Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Entroido 2018

Historias de comparsas no Grove (I)

Poucos dos comparseiros saberán que forman parte dunha festa da que temos rexistros escritos dende hai un século

Comparsa "Os Farristas". // Antón Mascato

Das arredor de medio centenar de persoas que nestes días de entroido saen nalgunha das catorce comparsas que actúan no Grove, poucas saberán que levan detrás unha tradición da que temos rexistros escritos dende hai uns cen anos. A primeira historia das comparsas que nos consta ten data de febreiro de 1922. "Somos os Triunfantes" é o nome daquela pioneira na que xa se definen os rasgos fundamentais que caracterizan ás comparsas grovenses: rivalidades políticas, censura social e divertimento cantado, co idioma propio como lingua de expresión. Con matices e evolucións, os cen anos destas historias de entroido meco, é prácticamente invariable, con mudanzas máis na forma que no fondo. Calquera persoa que hoxe tivera máis de noventa e cinco anos e unha boa memoria antiga, podería reproducir a letra e a música dos Triunfantes daquel ano, con só lerlle o primeiro verso: Na nosa vida tal vimos/ cousa máis loca?/ unha muller barbuda/ cas pernas tortas/ dicíndolle ó señorito/ non naceu o trebo?

A letra, obra do enxeñoso Paco Otero Goday, é unha sátira na que o Xuiz municipal fai protagonista a un "criado espía" que a casa rival dos de Lordelo, a familia Álvarez da Carrela, enviara disfrazado de muller a un acto político dos ata entón caciquís gobernantes locais, sendo desenmascarado e posto en chanza naquel mesmo acto. Estaba a punto de producirse a primeira gran remuda no poder local, xa que coa incipiente ditadura de Miguel Primo de Rivera, no ano seguinte, Joaquín Álvarez Lores ía ocupar a alcaldía. A cantada tivo un enorme éxito e foi celebrada e moi recordada polas xeracións que a escoitaron naquel ano.

Nos anos da ditadura primorriverista poucas comparsas libres aparecen nos rueiros e tabernas locais, só tunas e rondallas nas que xerce o seu maxisterio Luís Escalante, o cántabro asentado no Grove que inicia a saga dos Escalante locais, con cancións adozadas e amables, sen crítica social ou política, que só radicaliza a súa intervención coa instauración da República en abril de 1931. Coa proclamación da segunda República foi chegar e encher. No seguinte carnaval a crónica triunfante foi para a Comparsa "Os Destronados", que non deixaron nada atrás, nin a monarquía en fuga, nin a política local?

?Era dos grandes de España/ antes de vir o siclón/ paro aghora o probiño/ anda feito un macarrón./ Tan a ghusto como estaba/ na casa de mando eu/ pero veu o bataclán/ e a el tamén o fodeu? Miren si será animal/ coa rabia quixo comer/ a un ghuarda munisipal./ Vaia lío, vaia lío?

Poñían o aguilón no xa exalcalde, e na súa teima cun dos escasos municipais do concello, ao que despedira días antes da súa remuda "por serlle fiel aos caciques". Fronte "Os Destronados", unha nova versión das tunas e rondallas que en 1932 se presentaba como "Os Farristas", con músicas de danza, pasodobre e mazurcas, obra de Pepe Besada, o futuro libreiro aínda moi novo e letras de F. Fernández. Se lle facemos caso á letra dos Farristas, en 1932 o carnaval do Grove xa era moi sonado?

Un carnaval tan hermoso/ de simpatía agradable/ tan dulce y mas famoso/ no lo abrá visto nadie?

As sucesivas mudanzas na política, facían emerxer ou sucumbir diferentes propostas, dunha ou doutra banda do xogo do poder. Así no ano de 1933 "Los obreros Parados", dirixida por Luis Escalante, escora decididamente a posicións abertamente anti republicanas, a dereita local estaba organizada en centros republicanos, ou clubes sociais e culturais como o Minerva, que naquel ano, o primeiro do Bienio negro, cantaba a ritmo de chotis madrileño?

Cuando trajeron la República pá España/ se daban todos para hablar una gran maña/ prometían una infinidad de cosas/ hasta cubrirían la calle de baldosas/ pero ahora que ya están en el poder/ solo se ocupan de ir a cobrar su sueldo/ y si los que ayer votaron hoy protestan/ se hacen el bobo y si te he visto?/ no me acuerdo.

Naqueles anos de finais da década de 1920 e ata 1936, o gran protagonista do carnaval é José o Carrasco, que coa súa comparsa, saía moitas veces acompañado dun burro co que falaban figuradamente; unhas veces o burro era a personificación do secretario municipal, outras do alcalde, mesmo foron a Pontevedra onde o burro representaba ao propio gobernador civil, e sempre a mesma cantarea coa que escachaban de risa os membros da Comparsa, xa fose O Lixeiro, os irmáns Casapo, Marcelino o Campaña, Juan Costa, Manolo González Álvarez ou Juanito o da Coella? Chantados diante do personaxe a ridiculizar, ou da súa casa se se ausentaba do despacho para evitalos, recordábanlle: Ai ghalopín, ghalopinsaso/ ti es o mais traghón,/ de tanto coma ti nos comes/ arruínala nosa nasión?

A censura previa e a posterior existeu sempre; todos os poderes municipais e provinciais incluidos os dos anos da República (1931-1936) tiñan unha ordenanza estrita que obrigaba a pasar o control das letras a cantar, antes de imprimir as historias e a levarllas unha vez impresas, con especiais apuntamentos no que se refería ás vestimentas e máscaras. E nas que se incidía nas prohibicións e no control das "autoridades".

En épocas ditatoriais apretaban mais as normativas para tratar de impedir o que era imposible de parar, vexámolo nas Ordenanzas municipais do Concello do Grove, aprobadas en 1927 sendo alcalde Álvarez Lores, onde podemos ler no seu Capítulo IV: "toda clase de festejos se celebrarán con permiso de la alcaldía que señalará el sitio, las horas y el orden de los mismos. Estarán bajo la inmediata vigilancia de los agentes de la Autoridad. Solamente en la época de Carnaval se permitirá desfilar por la vía pública con careta o disfraz a condición de que ni una ni otro ofendan a la moral ni simbolicen o pretendan ridiculizar las instituciones o las autoridades. No autoriza el período de Carnaval para transitar por las calles con máscara, desde la puesta del sol hasta el amanecer. Nadie podrá con máscara o sin ella, dirigir a otras personas frases punzantes, bromas de mal género o discursos al parecer indiferentes pero que puedan ofender sentimientos o afecciones íntimas. Quien desobedeciere será conducido por los agentes de la Aitoridad al Depósito municipal".

Pretenderon as ríxidas "autoridades" da época que non fosen eles mesmos ridiculizados, e así coutar as ansias desatadas propias do Entroido carnal, no que ten de irreverente, lúcido e transgresor; sen que as xentes do común fixeran o menor caso de ameazas, ordenanzas nin autoridades de cartón pedra. Certamente a Garda civil, disolveu moitas veces choqueiradas e comparsas a culatazos de fusil Mauser e que os Gardas municipais, máis comprensivos coas festas dos veciños, prenderon e levaron ao cagharrón a máis dun dos líderes naturais de comparsas e choqueiros. Nin con iso frearon a necesidade das xentes de axustar contas co ano que pasara, de espetar o aguillón no centro do poder, e de pasalo ben, e facerllo pasar ben á xente que acudía masivamente aos entroidos de cada ano, arroupando e protexendo dese xeito a aqueles que estiveron sempre dispostos a pagar o prezo de cada convocatoria. Presentar unhas letras e cantar frases diferentes, presentar as letras de anos anteriores e alegar error involuntario, as estratexias para canear aos mandatarios eran variadas, mesmo houbo quen decididamente non se sometía á censura previa, nin pedía permiso, foi o caso da comparsa "As Pantalleiras", nas que Pepe o Casapo, armado de espada ameazaba con defenderse das "autoridades meténdolla dende atrás" e xunto cos seus curmáns Paquito, Marcelino e Luís facían estragos coas súas parodias.

Compartir el artículo

stats