Xesús Alonso Montero - Catedrático de literatura galega, ateo e comunista

"Os nosos fillos non van ter traballo, e iso é debido ao neocapitalismo liberal "

"É importante reivindicar a condición comunista de Hernández, porque pese a iso era un poeta para todos"

SOLE REI - Vilagarcía

Vai algo máis dun mes dende que se cumpriu o primeiro centenario do nacemento do poeta Miguel Hernández, morto de tuberculose no 1942 no cárcere no que foi recluido polo réxime franquista debido á súa militancia no Partido Comunista. E para lembrar esa data, así como a traxectoria vital do literato autor de Viento del Pueblo, o PC organizou onte no Auditorio de Vilagarcía unha homenaxe na que, ademais de escoitarse algúns dos versos musicados do alicantino, participou o catedrático Xesús Alonso Montero.

-A súa ponencia titúlase “Miguel Hernández, un poeta torturado no pasado e manipulado no presente” ¿Podería explicar o por qué destas consideracións?

-O termo torturado hai que entendelo metafóricamente, pero tamén no sentido estrito, xa que alomenos nunha ocasión as autoridades franquistas torturaron a Hernández, en Andalucía. E dende que no 1939 cae prisioneiro ata que morre, no 1942, a vida do poeta é un caso de tortura, que resulta especialmente sangrante nun home tan inocente e cándido coma él, que non cometera máis delito que o de manifestar en verso as súas ideas a favor dos pobres do mundo. Miguel Hernández pasou auténticas penurias estando enfermo na cadea. O vicario de Orihuela, Luis Almarcha, era un home con moito poder político que tiña na súa man que a comezos de marzo do 1942 se enviase a Hernández a un sanatorio especial. Mais dixo que sería así sempre que pagase o prezo de renegar publicamente das súas ideas. Todo isto é unha tortura psíquica feroz, porque el sabía que podían sanalo e non pagou o prezo.

-¿E a qué se refire cando fala da manipulación da figura do poeta?

-Eu son un home que o día 28 do mes pasado cumpriu 82 anos, co cal veño do franquismo e vin moitas cousas. Serrat foi un loitador antifranquista, e agora estase facendo rico a costa de manipular o nome de Hernández. O DVD que ten á venda agora leva as cores vermella e negra, que son as cores do anarquismo. Probablemente se trate dunha estratexema da discográfica, pero él consinte isto cando a única militancia que tivo Hernández foi no Partido Comunista. Se isto o fixese Raphael non me doería. Pero que o faga Serrat, que ven do antifranquismo coma min, paréceme inicuo.

-¿Cre que o comunismo está actualmente peor visto que o anarquismo?

-O comunismo é temido, o anarquismo non. E estou convencido de que se falase do comunismo de Hernández, Serrat vendería menos. É importante que eu reivindique a condición comunista de Hernández, porque ese feito lévanos a dicir que era un poeta comunista e, aínda así, era un poeta de todas as persoas: era o poeta do amor e da realidade cotiá. Hoxe recitáronse unos sonetos no Auditorio e creo que a xente vibrou ao escoitar os versos dunha persoa que naquel momento estaba namorada. Que Hernández fose politicamente comunista non quere dicir que fose un poeta para comunistas.

-Mais si é certo que se significou claramente nun momento moi conflitivo da historia e tivo unha militancia activa no PC. ¿Cre vostede que no contexto actual sería preciso un maior posicionamento ideolóxico das elites culturais?

-Creo que en todo momento un poeta ten que ser un poeta do seu tempo e do seu lugar. No corazón calquera pode ter moitos problemas, desde a morte dun fillo á perda da muller amada. Pero resulta que na vida non só existe iso. E o momento actual penso que é o máis atroz da historia. Nunca o capitalismo foi tan brutal, nunca foi tan inhumano e nunca foi tan arbitrario. Polo tanto un poeta que é intelectual ten que saber que neste momento a condición humana está asaltada por unha perspectiva terrible, pois vivimos en precario e os nosos fillos probablemente non van ter traballo. E iso é debido ao neocapitalismo liberal.

-Nunha entrevista de 2007 dicía vostede que estaba convencido de que o capitalismo destruiría o mundo. ¿Mantén ese convencemento?

-Sí, cada vez estou máis convencido. O capitalismo é planeticida, e poño como exemplos o cambio climático ou as guerras estratéxicas que teñen como finalidade situarse en lugares con petróleo. Se Marx vivise hoxe tería moita máis razón aínda que cando asinou con Engels o Manifesto Comunista. Agora quen goberna é a economía, a parcela de poder da política é mínima.

-Pese a iso, naqueles anos existía unha maior capacidade de mobilización da poboación da que se percibe hoxe.

-Iso desgraciadamente é certo. A xente non percibe onde está a causa do mal nen por qué é posible que dentro de vinte anos non cobren pensións ou non existan hospitais públicos. Saben que existen dificultades porque as viven no seu día a día, pero non saben moi ben de onde veñen, porque cren que o sistema actual é o normal e que non é concebible outro diferente. A xente vive para o hoxe e está anestesiada. No acto de hoxe, por exemplo, apenas había xente nova. E se tiveran vido sairían con unha conciencia que lles permitiría dicir que o mundo está mal feito, e que por moi bos estudantes que sexan probablemente mañá non terán traballo. E esa xente nova non veu hoxe porque os modelos que lles ofrecen son Belén Esteban, a princesa do pobo, ou a Duquesa de Alba, que é un modelo ridículo e pernicioso. Eu non teño nada en contra da Duquesa de Alba, pero si en contra dos que a premian.

-Fala do anestesiamento da xente. Vostede preside o Foro pola memoria republicana de Galicia, pero este é un tema que aínda crea malestar nunha parte da poboación. ¿Cre que a consciencia do pasado, coma no caso da militancia comunista de Hernández, melloraría o presente?

-Media España é do PP, a groso modo. E aínda que no PP hai xente razonable, a maioría non romperon aínda co franquismo, aínda medio están de acordo coas razóns do sublevamento militar contra a República e non fixeron recapitulación de todo o que pasou. E o PSOE ten medo. Por exemplo, Abel Caballero non acaba de derrubar en Vigo unha Cruz dos Caídos por Dios y por España. ¿Qué se entende con esa frase?Ninguén pode matar nen facer a guerra en nome de Deus. Non entendo que o PP sexa continuista con isto.

-¿Cre que as cousas terían sido mellores se o resultado da Guerra Civil tivese sido outro?

-Isto é facer historia contrafactual, pero é algo que eu fago moito, pensar no que tería pasado se. E penso que si. Creo que non é disparatado dicir que de non ter habido Guerra Civil non tería habido Segunda Guerra Mundial e a vida hoxe probablemente sería diferente. Se cadra agora estaríamos vivindo nos inicios do socialismo mundial, que sería para darlle grazas, non a Deus, senón a Marx.

Tracking Pixel Contents