ESPECIAL 170 ANIVERSARIO

Catro décadas do Parlamento de Galicia

Botar a vista atrás permite seguir a evolución dunha institución que nos seus comezos convocaba aos deputados por telegrama e hoxe está completamente dixitalizada

Mentres que na primeira lexislatura só había tres mulleres no hemiciclo, hoxe as deputadas son maioría

Un momento del debate sobre el estado de la autonomía de este año.

Un momento del debate sobre el estado de la autonomía de este año. / Xoán Álvarez

Unha das frases máis célebres de toda a historia da política galega foi pronunciada por Manuel Iglesias Corral durante unha comparecencia do presidente Albor para explicar a crise aberta no Goberno galego “...Quen dixo que aquí non pasaba nada? A quen se lle pode dicir que aquí non pasaba nada? Aquí pasou o que pasou e sabémolo todos!”.

Sucedeu o 18 de novembro de 1986 e, desde entón, é recordada como paradigma da dialéctica parlamentaria nunha institución que acumula catro décadas da historia.

O Parlamento de Galicia celebrou a súa primeira reunión o 19 de decembro de 1981 nun inhóspito salón nobre do Pazo de Xelmírez, a primeira das dúas sedes prestadas que tivo o Lexislativo galego antes de se trasladar á actual, e definitiva, no compostelán Pazo do Hórreo.

Estas e outras anécdotas integran a intrahistoria da Cámara, cos cronistas parlamentarios como testemuñas de excepción. Episodios curiosos que se entrelazan con decisións de calado que marcaron e marcan o rumbo da Comunidade Autónoma. Este acontecer está recompilado en diferentes volumes.

É o caso de Trinta anos do Parlamento de Galicia 1981-2011, de Rafael López Torre; ou o Anecdotario do Parlamento de Galicia, de Jesús Fontenla. Coincidindo co seu 40 aniversario, o Parlamento editou o volume Os tempos son chegados. Un balance da Galicia autonómica / 1981-2021, coordinado por Ramón Villares e con achegas de académicos das tres universidades galegas. Estes tres libros, o mesmo que toda a produción editorial da institución, están dispoñibles, de balde, na web do Parlamento de Galicia.

Estas obras permiten un achegamento ás orixes da autonomía e do parlamentarismo galego, mais ofrecen tamén unha visión da evolución rexistrada por Galicia ao longo destas algo máis de catro décadas, durante as que que se produciu a mudanza máis fonda da historia do país.

Algúns exemplos: desde o ano 1980, Galicia duplicou o tamaño da súa economía e triplicou amplamente o número de centros de docencia universitaria (de unha a tres universidades; de 21 a 74 centros docentes); fronte aos doce hospitais transferidos desde o Insalud en 1992, o Sergas conta hoxe con sete complexos hospitalarios universitarios e 27 hospitais de titularidade pública; entre 1986 e 2020 chegaron a Galicia máis de 22.000 millóns de euros de fondos europeos; nos inicios da autonomía galega (1981), o agro e a pesca ocupaban a 439.600 activos, cifra que se reduciría a 70.900 en 2021 (do 44 % ao 6,3 % da poboación activa dedicada so sector primario); a agricultura deu paso á gandaría.

Remataba un tempo e comezaba outro. Destas e doutras realidades falouse e fálase, decote, na primeira institución da Comunidade Autónoma.

Antes e agora da institución parlamentaria

Mudanzas na sociedade e nos sectores produtivos, mais tamén no funcionamento da institución parlamentaria, moi precaria en recursos nos seus inicios.

Sen unha sede propia, os distintos servizos do Parlamento estaban repartidos por Santiago. Funcionarios veteranos que daquela traballaban nos baixos de Raxoi recordan que ao outro lado da parede estaban os calabozos da Policía Municipal. Lembran o balbordo que os inquilinos provocaban con certa frecuencia.

O arcebispal Pazo de Xelmírez, que acolleu as sesións do Pleno nos primeiros meses, conservaba a austeridade románica dos seus inicios. A falta de cristais nalgunhas fiestras alimentaba unha temperatura xélida no interior do salón. A ausencia de baños obrigaba a frecuentes desprazamentos ―escaleiras por medio― ao veciño Hostal dos Reis Católicos, unha necesidade fatigosa para os deputados de maior idade.

Maioría feminina

Os homes eran maioría esmagadora naquela primeira lexislatura, que contaba só con tres mulleres deputadas: María del Carmen Lovelle Alén, Flora Veiga Aldariz e Enma Rosa González Bermello. Esta última fora, previamente alcaldesa de Vigo e a primeira muller rexedora dunha cidade galega. Lovelle foi alcaldesa de Verín. Hoxe as mulleres son maioría absoluta no Parlamento de Galicia: 42 dos 75 escanos do Pazo do Hórreo están ocupados por mulleres deputadas.

Unha institución dixitalizada

Mudou a composición da Cámara, e tamén o modo de traballar. Mentres que nos inicios se manexaban montañas de papeis e os deputados eran convocados ás diferentes sesións mediante un telegrama, na actualidade o Parlamento de Galicia é unha Cámara dixitalizada. As publicacións oficiais ―Diario de Sesións e Boletín Oficial do Parlamento de Galicia― só aparecen en soporte electrónico. As convocatorias son todas dixitais e as diferentes sesións poden seguirse en streaming.

Cada deputado conta cun teléfono móbil e un ordenador portátil que lle permiten desenvolver o seu traballo en calquera punto do país. A asistencia ás sesións parlamentarias segue a ser obrigatoria, agás en caso de embarazo, maternidade ou paternidade, en que poden empregar o voto telemático ou o delegado. As súas señorías veñen optando polo voto delegado, como fixeron durante a pandemia por razón de enfermidade.

Un Parlamento aberto

Os incidentes rexistrados en marzo de 1988, cando un grupo de manifestantes tentou entrar ao Hemiciclo durante un Pleno que se celebraba en Fonseca (a segunda sede provisional, cedida pola Universidade de Santiago) inspirou o enreixado metálico que rodea o Pazo do Hórreo desde a súa rehabilitación como sede do lexislativo. Co tempo, o enreixado pasou a representar un papel só simbólico nun Parlamento que celebra xornadas de portas abertas cada luns e ofrece percorridos guiados todos os días laborables, cunha media que supera as 12.000 visitas anuais.

A vocación de apertura á sociedade levou a Cámara galega a impulsar outras medidas como as charlas coloquio en centros educativos, exposicións itinerantes da súa colección de arte ou unha programación cultural propia centrada en aspectos referidos á lingua e á literatura galegas.

Repasar fotografías antigas da Cámara galega ofrece imaxes hoxe inimaxinables, como a dos deputados fumando no Hemiciclo. Aquela práctica, hoxe desterrada, deu paso á celebración de frecuentes xornadas de promoción e concienciación en materia de saúde.

Catro décadas despois da súa constitución, o Parlamento de Galicia transita pola recta final da súa XI Lexislatura con tres grupos parlamentarios ―PPdeG, PSdeG-PSOE e BNG― e alleo, por decisión do electorado, á fragmentación que desde hai anos caracteriza a política occidental, tamén a española.

[object Object][object Object]

A segunda Cámara autonómica máis activa, neste mesmo período, foi o Parlamento de Andalucía, con 825

[object Object][object Object]

Comezos da I lexislatura: 3

Finais da XI lexislatura: 42