Un ano máis, os pratos fortes do Entroido do Grove concéntranse no festival de comparsas, o desfile e o enterro da Sardiña. O festival celébrase mañá no pavillón do Monte da Vila e nel outorgarase o título de Comparsa Campiona do Mundo 2019 a unha das once participantes este ano, todas locais. Os esforzos tamén se concentran no gran desfile do martes, no que se repartirán case 3.000 euros en premios.

Estes grandes eventos van acompañados dunha oferta específica para os máis cativos, con festas, obradoiros e concursos. Nesta ocasión, Artegrove volverá celebrar o obradoiro de Xoubiñas, o mércores 6, no que os pequenos poderán crear a súa pequena sardiña para acompañar o enterro do venres.

Outro ano máis, son os veciños e veciñas das Besadas os que están a preparar a sardiña do entroido, que estará presente nas distintas actividades que se celebren neses días. Tamén é destacable a colaboración do alumnado do Obradoiro de Hostalería do Grove, que impartirán un obradoiro de orellas e filloas nas instalacións da Lanzada.

San Vicente volverá demostrar a súa importancia nesta festa celebrando, na fin de semana do 9 e 10 de marzo, o seu Entroido coa actuación das comparsas e a tradicional queima de o vimbio.

Festival

Este ano, son once as comparsas participantes no festival. A súa presentación foi realizada mediante vídeos que tiveron como fío conductor a 'fala do Grove', reivindicando así as peculiaridades do noso galego e tentando explicar a orixe dese fenómeno.

Ademais, durante o festival tamén terán protagonismo os participantes no programa Vellos Tempos do Concello, que estrearán as súa comparsa nun vídeo que se proxectará durante a deliberación do xurado.

Como en anos anteriores o festival será retransmitido en directo a través de Todogrove. Ademais, nesta ocasión se contemplan melloras técnicas como a retransmisión multicámara ou a optmización do son. Tamén se contará cunha pantalla xigante na zona do Pombal para seguir o concurso en directo.