha obriga, pois lonxe de Facebook, Twitter, Instagram e outras lerias modernas, a conversa directa é a comunicación máis idónea e o mellor sistema de interrelación persoal".

Pero a pesar de coñecelo tanto, no é ata agora cando Piñeiro descubre ao Lucho "escribidor", o cal "mantén vivos os valores que atesoura, forxados no crisol da amizade, o respecto, a integridade e, por qué non dicilo, tamén da boa vida".

No limiar explica o xornalista catoirense que o que fixo Lucho neste libro foi "un excepcional traballo de recolleita de nomes, sucedidos, contos e personaxes que só permanecerían na memoria dos coetáneos e que perdurarían grazas á tradición oral, co risco que iso conleva de se perderen ou esmorecer paseniñamente".

Así pois, con "Lucherías de Catoira" perpetúase "unha parte sobranceira dunha vila, como son as senlleiras personaxes que a conforman e a vertebran, facendo Lucho un legado persoal e literario comprometido coa nosa Catoira e as súas xentes".

Lembra Miguel Piñeiro que "Catoira é terra de Diego Xelmirez, cos seus claro-escuros pero grande onde os haxa; é terra dos magníficos Faiscas do Xiabre e Milladoiro, Os Areeiras, Fausto Isorna, terra de diversos tipos de muíños ancestrais, terra da romaría máis curiosa e simpática de cantas hai en Galicia e é o berce e punto de encontro do Ulla coa maxestuosa Ría de Arousa".

"Pero Catoira é tamén a terra de Lucho, quen con tempo por diante e unha cunca de viño, transfórmase nunha fiestra aberta ao sentimento, nun buraco no tempo polo que penetrar nun bucle temporal que te transporta a tempos pasados e quizáis máis felices, sen tanto adianto nin aditivo tecnolóxico", engade o xornalista viquingo.

Aínda que haberá que mercar o libro para descubrir un pouco máis sobre Catoira, e de paso colaborar na loita contra o cancro, pódese adiantar, para animar ós catoirenses a facelo, que nel aparecen recollidos apodos, alcumes ou motes coma O Xubenco, O Parromo José de Brinxas, O Bolero, O Laverco, Andrés o Juapo e Juan o Rapeiro.

Tamén os de Ramón o Cabalo, O Verganillo, Os Margarida, Juan Pardo, O Larchán, Cariña de Rosa, Palanqueta, O Monao, O Calderilla, O Pingueira de Abalo, Os Madrileños, Os Carabineros, O Fancho e O Currucho.

Sen esquencer a O Lajarteiro, Os Pistolas, O Paspallás, O Ferrancho, O Jubilete, O Tabeirón, O Maneiro, O Cabalo Branco, Palliñas, Os de Botas, O Ferruxe, Os Mijeliños, Os do Ferreiro e moitos máis.