Os que optan por "camuflarse"

A. Martínez / O SALNÉS

A máxima de que en tempos de crise se agudiza o inxenio parece que se está cumplindo. Ante a folga, moitas empresas e autónomos buscan outras solucións, que lles permitan manter uns niveis mínimos de actividade.

Así, por exemplo, hai quen recorre ás empresas de aluguer de furgóns e furgonetas para transportar estos días as súas mercadorías. Deste xeito non arriscan os seus vehículos propios pero poden continuar traballando.

Responsables dunha firma deste sector admitiron que durante estos días están alugando máis vehículos industriais que de costume. Os seus principais clientes están sendo pequenos empresarios e autónomos, que toman a furgoneta por un periodo de 3 ou 4 días.

Nas empresas de alugueres temen tamén que os piquetes poidan provocar algún dano nos furgóns, polo que lle lembran ós clientes "que o seguro do vehículo conta cunha franquicia que é responsabilidade do conductor", co obxecto de que estos non sexan demasiado temerarios.

Pero se por un lado gracias á folga teñen máis furgóns alugados na estrada, tamén se ven prexudicados porque teñen algúns vehículos avariados nos talleres, e a falta de recambios está retrasando o seu arranxo.

O aluguer medio dun vehículo industrial pode situarse nos cen euros diarios.

Mensaxería

Outros están recorrendo ás empresas de mensaxería para trasladar os seus equipos e mercadorías. Se ben hai empresas de reparto que onte pararon -moitos dos seus conductores son autónomos- outras funcionaron onte con normalidade, e parece ser que teñen intención de seguir recollendo envíos, aínda que xa non lle poden garantir ós seus clientes que as mercadorías chegarán ó seu destino no prazo desexado.

"Agora a folga está convocada a nivel xeral, e ó mandar unha furgoneta a Madrid non sabemos se chegará ou terá que parar polo camiño", apuntábase dende unha destas empresas.

Outro recurso empregado por algúns para esquivar a eventual acción dos piquetes -tamén a organización de autónomos, Upta, fixo un chamamento á folga, extensivo a profesionais como fontaneiros, viaxantes, carpinteiros ou peixeiras- é acudir a traballar en coches particulares, deixando os vehículos rotulados na casa.

Transporte propio

Outras empresas da comarca ou de fóra, pero asentadas aquí, posúen unha flota propia de camións ou furgonetas e sen ben nalgúns casos non se atreveron a sair onte, noutros sí que optaron por facer o reparto.

Nesa situación atópanse algunhas adegas, que se ben traballan cunha mercadoría non perecedeira, como é o viño, non queren deixar desabastecidos ós seus clientes.

Criticados polos que onte pararon, os que seguiron traballando apelan á súa condición de pequenos empresarios ou autónomos que non son transportistas e que perden moitísimos cartos por cada día de folga.

Tracking Pixel Contents