"Palabras encadeadas" é un xogo cíclico, de alfa a omega, onde todo queda enteiramente pechado. A última sílaba marca o comezo da palabra seguinte e quen non poida continuar coa cadea, perde. Con este xogo titulou a súa obra Jordi Galceran en 1995. Agora, case quince anos máis tarde, a compañía Talía Teatro presenta a adaptación de dito proxecto no Auditorio do Centro Cultural Caixanova de Vigo o próximo domingo 4, ás 20.30 horas.

Da man de Artur Trillo, e interpretado por Toño Casais e María Ordóñez, Talía Teatro presenta unha produción de pequeno formato dirixida a un público adulto. "Un thriller psicolóxico de estética cinematográfica e altas doses de realismo", relata Artur Trillo, director do espectáculo.

"A obra comeza co xogo das palabras encadeadas, que aínda que se retoma varias veces ao longo da historia, pasa a un segundo plano unha vez que os personaxes entran en situación", aclara o director da peza.

O que comeza sendo simple xogo vai derivando nunha situación de dureza e crueldade. Un home e unha muller, verdugo e vítima, están encerrados nun garaxe, un espazo sen posibilidade de fuga onde pouco a pouco se vai descubrindo a historia.

"Non andamos con panos quentes, é unha obra moi crúa,hai dureza, agresividade e violencia", engade Trillo.

A historia transcorre entre mentiras, verdades, enganos e xiros desproporcionados de guión. Os papeis de vítima e culpable quedan distorsionados baixo un disfrace que cambia a cada minuto. Ganduxando embustes, tretas e mentiras estes dous expertos no engano van deixando cabos soltos a disposición do observador.

"O espectador ten que xogar a descubrir que é o que está pasando. O que parece verdade pode tornar en mentira en calquera momento", explica o director da obra.

Outras producións

Xunto coa representación de "Palabras encadeadas" en Vigo o domingo e en As Pontes, Vimianzo e Ribeira (entre outras)durante os vindeiros meses, a compañía de teatro visitará tamén diversas localidades da xeografía galega para promocionar outras das súas obras "Bicos con lingua", "Menos Lobos", "Valentino Rutini e Âkil Pillabán de viaxe a Milán (e van sen un can)" e "E ti, quen vés sendo?".

Actualmente a compañía tamén traballa na creación da segunda parte de "Bicos con lingua", un proxecto que, malia non ter nin título nin guión polo de agora, pretenden que sirva de secuela da obra anterior. Un proxecto que esperan que saia á luz a partir de xaneiro do próximo ano.