Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Fábricas de papel

Elementos senlleiros do patrimonio industrial da ría de Vigo expóñense no Café Uf ata o 30 de xuño

Serigrafías da Panificadora e A Artística. // Cedidas

Cando David Amoedo era pequecho, o mundo enteiro éralle un polígono industrial xigante. A fábrica e a bulinte actividade industrial do barrio eran elementos omnipresentes na vida diaria dun cativo criado en Balaídos no seo dunha familia obreira, que unha vez foi crecendo, verteu o seu interese sobre os papeis.

Delineante de profesión, Davida (como firma as súas obras) estudou debuxo, serigrafía e moda na Escola Municipal de Artes e Oficios. O cómic e a pintura forman parte do seu portfolio, onde hoxe ten tamén un lugar destacado o estilo industrial das obras que amosa no Café Uf (Pracer, 19) ata o 30 de xuño.

Nas paredes do local colgan serigrafías de fotografías e carteis, alzados das fábricas máis senlleiras da ría e unha obra en gran formato da Panificadora. A exposición está organizada por Vigo Industrial, colectivo do que o propio Davida forma parte e en cuxa web (www.vigoindustrial.com) poden mercarse as pezas da exposición.

O promotor do proxecto, o historiador Uxío Reinoso, colleu fai ano e medio o testigo do xa desaparecido colectivo Entremos na Panificadora, ampliando un inventario do patrimonio industrial da ría de Vigo que hoxe case alcanza os trescentos elementos.

"A nosa idea é poñer a disposición de todos este catálogo e, ao tempo, servir de inspiración para a creación de obras culturais como as de Davida", apunta.

O catálogo pódese consultar na web, onde están subidas as fichas daqueles restos materiais da era industrial aínda conservados. Fábricas, salinas, cetarias ou saltos dos concellos da ría están perfectamente documentados seguindo unha metodoloxía científica multidisciplinar que recolle datos arquitectónicos, técnicos, históricos e mesmo testemuñas de traballadores e veciños.

"O primeiro paso para recuperar é documentar. A partir de aí xa se pode facer a posta en valor destes elementos, unha gran eiva que temos xa que as poucas intervencións que se están a facer no patrimonio industrial na nosa contorna son ridículas. Non se afonda; ao contrario, destrúese, como vén de pasar coa Metalúrgica", critica Reinoso.

"Ter unha documentación accesible a todo o mundo permitirá facer intervencións con maior sensibilidade e aproveitando todos os recursos", resalta.

Se ben recuperar todo o pasado non é factible, si que é posible coñecelo. "E unha vez que se coñece, pódese valorar o que se quere conservar, o que é máis doado de recuperar, o máis rendíbel...", apunta o historiador.

Vigo carece dun inventario que ensinar ao mundo e, sendo como é o corazón industrial de Galicia, non conta con ningún elemento de patrimonio industrial recuperado que amosar. "Na nosa comunidade hai uns poucos exemplos: a fábrica de Sargadelos, as minas de Fontao... mais ningún está en Vigo. En vez de estar difundindo, recuperando, aproveitando, estamos ignorando esta riqueza e tirándoa abaixo sistematicamente", critica Reinoso, cuxo proxecto está aberto a todos aqueles que queiran colaborar na recuperación deste valioso patrimonio.

Compartir el artículo

stats