O Festival das Línguas arrinca hoxe no porto de Vilaxoán e no seu entorno coa primeira das tres xornadas. Tres días con 23 bandas en directo e 35 actividades de balde, entre as que destacan a Gala Solidaria Refuxiad@s Revenidas, deseñada para o público familiar, o Xoubiñas Festi, con actuacións escénicas e musicais para os nenos e nenas; así como actividades naúticas, pasarrúas, obradoiros e a Feira Revenida, con produtos culturais, creatividade e artesanía galega. Tamén haberá a Gran Sardiñada Popular Revenidas, evento que deu orixe ó festival, última das sete citas imprescindibles dos Festivais Rías Baixas.

Familia Caamagno ao vivo. // Noé Parga

O Festival das Línguas terá 23 concertos no recinto de pago. O Escenario Mahou e o Escenario Festivais Rías Baixas acollerán destacadas bandas internacionais como o máis coñecido rapeiro e activista social do Brasil, Gabriel o Pensador, os italianos Talco, os austríacos de orixe rusa Russkaja e a banda máis importante de gipsy da actualidade Fanfare Ciocarlia. Entre os grupos españois destacan La Raíz, Aspencat, Itaca Band, ZOO, La Kimbala e Juantxo Skalari & La Rude Band.

Algunhas das mellores bandas galegas da actualidade presentarán novos traballos no Revenidas16, como Familia Caamagno, Malandrómeda, Cuchufellos e Os Tres Trebóns compartirán escenarios con novos grupos participantes do Concurso de Música Emerxente Revenidas: Ezetaerre da Coruña, deLombaos de Santiago e Os Vacalouras de Vigo.

Toda a información e os horarios dos concertos, na páxina web www.revenidas.com.