A Escola de Navegación Tradicional prepárase para vivir un duro inverno. Un inverno no que o máis de medio cento de embarcacións recuperadas van ter que, se ninguén o remedia, ficar nas mans do vento, a choiva e os sucesivos temporais co perigo que pode supoñer para elas as inclemencias meteorolóxicas. A diferencia doutros anos, nos que a Escola conseguía un lugar onde refuxiarse, nesta ocasión esa posibilidade non existe polo que a decisión que se tomou é mantelas no Bao e utilizar un pequeno galpón para as reparacións que sexan necesarias.

A auga doce é o principal inimigo para as embarcacións, moitas delas xa desgastadas polo paso do tempo poden ver como a madeira acaba apodrecendo e provocando a súa morte, despois de que a Escola conseguise salvalas no seu día do desguace e evitar que o legado dos antergos desaparecese. Salvador Allo, director da Escola de Navegación Tradicional de A Illa, dependente da asociación cultural e deportiva Dorna, non se amosa nada optimista con este feito.

"Contamos con 17 embarcacións diferentes á dorna, moitas das cales son exemplares únicos ou dos poucos que quedan nas augas galegas e moito nos tememos que parte dese legado poida apodrecer nas praias ao non ter un refuxio onde gardalas", explica o arousán. A Escola aínda terá que agardar tres ou catro anos para contar coas instalacións do centro de actividades náuticas que se vai construir a uns 800 metros da súa actual sede, un tempo que pode converterse en eterno para moitas das embarcacións que, este ano, aínda están amarradas ou varadas na praia do Bao. "Se, finalmente, fican na praia durante todo este tempo, calculamos que se pode perder ou danar entre o 30 e o 40% dos barcos, porque se van enchoupar de auga doce e iso vai provocar que a madeira apodreza, un feito moi triste, porque estamos a falar de embarcacións que son únicas, como un bote de Bueu, do que só quedan uns poucos exemplares en toda Galicia", sinala Allo. Aínda que a Federación Galega pola Cultura Marítima, na que está integrada a Escola de Navegación Tradicional da Illa, está facendo un traballo de recopilación moi importante de datos de todas esas embarcacións para facer novas construccións "vaise perder o valor inmaterial destes barcos, xa que moitos deles foron construidos hai noventa anos ou máis".

A única esperanza á que aínda se agarran é a posibilidade de topar un predio no que poder gorecerse. De feito, a Escola iniciou contactos cos propietarios dunha antiga nave conserveira de Cambados que "aínda non tendo luz e auga, serviría para gardar aquelas embarcacións que se topan nun peor estado e gran parte da frota para pasar o inverno". Tamén existe a posibilidade de que a Confraría de A Illa poida ceder para ese fin algún dos predios cos que conta, sobor de todo a hatchery de Punta Quilma, que nestes momentos se topa abandonada e sen negún tipo de uso.

Na súa contra xoga o feito das limitacións económicas coas que conta a Escola, que non pode afrontar o pago dun aluguer destas características, polo que se topan abertos a calquer tipo de proposta para mellorar, aínda que tan só sexa un pouco, as condicións nas que os barcos van pasar o vindeiro inverno.

A frota da Escola de Embarcacións Tradicionais está composta por 53 embarcacións, na súa meirande parte dornas polbeiras que se usan nas competicións que se celebran durante o verán e nas que todos os alumnos aprenden a navegar a vela. Pero ademais conta con exemplares doutro tipo de tipoloxías, como son o racú, buceta, dorna de tope, galeón, bote polbeiro, bote de Ribadeo ou xeiteira entre outros.

Todos eles foron adquiridos cando se topaban a punto de ser desguazados polos seus donos anteriores ou xa abandonados, polo que tiveron que ser sometidos a un importante traballo de recuperación para que volvesen a navegar.

Un exemplo diso foi o Rei do Mar, un vello galeón de carga que transportaba mercadorías desde unha banda a outra da ría de Arousa durante uns anos, antes de se converter en auxiliar de batea. Cando ía camiño do desguace, a Escola salvouno, e puxo en marcha un dos proxectos máis ambicioso dos que levou a cabo ata agora: convertelo nun barco de formación para patróns mariñeiros que poida traducirse no futuro na creación de novas empresas adicadas ao turismo e que permita descobrir aos visitantes os encantos de navegar nunha dorna.