A Televisión de Galicia emite hoxe un programa especial en directo desde Vigo. Os espectadores de Festas de Vigo poderán coñecer máis sobre a principal celebración de verán do municipio, os atractivos turísticos e gastronómicos do concello e os preparativos necesarios para a afamada procesión do Cristo da Victoria, que se celebra cada primeiro domingo de agosto e que constitúe o punto álxido das Festas de Vigo e un dos eventos máis celebrados por vigueses e veciños da bisbarra.

Noelia Otero será a encargada de presentar un programa que será a antesala da procesión que a canle pública emitirá o domingo a partir das 19.00 h., cos comentarios de Moncho Lemos. O paseo que, acompañado de miles de persoas, realiza cada ano o Santísimo Cristo da Victoria polas rúas de Vigo é un evento de magnitude única. Crentes e non crentes recoñecen ter a súa propia e especial historia co Cristo. A TVG dará a coñecer algunhas destas anécdotas e experiencias a través de diversas reportaxes, nun programa que contará tamén con conexións en directo coa concatedral Santa María de Vigo para amosar como se prepara a multitudinaria procesión.

As Festas de Vigo tamén son música, gastronomía e praia, aspectos que o programa especial da canle pública recollerá en distintas reportaxes e directos. A Televisión de Galicia pasará un día nas illas Cíes, asistirá a unha voda romana para situar o espectador no pasado romano de Vigo, degustará ostras, coñecerá os detalles da celebración do Marisquiño, visitará o barrio de Bouzas e estará cos bañistas de Samil.

Ademais, o equipo do programa Festas de Vigo estará en directo nas rúas do zona vella, acompañando o actor Morris nunha noite de viños e tapas, e na praia de Samil, onde polas noites a música é protagonista.