Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tatán: "Foi o teatro, o mundo do que veño, o que me convidou a cantar"

O actor e fundador da compañía de títeres Tanxarina publica o seu primeiro disco como cantautor: "Chapeu"

Tatán: "Foi o teatro, o mundo do que veño, o que me convidou a cantar"

Ben coñecido como actor no eido do teatro e, sobre todo, no dos títeres (fundou a histórica compañía Tanxarina, de Redondela), Tatán R. Cunha lánzase agora como cantautor coa publicación "Chapeu", o seu primeiro disco en solitario. Para este álbum, contou coa colaboración especial de Uxía Senlle, Magín Blanco e Carlos Blanco, e o acompañamento dun grupo formado por Isaac Palacín (percusións), Alfredo Teixeira (guitarra), Alberto Vilas (piano), Pablo Vidal (contrabaixo, piano e guitarras), Felipe Castro (saxos), Manu Paino (fliscorno e trompeta) e o brasileiro Sergio Tannus (guitarra). Todo un luxazo de banda para esta "dúcia de cancións escritas para contar historias", di o propio Tatán.

-Cando eras máis mozo xa fixeras os teus pinitos musicais co grupo Eigualdeixa. Qué é o que che fixo volver agora á música?

-Eigualdeixa foi a miña referencia musical dos anos noventa, sempre moi ben acompañado por músicos locais e bos amigos. Probablemente sen a experiencia de Eigualdeixa non habería este disco. Unha carpeta de cancións escritas facendo camiño con Tanxarina convidoume a facer este proxecto, retomar o meu interese pola música. Claro que, en realidade, eu nunca marchei da música. Participei nos últimos anos en proxectos como "Corasóns" ou "Maria Fumaça" onde coñecín aos músicos que participaron na gravación de "Tatán Chapeu".

-O disco é moi ecléctico: ten habaneras, boleros, jazz, baladas, cancións irónicas. En qué modelos de cantautores se inspira este "Tatán crooner"?

-Non me inspirei en ningún modelo. As veces é o público quen di "aseméllaste a tal ou a cal...". O disco certamente é moi variado nos estilos musicais e as propias letras foron indicando que tipo de música elexir. Por fortuna,rodeeime de persoas e músicos moi profesionais, todos baixo a dirección musical de Pablo Vidal, amigo e bo conselleiro, compositor da música da maioria das cancións. Uxía, madriña do meu proxecto e compositora, aportou a sabedoría para que certas cancións foran beber as fontes que ela indicaba: a morna, a habaneira...Magin Blanco agasalloume cunha belísima canción escrita e musicada por él: "Veludo e Algodón". Xunto comigo e a trio, Uxía, Magín e eu, compuximos a letra da canción que inicia o disco: "Chapeu". Carlos Blanco encargouse de poñer o humor coa súa composición "Mútua de decesos"...En fin, a inspiración e a ilusión estaban ben aseguradas.

-As cancións que inclúes no disco foron xurdindo ao longo do tempo ou concentráronse máis nunha época determinada? Como foi o proceso creativo?

-As letras foron xurdindo ao longo do tempo pero o proceso creativo/musical concentreino no último ano e medio acudindo ao estudio "Aldea Global", en Bamio, na casa de Pablo Vidal. Foi un proceso intenso e continuado, de composición e intercanbio de opinións que deu como resultado un disco totalmente inédito e carregado de emocións compartidas. Blanca Francés encargouse da produción executiva de todo o proxecto e de acompañarme nos coros.

-A que ven o título de "Chapeu", que tamén é o título da canción que abre o disco?

-Acostumo moitas veces a usar chapeu. O chapeu é un elemento moi teatral, o mesmo que os temas que compoñen o disco...Ademáis cubre a cabeza para que as ideas fervan e fiquen ben quentiñas. Esta canción resume o mundo no que me movo: o teatro. Por certo, o deseño do cd foi elaborado por Pablo Giráldez "Pastor"... inspirado no chapeu e recreado,coma él sempre fai, dun xeito ben coidado e maxistral.

-É máis doado resumir unha historia nunha canción ou escribir unha historia para unha obra de títeres?

-As dúas cousas dependenden da intensidade da emoción cando se escriben. Canto máis desexo, emoción, repouso e ilusión, a escrita pode convertirse en pracer e entón todo é doado. Eu para as cancións quizais teña máis facilidade de resume. Na escrita para o teatro de títeres tes en conta outros factores ben diferentes: personaxes, bonecos, escenografías...Éche outro mundo, o mundo do que eu veño e que me convida a cantar.

-Esta será unha experiencia illada na túa traxectoria ou, se hai boa resposta, "Chapeu" será só o primero do teus futuros discos?

-Non pensei niso. De momento imos cantar e cantar estas cancións e a través do canto contar estas doce historias compostas expresamente para este "Tatán Chapeu"...Pero na carpeta hai máis ideas con gañas de saír...

-Cómo vas compatibilizar a túa carreira musical coa actividade na compañía Tanxarina?

-Tanxarina é a miña casa, Tatán Chapeu o meu recuncho musical. Cada un de nós temos o noso recuncho particular, no meu caso o musical...e entramos e saimos da casa con certa familiaridade e procuramos atender a Tanxarina por riba de todo, e non sei como é, pero sempre dá para voltar á casa, ainda que sexa mollados.

Compartir el artículo

stats