“A potenciación do espazo público de calidade e a presenza de persoas nas rúas servirá de fomento do comercio local. Os concellos promoverán actividades sociais, culturais, deportivas e de lecer no espazo público recuperado, que alén diso servirán como recursos turísticos”. 

A Rede Ágora, a iniciativa da Deputación de Pontevedra que está a revolucionar o espazo público en tres de cada catro Concellos da provincia ten claro que recuperar os centros urbáns para as persoas é chave para crear cidades máis eficientes e acadar máis poboación, ademais de lograr unha mellora económica que dinamice o comercio local e fomente a proximidade. Deste xeito está contemplado no noveno dos dez principios que sustentan a rede de acción institucional: Actividade económica de proximidade

Así o ven tamén expertos vencellados á rede do talle do técnico estadounidense Jeff Speck, o catedrático en Economía Xosé Luís García Delgado, ou o enxeñeiro Jesús Gómez Viñas, que coinciden en que o deseño urbano condiciona de maneira drástica o desenvolvemento da economía e a sociedade.

Os modos de compra están a mudar

Así, Jeff Speck exemplifica co modelo de gran centro comercial nos Estados Unidos, que está a morrer en beneficio do comercio local, que agora despunta. “Os modos de compra están a mudar, a xente que merca por prezo faino en liña a través de internet e a que compra pola experiencia busca espazos atractivos para facelo”, comenta o experto, que tamén engade: “Os americanos compran por pracer e están máis interesados na vida, na variedade e na autenticidade dunha rúa de compras no centro. O comercio de venda polo miúdo, incluso despois da COVID, está a volver ás nosas rúas principais de forma eficaz, mentres que os centros comerciais están en declive”. 

"O comercio de venda polo miúdo, incluso despois da COVID, está a volver ás nosas rúas principais de forma eficaz, mentres que os centros comerciais están en declive”

Unha cuestión de atractivo

Nesta liña, o catedrático García Delgado explica que o espazo público de calidade é chave, xunto á vivenda, para atraer poboación ou expulsala dunha localidade. Segundo o economista, cando se dan pasos para a mellora dos espazos creando localidades atractivas prodúcese unha dinámica ascendente xeneralizada: a calidade urbana atrae a persoas mellor formadas, o capital humano alto atrae investimentos, e estes e as persoas profesionais atraen a localización de sectores de alta tecnoloxía. 

“Canto mellor calidade do espazo público, máis atracción de persoal moi cualificado e máis acumulación de capital humano que atrae sectores máis puxantes”

“Canto mellor calidade do espazo público, mellor calidade da cidade, máis atracción de persoal moi cualificado e máis acumulación de capital humano que atrae sectores máis puxantes, máis produtivos, con densidades tecnolóxicas maiores”, conclúe.