O auditorio da Illa será o primeiro escenario da comarca en ver unha obra de Ramón María del Valle-Inclán representada en lingua galega. Nado na veciña Vilanova, á que A Illa pertenceu ata hai vinte anos, a compañía Producións Teatrais Excéntricas incluíu o pequeno municipio arousán dentro da xira que están a realizar por toda Galicia coa obra "A cabeza do dragón", que está incluída nunha coleción de farsas titulada "Retábulo de marionetas para educación de príncipes". A obra estreouse o pasado mes de marzo en Santiago de Compostela.

Dirixida e protagonizada por Quico Cadaval, a obra conta cun elenco de artistas espectacular, xa que ás táboas do escenario da Illa estarán nomes tan importantes como Iván Marcos, Yelena Molina, Víctor Mosqueira, Patricia Vázquez, María Costas, Josito Porto e Marcos Orsi. Os billetes xa se atopan á venta nos lugares de costume, a Administración de Lotaría e o Bar O Museo, a un prezo de cinco euros, mentres que en billataría o custe será de sete euros.

Cadaval é un firme defensor da representación de Valle-Inclán en galego, como unha ferramenta para a creación dun "teatro nacional" e defende que no futuro se fagan más adaptacións do autor de Vilanova de Arousa.