A asociación cultural e Deportiva Dorna de A Illa atópase somerxida, nestes intrés, en pleno proceso electoral, un proceso do que sairá a nova directiva que sustitúa á que encabeza, desde hai dous anos, Salva Allo. O período para presentar as candidaturas rematará o vindeiro 13 de xaneiro, aínda que, ata o momento, non houbo movemento de ningún socio interesado por facerse coas rendas dun dos colectivos máis dinámicos e con máis seccións da comarca do Salnés.

De non concorrer ás eleccións ningunha candidatura, gran parte da directiva actual estaría disposta a continuar ao frente da asociación, aínda que o grupo contará con caras novas. Así o recoñece o propio Salvador Allo que asegura que "en caso de que ninguén queira dar o paso para liderar a asociación, colleremos dúas persoas de cada sección e formarase unha directiva que continúe co traballo que vimos desenvolvendo nos últimos anos, sendo un dos grandes referentes da cultura, especialmente a tradicional, na Illa".

Allo accedeu á presidencia de Dorna en 2014, substituindo a Avelino Cores, "Faber", que se fixo cargo do colectivo nun momento moi complicado. A dorna pertencen, entre outras, as seccións de baloncesto, música tradicional, fútbol gaélico ou embarcacións tradicionais, contando con máis de medio milleiro de socios.

O colectivo é un dos máis lonxevos da comarca no ámbito cultural e conta cun dos patrimonios máis importantes de embarcacións tradicionais de Galicia, cun feixe de barcos de todas as tipoloxías que se atopaban nas rías galegas antes da chegada do poliéster.