Os Concellos de Vilagarcía e O Grove súmanse á campaña "En galego, agora e sempre" nestas datas para honrar a aqueles defuntos que foron galegofalantes durante toda a súa vida.

Os vilagarciáns fixérono cun acto no cemiterio de Cornazo no que se descubríu unha placa sinxela sobre unha rocha de granito coa lenda "Gloria eterna a cantos aquí xacen, porque nos deron a vida, a terra e a lingua". A placa foi descuberta polo tenente de alcalde, Xosé Castro Ratón, e o párroco de Cornazo Xaquín Gómez Barros, nunha homenaxe póstuma para todos eles. No transcurso do acto, Castro Ratón sinalou que "con esta placa queremos trasladarlle un recoñecemento a toda esa xente que hoxe repousa aquí e que durante séculos mantiveron vivo ese elemento básico do noso patrimonio cultural que é o idioma galego", que sobrevivíu durante anos a través da memoria oral dos seus habitantes.

O tenente de alcalde da vila lembrou a contradicción que existe entre o uso do galego "na aldea dos vivos e na aldea dos mortos". Así, mentres na sociedades, especialmente na rural, o uso de galego é recurrente e habitual, só unha de cada mil lápidas está escrita no noso idioma, e unicamente o dous por cento das esquelas publicadas nos medios de comunicación aparecen na nosa lingua". O acto e a placa, continúa o concelleiro, teñen que servir para chamar a atención da cidadanía, "para petar nas conciencias e pedirlle á xente que tamén nese momento delicado sexa sensible con esta cuestión". No marco desta campaña, o Concello asinou tamén a declaración sobre a memoria colectiva dos municipios galegos, que insta aos poderes públicos a animar no proceso de rehabilitación da memoria cultural e lingüística. Asimesmo, o Servizo de Normalización Lingüística de Vilagarcía participou de xeito activo na edición do novo libro de mandas testamentarias, que foi presentado o mércores.

Pola súa parte, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Grove tamén se sumou a esta campaña, comprometéndose o Concello a traballar para introducir o galego no ámbito funerario. Para iso, está previsto descubrir hoxe senllas placas conmemorativas nos cemiterios municipais das parroquias de San Martiño e San Vicente defendendo o uso da lingua neste ámbito.