Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Takekazu Asaka: "Rosalía e Novoneyra poderían chegar a ser moi apreciados no Xapón"

"Teño 15 alumnos de galego na Universidade de Tokio, e tamén o ensino no Conservatorio"

Takekazu Asaka. // Xoán Álvarez

Takekazu Asaka é un dos mellores embaixadores da cultura galega no Xapón. Profesor de Filoloxía Románica na Universidade de Tokio, traduciu ao xaponés poemas de Rosalía de Castro, Uxío Novoneyra e Ramón Cabanillas, así como o "Ollo de vidro", de Castelao. Onte mesmo, a biblioteca municipal Luís Rei, de Cambados, acolleu a presentación da tradución ao nipón que fixo do libro "A rosa de cen follas", un dos poemarios máis coñecidos de Cabanillas. Este intenso traballo de divulgación da cultura galega que Takekazu Asaka, de 65 años, realizou en Asia, e o feito de que pase longas tempadas en Cambados, levou ao Concello e a dous libreiros da localidade a outorgar-lle o decimosexto premio Ramón Cabanillas, que se entrega hoxe.

-Como coñeceu a cultura e a literatura galegas?

-En 1975 viaxei a Madrid para aprender castelán e hospedeime no colexio maior Santiago Apóstol. Alí coincidín con tres galegos, que falaban nunha lingua estraña para min. Iso chamoume a atención. Tempo despois atopei na praza de Cibeles un exemplar de A Nosa Terra, e nel vin unha publicidade da editorial Galaxia. Eu quería aprender tamén a lingua galega, pero como daquela non había nin dicionarios nin gramáticas de galego á venda en Madrid, escribinlle a Galaxia pedíndolles uns libros. E constestoume Xaime Isla Couto, que daquela era o vicepresidente.

-Descubriu nese momento a Cabanillas?

-Non, iso foi tempo despois. A primeira vez que escoitei o nome de Cabanillas foi de boca de Xesús Alonso Montero. En 1989 estiven no congreso internacional de Filoloxía Románica que se celebrou en Santiago, e ao ano seguinte volvín para aprender galego nun curso de verán para estranxeiros.

-E agora é vostede o que ensina galego, pero no Xapón. Cal é o perfil dos seus alumnos?

-Dou cursos intensivos na Universidade de Tokio, e son alumnos dos departamentos de Español e Portugués, que están interesados nas linguas minoritarias. Agora mesmo teño uns quince alumnos de galego. Tamén o ensino no Conservatorio de Música de Tokio, para aqueles que querer vir estudar música a Galicia. Ensínolles a "Negra sombra", "Campanas de Bastavales".

-Que autores españois coñece o público xeral no Xapón?

-Todo o mundo coñece a Miguel de Cervantes e a Federico García Lorca. Aos galegos, non. Eu son como o promotor, o pioneiro na difusión da literatura galega alá. Os xaponeses están moi interesados no Camiño de Santiago, aínda que non son católicos, porque para eles é un camiño espiritual. E len sobre el, pero sobre todo son obras de carácter turístico.

-Hai algún autor galego que podería chegar a triunfar en Xapón?

-Pouco a pouco vanse coñecendo as obras de Rosalía de Castro. É unha autora que co tempo podería chegar a ser moi apreciada no Xapón. Tamén Uxío Novoneyra, porque na súa poesía hai un grande influxo da literatura xaponesa e dos haikús, que son poemas moi curtos, pero de gran profundidade.

-En Cabanillas hai moitos Cabanillas distintos. Cal é o seu preferido?

-O da primeira época, o de "Vento mareiro", o Cabanillas lírico. Tamén me gustan os poemas de temática amorosa da "Rosa de cen follas". Gústame ese ton nostálxico, esa morriña que desprende a obra de Cabanillas.

-Vostede pasa estadías en Cambados. Que lugar do municipio ou dos arredores lle recomendaría visitar a alguén de fora?

-O mosteiro da Armenteira, donde se produciu ese encontro do San Ero co paxariño que canta Cabanillas.

Compartir el artículo

stats