"Cando un amigo vaise forzando o seu destino, comeza a nosa alma a vibrar porque se enche de frío", palabras poéticas de cantautor popular que son ben acaídas para lembrar á figura humana e profesional de José Carlos Da Silva Renda, no seu pasamento da efémera vida física á eterna que permanecerá para sempre no espazo da memoria colectiva recordando a unha persoa boa e xenerosa, no senso ético e moral que afirma o himno galego.

Ficará entre nós o seu patrimonio de entrega á causa do voluntariado social, coa participación no universo da cultura musical que puxeron nota de harmonía no Coro do Liceo de Vilagarcía e no Orfeón Voces Graves "Arousa"; na dinamización das actividades do Gato Negro de Carril e, moi especialmente, na presidencia da Iniciativa Cidadá de Memoria Histórica Democrática consagrada á procura de facer didáctica, coa ruta de paneis divulgativos marcando os lugares da infamia, do dereito das vítimas da represión franquista demandantes por lei do coñecemento da verdade, da xustiza no castigo á impunidade dos crimes de lesa humanidade cometidos e da reparación do dano por eles soportado.

Desconsolados, choramos a súa marcha forzada por doenza mortal, mais non sentimos orfandade senón que vemos nel o facho que vai continuar iluminando o camiño do quefacer solidario. Abofé.

*Portavoz da Iniciativa Cidadá de Memoria Histórica Democrática