Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Antón Reixa: "O de intelectual do rock é un estigma que eu mesmo me busquei"

Antón Reixa, en Santiago

Antón Reixa regresa aos escenarios pilotando a nave de Os Resentidos. E faino cun CD/DVD en directo, titulado "Fai un sol de carallo. Suite", gravado no Teatro Principal de Ourense, e unha xira de concertos que pretender abranguer dende este verán ao do ano que ven?polo menos. Con el quere conmemorar o trixésimo aniversario da saída ao mercado do seu emblemático álbum, "Galicia Caníbal", na que, aos temas vellos do grupo, engade composicións novas como "Grelicia", "Anti-sistema" ou "Warren Buffet",que amosan o lado máis combativo da banda.

- A que razóns obedece este regreso?

-Despois do reencontro fugaz que tivemos no 2012, cando varios grupos galegos nos fixeron un disco-concerto de tributo, volvéusenos meter un pouco o veneno no corpo e, con motivo deste 30 aniversario, quixemos saldar unha especie de débeda que tiñamos con nós mesmos, e darle un novo aire ás vellas cancións que tiñamos gravadas acompañándoas da Lira de Ribadavia, que ten 175 anos. Así, con 15 músicos sobre esceario, démoslle unas voltas ao noso repertorio, engadimos media dúcia de temas novos e veleiquí o resultado.

- Pero isto non foi dun día para outro.

-Non, non, que va! Tivemos que traballar moito, estivemos ensaiando dende o mes de agosto do ano pasado ata marzo deste ano, en que se gravou o disco en directo, pero penso que valeu a pena o esforzo.

-Que cancións resistiron mellor o paso do tempo?

-Pois curiosamente foron aquelas que eran máis protestonas e reivindicaticas: "Sector naval", "Economía sumerxida"?

-E das novas que dis?

-Pois que, seguindo esa liña crítica, saíronnos todas moi rabudas.

- Vai ter continuidade o grupo ou ídevos limitar a facer a xira e logo volver a colgar os instrumentos ata unha nova ocasión?

- A nosa vontade é a de continuar. De feito, temos previsto tocar en directo ao longo do que queda deste ano e máis o ano que ven. Despois do esforzo que fixemos, non nos íamos quedar outra vez na casa.

- ¿Foi Os Resentidos un grupo que se adiantou ao seu tempo?

-Non, non o creo. Todo o que facíamos tiña que ver co contexto sociolóxico que viviamos naqueles anos. No único no que eu podo afirmar que fumos pioneiros consiste en que, na década dos 80, éramos o único grupo que utilizaba o galego no rock.E, iso, trinta anos despois, é para sentirse orgulloso, porque hoxe hai máis dun cento de grupos que cantan en galego e ademáis tocan moito mellor do que o facíamos nós, aos que non nos importaba tanto facélo ben porque éramos medio punkis. De tódolos xeitos, e referíndome á primeira parte da túa pregunta, si que é curioso, como dixen antes, que cancións coma "Sector naval" , "Zoo" ou "Economía sumerxida" sigan soando moi actuais, cando no seu momento ata nós as considerábamos anecdóticas, moi daquel tempo, vaia.

- O grupo fundouse nos 80 co nome de Resentidos. Se se fundara agora mesmo, cómo vos chamaríades? Os Indignados?

-(Risos) Non sería mal nome, non. Pero, xa que temos connosco á Lira de Ribadavia, eu estudei a súa historia e souben que houbo unha época na que se produceu unha escisión na banda; resulta que se marcharon uns músicos e fundaron un conxunto que se fixo chamar Os Rabiosos. Ese nome tamén me gusta.

-Aínda está por explicar aquel éxito arrollador de "Fai un sol de carallo", que se convertiu nunha especie de "canción de verán" en toda España. Pasado o tempo, xa chegaches a atopar a explicación daquel éxito dunha canción en galego e cunha frase/estribillo tan galegos?

-Nunca se atopan explicacións lóxicas a este tipo de fenómenos típicos da cultura popular porque, normalmente, cando intentas facelo a propósito é cando menos che sae. Hai un elemento máxico en todo isto?Por que hai unas cancións que quedan moi amarradas á memoria da xente? Pois non che sei, quero pensar dúas cousas: unha, que se trata dunha canción moi vinculada á festa e ó baile; e, outra, que a letra ten algo que nos fai moi universais aos galegos, que é a ironía.

-Os músicos sempre falan do "éxtase" que lles produce o esceario, que disque que ata crea adicción. Pero ti non es somentes un home de escenario, tamén escribes, tamén produces e dirixes películas.... En que consiste esa sensación especial de subirse a un esceario e en que se diferencia das satisfaccións literarias e cinematográficas?

-A música tenme dado moitísimas alegrías, débolle moito, e iso que eu nunca tiven previsto dedicarme a ela ata que, digamos por un casual, saíoume o de Os Resentidos. De feito, a miña familia séguese a preguntar cómo carallo fixen para estar máis de dez anos dedicado profesionalmente á música. Pero o do escenario, efectivamente, é moi especial, como tamén é especial escribir cancións, unha parte da música que para mín é do máis excitante.E logo o directo ten esa inmediatez, esa rapidez de contacto co público que non tiña o mundo do que éu viña, que básicamente era o da poesía. Claro, pasar de presentar un poemario nunha librería para 15 ou 20 persoas, a estar nun pavillón de deportes, ou no Auditorio Castrelos, diante de 25 mil persoas, é algo moi forte.

-O público que buscaban Os Resentidos nos 80 e 90 era un público básicamente xoven. Estes Resentidos dos 2016, a qué xeración de galegos se dirixen? Cal é o voso público potencial?

-Iso quixera sabe eu, e os da compañía de discos tamén (risos). O primeiro que temos que facer é conseguir que, despois de trinta anos, os que xa nos coñecían daquela veñan aos concertos e, os que non, que se interesen pola nosa música. Quero decir é que, unha vez que o disco está mercado, haberá que esperar a resposta.

-Hai esperanza, entón?

-Si, si, estamos moi ilusionados e, ademáis, polo que eu teño falado con xente estou seguro de que van vir a vernos, ademáis dos veteranos e dos máis novos, unha serie de xente que pertenece ao que se veu en chamar Xeración Xabarín, que está relacionada coa década dos 90 na que se emitía ese programa pola TVG con rock e pop en galego. O Xabarín fixo tanto pola normalización do idioma como pola divulgación do pop en galego. Eis outra camada de público. E logo a mín sempre me resulta moi atractivo pensar cómo pode percibir a nosa música a xente que non nos coñece de nada, que nen sequera ten referencias nosas?.É como comezar outra vez de cero, como unha segunda oportunidade.

- Moléstache que aínda haixa quen se pregunte "Que carallo fai un intelectual cantando nunha banda de rock"?

-Estou curado xa de espanto porque pasaron moitos anos xa. É certo que ese prexuízo puido ter sobrevoado sobre mín pero,despois de todo ese tempo, teño que recoñecer que o rock foi unha das cousas máis marabillosas que pasaron pola miña vida. Débolle moito, si: coñecer a moita xente, vivir moitas experiencias?Supoño que ese prexuízo, hoxendía, invertíuse e, en calqueira caso, este estigma busqueimo eu aposta.

-Unha pregunta "resentida". Ides cobrar dereitos de autor polas vendas de "Fai un sol de carallo-Suite"?

- Por suposto que si, pero iso non ten nada que ver co feito de que, e teño que confesalo, de todas as experiencias que pasei ao longo da miña vida, a que borraría sería a de ter pasado pola presidencia da SGAE. Ben, clarexo: a experiencia foi boa, pero un fracaso absoluto, porque o certo é que a xestión dos dereitos de autor en España segue estando mal, e probablemente haixa que buscar outras vías de ingresos dos dereitos de autor que garanten maior limpeza. Teño que recoñecer que eu fracasei nese camiño.

Compartir el artículo

stats