Foi o Ano Xela Arias, a poeta, tradutora e editora pioneira á quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas neste ano. E foi a cidade que a acubillou, Vigo, a que se convertiu na capital cultural de Galicia por ser onde desenvolveu as súas facetas culturais, onde a autora de “Intempériome” escribiu os seus versos.

Como sinalou Marga do Val no Club FARO co que o diario decano homenaxeou a Arias, “hai un lugar para todas e todos nos poemas de Xela e para Vigo tamén”.

Por iso, a cidade acolleu o pleno extraordinario polo 17 de maio, unha cita na que o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes, sinalou que “poucos anos foron tan activos e empáticos como este Ano Xela Arias con proxección mesmo alén das nosas fronteiras”.

“Hai un lugar para todas e todos nos poemas de Xela e para Vigo tamén”.

Marga do Val - Escritora

Galicia enteira uniuse á memoria da autora de “Tigres coma cabalos” para recuperar os seus poemas, da súa arte. Grupos como A banda da loba cantaron os seus versos para unirnos ao seu sentir de muller e autora.

Houbo tempo para recuperar libros de diversas editoriais que reeditaron a súa obra. Galaxia mesmo atopou un inédito dirixido aos máis cativos: “Non te amola!”.

FARO DE VIGO tamén fixo unha cobertura especial para lembrar que foi nas súas páxinas onde viron a luz os seus primeiros versos.

Pero Galicia non só estivo de festa con motivo do Ano Xela Arias, a comunidade tamén tivo bágoas para persoeiros aos que tivemos que dicirlles ata logo.

O historiador Xosé Ramón Barreiro, académico de número da RAG, faleceu aos 84 anos. Foi a mediados de marzo cando o ánimo do país foi cruzado por unha negra sombra para despedir a este home –que impartiu aulas na Universidade de Santiago de Compostela– que tanto defendeu a cultura, historia e lingua galega. Non esquezamos que foi el quen que realizou a primeira biografía do primeiro presidente da Academia Galega, Murguía.

Outro adeus que tremeu no corazón foi para outro académico: Darío Xohán Cabana. Tradutor ao galego de Dante, poeta, gran novelista, loitador galeguista na noite de pedra, o lucense faleceu o pasado novembro aos 69 anos. Marchaba un autor que con “Galván en Saor” asinou unha das obras más vendidas en galego.

Os obituarios non rematan con Cabana. En agosto falecía o dramaturgo e editor coruñés Francisco Pillado Mayor, promotor do grupo de teatro O Facho e director da editorial Laiovento.