Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pepe Vaamonde: "Os músicos pensamos pouco na promoción"

Considerado ún dos máis reputados gaiteiros de Galicia, Vaamonde volve a reunir á súa banda para editar "Nas pedras do lar", que ten como motivo de inspiración o lume

"Nesta nova etapa queremos facer máis concertos"

Aformación Pepe Vaamonde Grupo vén de editar o seu cuarto traballo discográfico, titulado "Nas pedras do lar". Tralo seu debut con "Aviouga", seguiron a súa traxectoria cos álbumes "Onde Nace o Vento" e "Introterra".

-O primeiro que chama atención é que o Pepe Vaamonde frautista debeu quedar a gusto neste álbum, dada a presenza do instrumento.

-A verdade é que si, metimos máis temas coa frauta, aínda que xa no anterior traballo escoitábase bastante. Son composicións propias elaboradas cara a outros estilos musicais, nas que existe fusión e para ese vieiro a frauta é máis flexible.

-Quería empregar máis a frauta ou foron as propias composicións aos que o levaron por ese camiño?

-A min resúltame máis doado traballar coa frauta que coa gaita para certo tipo de pezas que compoño. Os límites dos instrumentos sempre son relativos, mais para esta idea de proxecto que barallamos para o álbum, con esa vertente de fusionar certas cousas, considero que era mellor facelo coa frauta.

-As once composicións que achega á obra foron xurdindo ao longo do tempo ou concentrouse máis nunha época determinada? Como foi o proceso creativo?

-Neste disco considero que os temas están máis vertebrados. Hai anos decidimos realizar catro discos cos catro elementos e só nos quedaba o lume. Iso daba unha noción máis clara de como querer compoñer. Hai xa seis anos que sacamos o anterior traballo e iso deixou máis tempo para facer pezas. As composicións fanse en función dos días, ás veces vas pensando cousas e outras xogas co instrumento e saen ideas. Interésame certa rítmica e logo vou traballando a melodía e a estrutura da canción e despois xúntome con Pipo e miramos como afrontar os arranxos da banda.

-Pasado o tempo, élle máis doado agora compoñer pensando no grupo?

-Penso que si. Nos primeiros tempos pensaba en melodías para o instrumentos que tocaba eu, gaita ou frauta, e logo noto a evolución do propio grupo e de un mesmo como músico. Collemos a idea principal, desenvolvémola e enriquecémola traballando máis coa banda.

-Que sexa un disco pensando no lume, como incidiu na composición dos temas?

-Era o elemento que nos quedaba e iso levaba a facer algunha cousa contundente que nos axudara a ter moita enerxía nos directos. Tamén pretendiamos aportar lume co sentido de traballar no lar, cismando en melodías da tradición, do folclore galego, xa que sobre iso xira o 90 das estruturas musicais que propoñemos e logo queriamos fusionalo con outras cousas e considero que o disco tamén aporta un toqueciño de rock, jazz ou música clásica.

-Cales son as súas influencias musicais?

-No coche levo música e escoito cousas variadas. Un xeito chulo de moverse é por youtube e ir saltando dun estilo para outro e aí sempre das con algunha cousa que chama a atención. Non nos inspiramos dende a nada e podiamos falar diso dende Bach. A inspiración pode vir dunha atmosfera, unha cor, de varias cousas.

-Recuncaron con Chisco nas voces, que é un valor seguro e ademais pode pór a bailar aos espectadores sen problema ningún ensinándolles uns pasos de baile.

-Xa temos confianza a nivel persoal e resulta un pracer traballar canda el. Levámolo aos directos e iso apórtanos 4-5 temas cantados, polo que a voz vai tomando importancia. Ademais, a súa presencia escénica é importante.

-O disco foi gravado ao vivo en estudo. Que aportou iso ao resultado final?

-O que máis insistía en facelo así era o noso guitarrista Pipo Alvariño. Eu non tiña problema sempre que tivésemos os temas perfectamente preparados. O esforzo que fixemos nos ensaios viuse recompensado. Gravar todos nunha mesma sala non podía ser, xa que entraba a batería por todos os micros, pero puidemos facelo en tres salas separadas, mais tocando todos xuntos á vez, estabamos interconectados, e sen ningún tipo de midi. Fas dúas ou tres tomas, para non perder frescura, e escolles a mellor. É un xeito rápido de gravar e moito máis cómodo. Gozamos moito así, resulta máis divertida e distendida a gravación. Prestounos moitísimo.

-Malia ter xa unha traxectoria, estalles custando moito saír adiante, xa que non teñen demasiados concertos.

-É complicado e debe selo. Tamén tivemos un certo pasotismo e agora quero involucrarme máis á hora de procurar concertos. Somos xente adicada ao ensino e non temos demasiado tempo. Os músicos debemos entoar o mea culpa, xa que pensamos en tocar moito e pouco na promoción. Logo o mundo do folk tocou teito hai tempo e cando queres conseguir concertos dignamente remunerados resulta complicado. Quizais haxa menos afección por esta música ou tal vez dende un punto de vista político non se aposta nin se quere este tipo de música. Tamén estivemos seis anos sen editar, por circunstancias persoais que retardaron o proceso de creación do disco, o que é demasiado tempo de parón.

Compartir el artículo

stats