Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Gaudí Gallego: "Que canten os teus temas é o máis grande"

A artista galega participa mañá nas Matinés do Principal, ás 12.30 horas, no Teatro Principal de Pontevedra onde tocará temas do seu terceiro disco en solitario "O mundo está parado" e algunha sorpresa

A cantante de Gaudí Gallego nunha actuación. // VSD

Guadi Galego comeza a súa despedida pero presentará cinco novos temas en maio. Esta fin de xira pasa mañá, ás 12.30 horas, polo Teatro Principal de Pontevedra, pero terá moitas máis datas ata que remate o verán. "Hai que ver estos concertos en directo, é un acto de xenerosidade que haxa catorce músicos enriba dun palco nestes tempos", asegura.

-Vés de prensentar "Fronteiras", un tema novo para despedir a xira do disco "O mundo está parado".

-"Fronteiras é o previo dun EP, "Bola de cristal", que sairá en maio. É a fin dunha etapa que eu quero vincular con esta fin de xira, que será potente non só nos palcos. Serán cinco temas inéditos que actúan como unha catarse para rematar unha triloxía que comezou co segundo disco, "Lúas de outubro e agosto".

-De que falas nesta triloxía?

-Do mundo. As "Lúas de outubro e agosto" foron sobre o mundo da ensoñación, ese mundo que naceu da maternidade. Despois en "O mundo está parado" falo da realidade no mundo no que vivimos, tan falto de humanidade e de coherencia... E na "Bola de cristal" é o mundo que desexo, o que me gustaría ver dentro desa bola de cristal, e como me gustaría que fose o futuro do mundo.

-Como enfocas ti esta fin de etapa?

-Espero rematar a xira en Galicia despois do verán e tomarme unha tempada para compoñer un disco distinto. Non sei aínda nin como vai ser pero creo que chegou o momento: tres discos con este sonido estiveron xa moi ben. Vou a dalo todo nesta fin de xira, levo unha banda moi grande, de doce músicos, e nalgúns concertos haberá sorpresas.

-Con este terceiro disco pensas que quedou definida a túa identidade como artista?

-Penso que estes discos son moi continuistas porque teñen que ver coa miña idiosincrasia e a miña forma de dicir as cousas, non só a nivel de escrita senón tamén musical. Esto era o que eu quería, pero iso non significa que no próximo disco non faga algo completamente distinto. Sinto que esta é unha fin.

-Un pouco como cando deixaches Berrogüetto e comezaches a túa carreira en solitario.

-Si, nese momento fixen un disco que non cheguei a tocar en directo, "Benzón". Foi moi importante para min porque significou un tránsito entre a música tradicional e a de autora. Necesitei facelo e non tocalo porque precisaba baixar un pouco dos palcos. Pero isto é unha fin aínda que sei que voltarei porque non podo vivir sen música.

-Que te levas desta etapa?

-Un dos mellores momentos da miña vida. Compartir con un montón de xente os palcos, ter a oportunidade de tocar con un cuarteto de corda e un trío de ventos moi potentes, mergullarme nun estilo que non era o meu pero deixarme ir sen ningún tipo de medo. Liderar unha banda de músicos que, algúns deles, levan tocando comigo case vinte anos. Lévome "Matriarcas", un tema que marcou un antes e un despois na miña vida como autora. E "Chea de vida", que chegou a un montón de colexios e o cantaron centos de nenos e nenas a voz en grito, e que o vincularon á diversidade, que é unha das miñas teimas como educadora.

-E do público?

-Teño unha sensación marabillosa. A xente escoita e baila. Escoitar os teustemas cantados pola xente é o máis grande que te podes levar. Traspasamos a barreira dos músicos arriba e o público abaixo. Os nosos concertos teñen unha enerxía grande.

-Como está o momento para facer música?

-As cousas mudaron, todo é moitísimo máis difícil. O artista ten que apostar moito máis. Hai que traballar moito para chegar aos sitios e animar á xente para que veña as plazas e aos palcos. Para a música este é un momento de incerteza.

Compartir el artículo

stats