A serie que está producida por Producións Celtas e dirixida e presentada por X. H. Rivadulla Corcón, viaxa cada semana a un porto de Galicia, para mergullarse na súa vida falando coas distintas persoas que desenvolven o seu traballo no portos, dende mariñeiros, a redeiras, axentes da policía portuaria, mariscadores, traballadores das lonxas, poxadores, armadores, estibadores... e tamén outras persoas que non traballando directamente no porto si está a súa actividade moi vinculada a el, como pode ser o caso de cociñeiros especializados en pratos a base do peixe que se descarga no porto da localidade, ou incluso artistas como pintores, fotógrafos, músicos escritores... que teñen o porto e o mar como principal obxecto artístico e de inspiración.

Cunha filosofía moi clara de "celebración da vida na cultura mariñeira". Un formato que fale da vida das xentes que traballan e viven nas ribeiras galegas. Onde elas son as protagonistas e contan as súas historias, pero sempre dende unha visión da vida optimista, amosando o orgullo de pertencer ao mundo do mar, á sociedade mariñeira de Galicia.

Tamén se presta especial atención aos vellos mariñeiros xa retirados, que coas súas lembranzas imparten verdadeiras leccións de historia sobre o pasado do seu porto. Tamén é importante destacar a importante presenza da muller no programa, contra a idea de que o mundo portuario e do mar é un mundo de homes, en Ribeiras de Salitre poderase comprobar como a muller tamén ten un papel moi relevante no mundo portuario, desempeñando todo tipo de oficio, incluso traballando na pesca.

Durante as próximas vinte e seis semanas a través de Ribeiras de salitre, os espectadores da TVG coñeceran a vida dos portos de Laxe, Cangas, A Guarda, Rianxo, Muxía, Baiona, A Illa de Arousa, Bueu, O Grove, Cambados, A Coruña, Sada, Muros, Fisterra, Mugardos, Pontedeume, O Barqueiro, San Cibrao, Caión, Malpica, Cedeira, Cariño, Foz, Ribadeo, Burela e Celeiro.

O director e presentador X. H. Rivadulla Corcón é un profesional con ampla experiencia como produtor, guionista, director e presentador, que leva traballando en programas de TVG dende o ano 1987. Nos último anos está especializado en programas sobre a cultura mariñeira, entre os que destacan: "Salitre e vento", Ribeiras" e "Naufragos".

A primeira emisión do programa será o vindeiro domingo 13 de marzo ás 15:30 horas e o título do primeiro episodio é "Porto de Laxe". A sinopse é a seguinte:

No mar bravo da Costa da Morte atopamos a ribeira de salitre de Laxe, moi representativa do ser desta costa. Aquí traballan 138 mariñeiros coas artes das vetas, miños, trasmallos e as nasas do polbo, e tamén é ribeira de percebeiros. Sendo as especies máis capturadas a pescada, a carioca, a xuliana, o polbo, e o percebe.

Aquí as redeiras, como Sonia Neira, fan unha labor imprescindible, atando os aparellos que os mariñeiros levaran ao mar para traer o peixe a terra. Sonia é, ademais, muller de mariñeiro e reivindica un papel protagonista para a muller no mundo do mar.

Tom Bello é un carpinteiro de ribeira a pequena escala, porque dedícase a construción de maquetas de barcos, moitos deles a motor con capacidade para navegas. Moitas das pezas de Tom atópanse en museos do mar de toda Galicia, como o do Grove, o de Fisterra e o do propio de Laxe.

O son mariñeiro pono "O tren da unha". Un grupo musical formado por xentes de Laxe, algúns deles mariñeiros, que ten un estilo festivo e alegre, e que cantan moito a súa vila e ás xentes mariñeiras. Van actuar para nós xunto á capela de Santa Rosa, emprazada nun alto dende o que se ve todo o porto de Laxe.

Con Jesús Mari Pose imos coñecer o seu xeito persoal de facer a caldeirada. El non é un cociñeiro profesional, é o presidente da Cruz vermella de Laxe, e vaise atrever a desvelarnos o seu segredo para facer unhas caldeiradas riquísimas, neste ocasión de abadexo.

Estaremos no mar e no porto cun home que ten a alma mollada en salitre, Raúl Villar. Un mariñeiro moi singular, que amosa unha grande paixón polo seu oficio e pola súa vila. Un home entrañable que se fai querer e sabe transmitir esa alegría de vivir no centro da cultura mariñeira.

O párroco da vila, Enrique Redondo, falaranos de cómo é a relixiosidade destas xentes mariñas. En Laxe existe unha enorme devoción pola virxe do Carme, e por Santa Rosa. E, tamén, Enrique Redondo vainos contar como vive un párroco integrado no mundo mariñeiro, case sendo un mariñeiro máis

Tamén estaremos co patrón Maior Manolo Villar, que ademais de falarnos das características deste porto, vainos contar como ama o seu oficio de mariñeiro, que exerce dende moi novo.