Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O galego que se fala alén Miño

O ciclista Gustavo César Veloso explicoulles aos alumnos de portugués da EOI como a súa lingua materna lle facilitou a súa integración no pelotón luso

Gustavo César Veloso durante a charla de onte na EOI. // Noé Parga

O galego ten que superar a diario todo tipo de prexuízos, entre eles, o de ser considerado por moita xente unha lingua "inútil" máis alá das fronteiras do noso país. Sen embargo, os feitos acostuman a demostrar o contrario e un exemplo diso estivo onte na Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Vilagarcía, convidado polo departamento de Lingua Portuguesa. Ese exemplo non é outro que o ciclista de bamio, Gustavo César Veloso, que explicou aos alumnos da EOI como a proximidade entre a lingua galega e a lingua portuguesa lle facilitou moito a aclimatación ao pelotón luso. "O galego axudoume moito á hora de correr en Portugal, porque grazas a él puiden comprender rapidamente a lingua e integrarme cos meus compañeiros, algo que nos ocorría a todos os galegos", explica. Non pasaba o mesmo cos corredores españois doutras latitudes, "aos que lles custa moito máis aprendelo, de feito, hai algún que, despois de cinco anos alí, entende o que lle din en portugués, pero non é capaz de falalo".

É por iso que Veloso afirma que "non hai idiomas pequenos, nin grandes, por iso non debe haber prexuízos contra eles; ser bilingüe, capaz de falar dúas linguas perfectamente, ábreche moitas portas e facilítache, incluso ,a aprendizaxe dunha terceira".

No caso do portugués, explica Veloso, "a raíz común que teñen ambas linguas facilitoume a aprendizaxe e permitiume integrarme con maior velocidade, e sendo capaz de expresarte en castelán, en inglés e en portugués prácticamente podes viaxar polo mundo sen dificultades de comunicación".

Desas tres linguas, "os galegos temos a sorte de dominar perfectamente unha (castelán) e non partir de cero noutra (portugués) o que nos abre moitísimas portas e vai sendo hora de que sexamos conscientes diso, porque nun mes non só entendemos portugés, se non que o podemos falar perfectamente".

Calificar galego e portugués como a mesma lingua é algo que Veloso non acaba de ver. "Está claro que teñen a mesma raíz, pero o portugués seguiu o seu camiño, mentres o galego mudou por influencia do castelán; parécense moito, pero hai tamén moitas diferencias", sinala.

A lingua non foi o único tema que abordou Veloso durante a súa visita á EOI. Os alumnos puideron preguntarlle sobre a súa experiencia na aclimatación aos equipos portugueses ou á lingua, pero tamén pola súa carreira como ciclista, unha das máis espectaculares do pelotón galego. De feito, Veloso conseguiu vencer a Volta a Portugal en varias ocasións e acadou tamén un triunfo de etapa na Vuelta a España, entre moitos outros logros. O ciclista de Bamio xa se atopa preparando a vindeira tempada despois de descansar durante o mes de setembro. O obxectivo, ao igual que en anos anteriores, é preparar o mellor posible a volta a Portugal, carreira na que volverá a ser un dos homes importantes do Porto W52, e por extensión, do pelotón portugués.

Compartir el artículo

stats