Fernando González Graña, un veciño de Cuntis con moito que contar, vai presentar o venres o seu último libro, “Zapatos máxicos”. Para elo vai contar coa participación de nenos do CEIP Enrique Barreiro Piñeiro, de Cambados, e do CEIP de Rubiáns (Vilagarcía).

Os rapaces son os grandes protagonistas do libro, e tamén o van ser desta presentación no Auditorio Municipal de Vilagarcía, xa que os cativos van a recitar algúns dos poemas que se inclúen neste importante traballo do cuntiense.

Ás 20.30 horas a sala de conferencias vai acoller, por tanto, unha verdadeira festa das letras na que tamén se vai escoitar a música de Maoele de Felisa e Marián Ramos.

González Graña, moi vencellado á cidade vilagarcián, entre outras razóns porque o seu fillo xoga na canteira do clube Arosa, vai intervir neste acto de presentación para contar ós presentes algunhas das claves deste traballo literario que conta importantes historias, vencelladas moitas delas ó mundo do rural e pensadas, dun xeito especial, para facer disfrutar ós máis novos da casa; aínda que tamén os seus país o poderán facer.Cos mestres Mari González e Carlos Loureiro

O autor vai estar acompañado do ilustrador Xaquín Blanco Chao e dos mestres Mari González Graña e Carlos Loureiro Rodríguez, que tamén van intervir na presentación desta obra.

Desta volta Fernando González Graña, que naceu en Cuntis no 1962 e que é membro fundador da Asociación Cultural O Meigallo, que se encargou de recuperar a figura do galeguista Roberto Blanco Torres, conta coa colaboración de Edicións Fervenza, encargada da publicación deste poemario.

Na editora sinalan que "Zapatos máxicos" é “unha reflexión sobre as grandes revelacións humanas” que comparte espazo “coa atenta observación das pequenas cousas que nos arrodean, mesturando a trascendencia coa retranca, a alegría, a felicidade e o sentido gozoso e lúdico da vida; sempre coa preocupación do poeta por aquelas crianzas, como salienta na dedicatoria, que acaso non poden gozar do paraíso da infancia, como acontece coas persoas refuxiadas e vítimas de calquera dos conflitos e guerras”.Moitos, e bos, ilustradores

Neste libro non solo destacan os poemas, senón tamén a grande cantidade de ilustracións de calidade que acompañan ós textos. O certo é que son moitos os colaboradores de Fernando González Graña nesta obra. Trátase de ilustradores como Alberto Piñeiro Gonzalvos, Alfonso Uzal Montero, Álvaro Fernández Barreiro, Amalia López Brea "Luchi", Carlos Uzal Cabanas, Francisco Ameijeiras Sánchez, Gabriela Lusquiños Santos e Manuel Fragoso.

Tamén aparecen os debuxos de Manuel Riveira Rendo, María Rubio Pardo, Mario Touceda Torres, Puri Togariños, Ramiro Cimadevila, Rebeca Solla Maquieira, Regina Touceda Rey, Susana Perol Caldelas e Xaquín Blanco Chao.

De 72 páxinas a toda cor e moi ben editado, o libro atópase á venda a un prezo de 15 euros.