ADELA LEIRO n Mestra cambadesa, que se xubila hoxe
"Animo aos mozos a pelexar polos seus dereitos porque o seu futuro é moi negro"
"Era habilidosa para o debuxo, pero ao facerme maior decateime de que só sabía copiar"

Adela Leiro, onte no laboratorio do Francisco Asorey. / // Noé Parga
Cambados
Adela Leiro Lois é a maior de cinco irmáns, "e iso imprime carácter", afirma mentres pecha as persianas do laboratorio do Francisco Asorey de Cambados. Quizais de aí lle veñan as dotes de organización; dotes grazas al cales coordinou ducias de proxectos educativos nos colexios polos que pasou (algún deles premiado a nivel estatal, como un sobre a enseada do Umia, que levou o Félix Rodríguez de la Fuente); atopou tempo para escribir en solitario ou en equipo máis dun cento de libros de divulgación, natureza, pedagoxía ou viaxes; e foi un dos rostros esenciais do nacionalismo cambadés dos anos 80 e 90. Hoxe é o seu derradeiro día de traballo como profesora. Unha carreira profesional que iniciou en 1974 (o seu primeiro soldo foi de 8.000 pesetas), nunha época na que soñaba con adicarse ao arte. Ela non o puido facer, pero uns anos despois un irmán seu, Francisco, convertiríase no escultor galego de maior sona mundial.
-O que lle gustaba a vostede de nova eran o arte e a plástica.
-A miña primeira opción era facer Belas Artes, pero non puido ser. Daquela había que marchar fóra para facer esa carreira e a miña familia tampouco se podía permitir ese gasto. Así que fixen Maxisterio, na especialidade de Ciencias. E despois fixen pola miña conta na UNED a especialidade de Plástica. Tiña boa man, era habilidosa para o debuxo. Pero cando me fixen maior e coñecín a Mon (Ramón Daporta, o seu marido) decateime de que o único que sabía era copiar, de que me faltaba imaxinación. Coñecer a Elvira Martínez, que foi profesora miña na UNED, significou un antes e un despois na miña vida porque me abriu os ollos ao mundo da expresión plástica infantil, da súa enorme potencialidade creativa. A partir dese momento deixou de importarme facelo eu, e pasou a importarme máis ensinalo a facer.
-¿Os adolescentes de agora son máis díscolos?
-En xeral si. Iso é o froito do todo vale, do permítese todo, e da publicidad encamiñada a que os nenos e os mozos sexan máquinas de consumir. Para min non é responsabilidade só dos pais, que moitas veces se sinten impotentes.
-Pois hai mestres que din que os pais teñen moito que ver, porque seica delegaron nos docentes non só a función de ensinar, senón tamén a de educar.
-Hai de todo, non se pode xeneralizar. Hai casuísticas moi variadas. En todo caso é un problema que afecta ao conxunto do sistema, no que todo o mundo ten unha parte de responsabilidade, que non de culpa. Nesta sociedade somos moito de botarnos as culpas os uns aos outros, e a continuación, ¿quen resolve os problemas? O importante é buscar solucións.
-¿Como ve o futuro da mocidade?
-Moi negro. Moitos están esforzándose e preparándose moi ben, cun investimento familiar e social moi elevados, pero é moi posible que se as cousas non cambian teñan que buscar traballo fóra. Eu anímoos a pelexar polos seus dereitos, porque as conquistas sociais tárdase moito en acadalas e moi pouco en perdelas.
-¿É iso válido para a educación?
-Aquí conseguiuse unha certa calidade na educación que agora semella que queiran desmontar, como se quixesen poñerlle máis trabas aos que más dificultades teñen e formar dese xeito unha elite... A situación na educación cambiou moito. Nos anos 70 aínda existían os destinos forzados e había listas de profesores separadas por sexo, e os homes, como eran menos, tiñan máis vantaxes. O meu home tiña menos puntos ca min, porque opositou un ano máis tarde, e aínda así déronlle un destino nunha cidade do País Vasco, mentres que a min me mandaban a un pobo da montaña de Almería... Botamos todo un verán pechados e movilizados para que suprimisen os traslados forzados, mentres outros compañeiros estaban na praia, e ao final conseguímolo. Iso é un exemplo de que as mobilizacións valen para algo.
-Pois na actualidade é difícil atopar manifestacións masivas.
-A xente di que non valen para nada, pero despois cando teñen un problema no traballo acuden aos sindicatos. Coas mobilizacións si que se poden arranxar problemas, aínda que non che vaian facer caso porque vaias un día cunha bandeira, hai que ser constante. ¿Por que gañaron os das preferentes? Porque aguantaron e non cederon.
-¿Como lle afectan os recortes aos profesores?
-A nivel profesional hai menos mestres, co cal están máis sobrecargados de traballo. Os máis prexudicados diso son os alumnos con máis dificultades. E os centros educativos teñen menos orzamento, co cal se ven obrigados a prescindir de moitas actividades educativas interesantes. A nivel persoal baixáronnos o soldo e hai mestres que botan o día o coche porque imparten clase en varios centros.
-¿Como valora os resultados electorais do domingo pasado?
-En clave Bloque estamos moi contentos en Cambados porque despois dunha fase dura, de perda de apoios, semella que empezamos a recuperarnos. En canto aos demais, vexo que a xente está decepcionada cos partidos políticos e que está sendo inxusta porque nos mide a todos polo mesmo raseiro. A mellor forma de intoxicar o ambiente é dicindo que todos os políticos son iguais. Paréceme lexítimo que á xente lle apeteza un cambio, pero cando un partido ten unha estructura pode axudar aos cidadáns a resolver un problema, pero cando só ten un figurín o único que pode facer é ir quitar unha foto contigo.
-Vostede viaxa moito. ¿Que son para vostede as viaxes?
-Por un lado sirven para desconectar, para relaxarse, para cambiar de aires. Pero sobre todo son unha forma de coñecer, observar, mirar... Hoxe en día miramos moi pouco. Hai xente que cando viaxa mira máis para a pantalla do móbil que para a paisaxe.
- Rescatados con vida dos tripulantes tras naufragar en Corrubedo
- El centollo gallego se prepara para la veda
- El triste origen de la cruz de Lobeira
- Calleja levanta pasiones en O Grove
- Gonzalo Fernández, nuevo entrenador del Arosa
- La llegada del calor vuelve a colapsar el puente en A Illa
- Optimismo moderado tras el primer día de marisqueo en las playas de A Illa
- Los romeros acuden en masa a la cita con San Cibrán