Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O pintor miñorán Caíno volta á cidade de Vigo coa súa personalísima obra

Expón na sede Afundación desde o día 5 ata o 30 de novembro

O pintor Caíno diante de obras da súa autoría. // Ricardo Rodríguez Vicente

O pintor Caíno, hipocorístico de Claudio Vasconcellos Cabral (Baiona,1947), inaugura o vindeiro día 5 de novembro, unha mostra pictorica na sala da Sede Afundación Vigo - rúa Policarpo Sanz, 26 -, que leva por título xenérico "As cores do tempo".

Na devandita mostra o artista miñorán amosa seu persoalísimo universo creativo no que os protagonistas do seu relato plástico son seres humanos que xurdiron dunha arxila con arrecendo de algas, extraída das ancestrais raigames do seu entorno matrio, na vila mariñeira de Baiona. Un pobo que naceu das entranas do mar, e convive nese medio, por veces hostil e noutras tan suxerente, nomeadamente cando Neptuno está o seu, dominando o máis profundo.

Desa vila filla do noso mar son os seres que coas súas penetrantes olladas axexan desde o outeiro do Laureiral, onde Caíno crea a cotío beleza cromática, e dálles vida propia as súas criaturas: Mulleres cos seus fillos no colo; nenos que levan á inocencia nas súas olladas; homes curtidos polo traballo a cabalo do mar; e mesmo cadeliñas que buscan á quentura e un pouco de amizade nutricia de quen teña a ben amosarlles seu agarimo, un pouco de sensibilidade e tenrura.

A Caíno, pintor e poeta, con un longo ronsel de mostras individuais e colectivas ao longo da súa prolífica andaina artística que comezou no Hyde Park londinese, motívalle á procura da emoción. Ese estado tan indescriptible que lle impulsa a erguerse cada día e pórse diante do cabalete, e coma unha Apis mellífera ir creando o celme que vai configurar seu legado artístico. Cada vez máis aquilatado e coñecido por vontade dos seus incondicionais seguidores.

Cunha ampla paleta, na que predominan ás cores quentes, combinadas coa carga matérica que o autor considera axeitada, Caíno traballa por verdadeiro amor á Arte. Sen ningún tipo de condicionante. En total libertade.

Dese xeito, súa obra non coñece límites nin en temática nin tampouco en técnica, ainda que a decir verdade, súa obra denota un gusto e un estilo moi persoal que fánna inconfundible. Mesmo podemos decir que nin é necesario que asine cada un dos seus cadros, porque calquer persoa que siga súa traxectoria creativa, identifica de inmediato súa autoría.

Ainda que por veces o artista decide relaxarse con temas populares (romarías de Santa Marta, de San Cosme é San Damián - coa súa feira da mel e das noces na Praza de Santa Liberata -, festas tradicionais, músicos,...; o maxin ceibo de Caíno amosa seu rotundo compromiso coa memoria e a xente do mar - peixeiras da Ribeira, mariñeiros, picariños,...-, e sobor de todo coa figura humana, onde de xeito espido ou coa anatomía ao abrigo, o pintor chega ao summum da súa labor creativa.

A exposición que o pintor baionés presenta na Sede Afundación Vigo é ben representativa do que decimos e mesmo podemos concluir que nesta nova achega de Caíno á cidade olívica, vai ser, máis que nunca, unha ledicia para todas ás persoas amantes da Arte.

Compartir el artículo

stats