Naceu no 1986 moi preto de Santa María de Caleiro e a moi poucos kilómetros de San Martiño de Sobrán e o Mosteiro, dous dos grandes exemplos que ten o Románico nesta comarca. Doctoranda en Historia da Arte, organizou durante os últimos cinco anos un curso sobre a historia da comarca baixo o amparo da USC. Desde hai unhas semanas é unha das cabezas visibles da Asociación Amigos do Románico, entidade con máis de 1.500 socios en toda a península, e incluso, no estranxeiro.

-¿Que a levou a dar o paso para ser vicepresidenta da asociación de Amigos do Románico?

-Fun elixida polos meu compañeiros da Xunta Directiva, da que era membro vocal dende o ano 2015, e ratificada na asemblea celebrada en Sigüenza hai quince días. Asocieime no ano 2013 e Augusto Guedes, director da nosa revista "Románico" e o meu profesor de historia da arte no instituto, propúxome para formar parte do equipo directivo.

-¿Que é esta entidade?

-Amigos del Románico (AdR) é unha asociación estatal sen ánimo de lucro que conta na actualidade cuns 1.300 asociados no territorio español e estranxeiro. Para unha mellor xestión, dividimos a xeografía en distintas coordinacións, e cada coordinador organiza actividades ás que poden acudir socios e non socios. Organízanse Xornadas de Románico Local, nas que visitamos os monumentos máis próximos, pero tamén seminarios, conferencias, e Xornadas de Novos Investigadores. A nivel nacional prepáranse actos complementarios, as asembleas anuais e os chamados Fins de Semana Románicos, dos que son unha das organizadoras. Este ano, o 31 de maio, 1 e 2 de xuño estaremos na Coruña coñecendo o románico da cidade, da Costa da Morte e de Cambre da man da miña directora da tese, a mestra Dolores Barral Rivadulla. Para nós é moi importante que a divulgación do Románico sexa feita por expertos e profesionais da materia, xa que un dos nosos fins é dar a coñecer esta manifestación artística e promover a súa posta en valor.

-¿Cal é o peso que ten a comarca do Salnés dentro da asociación?

-AdR está representada por Augusto Guedes e por min na directiva, pero máis importantes son os nosos socios. Gran parte dos asociados galegos son do Salnés gracias á labor de divulgación que Guedes leva a cabo coas súas actividades. A súa paixón e adicación logrou que moitas persoas se unisen a este proxecto. As aportacións dos socios son as que manteñen a asociación, e con elas podemos protexer, divulgar e pór en valor o Románico

-¿Que ten o Románico como para ser unha expresión artística con colectivos por toda Europa?

-O Románico foi a primeira manifestación artística plenamente europea que se estende por todo o territorio, desde os grandes centros, como as catedrais e os mosteiros, ata as igrexas parroquiais máis humildes. Hai que entender que na Idade Media a poboación movíase e viaxaba, non so para facer peregrinacións como o Camiño de Santiago. Os artistas, escultores, canteiros,... buscaban lugares onde traballar. Atopar unha obra de varios anos, como unha catedral, era a sorte da vida. Pero cando as obras remataban estes artistas buscaban outros lugares onde empregarse, como as igrexas rurais. Estas migracións son as que levaron as ideas construtivas e os estilos artísticos por toda Europa. E os promotores que viaxaban, como o arcebispo compostelán Xelmírez, tamén traían ideas de outros lugares como Italia ou Francia. Todas estas características fan do Románico un estilo internacional, pero coas súas particularidades en cada zona. A historia detrás da arte románica esperta un gran interese que levou á creación de tantas organizacións en España, Italia e Francia, que buscan promover a conservación desta arte de mil anos. A arte antiga estase a recuperar por medio da historia e da arqueoloxía, pero a Románica aínda é funcional.

-¿Como aparece o Románico nesta zona?

-Na Alta Idade Media xa existían igrexas cristiás na comarca do Salnés. Un bo indicio é o vano prerrománico da igrexa de San Xoán de Leiro. O crecemento da poboación levou a edificar novas igrexas, pero tamén remodelar as antigas. Isto sucédese ao longo dos séculos, e por iso se atopan edificios con diversos estilos. Os canteiros e artistas móvense buscando emprego, pero tamén saen dos obradoiros catedralicios e monásticos, de onde traen as últimas innovacións en construción e as modas do momento en canto a escultura e decoración. Por iso se poden establecer as influencias da catedral de Santiago en algunhas das igrexas do Salnés. Por outra banda, os propios promotores, como monxes ou curas algo versados, dan instrucións os artistas de como queren as representacións das súas igrexas, moitas veces porque as viron noutros lugares

-¿Cales serían as representacións máis evidentes de Románico na comarca do Salnés?

-Sinto predilección por Cálago, por ser unha igrexa que estudiei en profundidade. De conservarse sería un gran exemplo de igrexa románica. Tamén teño preferencias por Caleiro, a miña parroquial, onde a fábrica si se veu alterada polas necesidades de espazo. As outras grandes igrexas románicas son San Martiño de Sobrán e Santa María do Mosteiro, dúas xoias deste estilo que que mostran a calidade que podían ter as igrexas rurais, si ven estos dous exemplos foron mosteiros no seu momento.

-¿Cal é o estado das edificacións localizadas no Salnés?

-En liñas xerais é bo. Nos últimos anos creáronse moitas asociacións veciñais que promoveron a restauración das súas igrexas. O gran problema que soen ter é a humidade, froito dos tellados estragados ou das filtracións a través dos muros por estar mal selados. Tamén lles afecta o desuso, aquelas igrexas con culto poucos días ou xa pechadas corren máis risco de sufrir deterioros. Os edificios en xeral están pensados para ser utilizados, habitados, que se mova o aire, ser abertos,... de non seren así morren como lle sucedeu a Cálago.

-¿Corre algunha perigo de desaparecer? ¿Teñen medidas de seguridade (pararraios, extintores, etc) adecuadas para evitar un incidente?

-No Salnés as igrexas están moi ben coidadas, na medida que as asociacións e fregueses poden colaborar para iso. Os campanarios son faros inevitables para os raios pola altura e o metal das campás. Un extintor na sancristía sempre é unha boa medida, pero hai que ter en conta que estes edificios están xeralmente baldeiros. O mellor que se pode facer como prevención é asegurarse que as instalacións eléctricas estean en bo estado, que non haxa humidades que poidan causar curtocircuítos e, si aínda así se produce un incidente, avisar canto antes a emerxencias. Coma en Notre-Dame, os teitos de madeira son os primeiros en verse afectados.