tribuna libre

Non chega con pasear

Enrique Oubiña*

Esta semana miramos na prensa a nova de que o candidato local do Partido Popular de Ribadumia, Martín Vázquez Chantrero, foi de visita a xunto o Conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez.

Parece ser que foi alá a contarlle o que o Conselleiro xa sabe, que o proceso de concentración parcelaria de Lois- Montes de Ribadumia vai moi lento. Ata aquí todo normal.

Tamén foi bastante normal, para a nosa desgracia, a resposta que recibiu o señor Vázquez Chantrero, que ven a ser a que outros recibiron antes e volveran recibir despois, é que se resume nunha celebre frase do señor José María Aznar cando era presidente do Goberno do Estado: "estamos trabajando en ello".

Ou sexa: todo sigue e vai seguir igual.

O PP local insiste en querer facerse o interesante, e tenta aparentar que é a vía para solventar as nosas problemáticas pero, como no caso dos problemas do noso centro de saúde cando a antecesora do señor Vázquez foi correndo a facerse unha foto co xerente do EOXI do Salnés-Pontevedra, obvia o máis evidente, que é aportar as solucións aos problemas. Benquerido Martín, non chega con ir de paseo e facerse unha foto chula nun despacho.

Hai que solucionar. E a realidade é que vos, que presumides de ter o apoio do voso partido, resulta que conseguides a foto e moita boa predisposición, pero ningunha solución. Pois para iso non nos facedes falta, e sería bo que se non sodes capaces de lograr resultados, cando menos non fixerades perder o tempo á xente e que deixarades de mentir, enganar e asumir compromisos que non podedes cumprir.

Tamén podiades ser políticos competentes, mostrar algo de interese real polos problemas da nosa veciñanza, e asumir que este tipo de cuestións solo se solucionan sumando forzas, e exercendo presión conxunta.

Seguramente se en lugar de pasear e facer fotos pola vosa conta, optarades por traballar en conxunto con outras forzas, entre todos poderiamos conseguir bastante máis. Neste aspecto, a miña porta sempre estivo e estará aberta.

* Enrique Oubiña é voceiro de Somos Ribadumia e integrante do tripartito que goberna no municipio.

Tracking Pixel Contents