Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xabier Díaz: "O son deste disco é humilde e poderoso"

O músico galego acaba de sacar ao mercado "The Tambourine Man". Actuará en Vigo o 21 de novembro

Percusionista, compositor e investigador da tradición, ademáis da súa inconfundible, profunda e sentida voz vinculada nos últimos anos á banda Berrogüetto, Díaz presenta un traballo con base popular, volvendo á orixe como cantareiro, e cun aire moi innovador. Como? A través da mestura de sons, dende pandeiros cadrados, a pandeiras, pandeiretas, ata zanfona, acordeón ou violín. Faino acompañado das 'Adufeiras de Salitre', que interpretan a maioría das pezas con percusión e voz. Desta composición tanto melódica como rítmica nace unha obra con certo exotismo dos sons tradicionais. "Foi un traballo moi artesanal, laborioso e lento, de dous anos e medio. Creo que ten moita forza", expresa o músico con décadas de carreira no mundo da tradición e dos escenarios.

-A base é popular, retomando pezas recollidas de tocadoras míticas galegas. O resultado é innovador, moderno e elegante. Como chega a ese punto?

-Todos os temas son de base tradicional, o substrato é a música popular, o que pasa é que está filtrada, obviamente, tratada dunha maneira singular, desta vez.

-Coincide cunha nova visión da tradición pola súa parte, ou cunha revisión da mesma?

-O disco é diferente porque conceptualmente é unha maneira diferente de ver a música popular. Tamén teño a sensación de que eu mesmo a mirei dunha maneira distinta, dende outra atalaia. Unha vez que tiña claro cal era o camiño polo que quería transitar escollín os elementos que necesitaba e creo que non me equivoquei. Foi un traballo moi artesanal, laborioso e lento, de dous anos e medio.

-Que cambios internos na interpretación musical destacaría que se perciban no novo disco?

-É relevante a miña querencia pola percusión, por darlle un enfoque distinto ás percusións de man, que son fundamentais neste traballo. O disco ten moita pegada, moito poderío en canto a que a percusión ten moita presenza. Hai dez anos non tería tampouco a capacidade para visualizalo así porque nos últimos tempos estudiei e avancei en percusión. En definitiva, é experiencia, supoño.

-Que supón a figura das 'Adufeiras de Salitre' neste traballo? Por certo, por que se chaman adufes?

-O adufe é o pandeiro cadrado, e o feito de tocalo é adufar. Procede de 'alduf', do árabe. En Portugal inda se chaman adufes e aquí houbo un tempo no que tamén. Parecíame bonito recuperalo. As 'Adufeiras de Salitre' son fundamentais neste traballo. Transmiten toda a forza dos instrumentos. En certa forma son depositarias de todo o que gravei durante máis de 20 anos nas aldeas e tamén participei na súa formación. Agardo que funcionen coma unha rede para a transmisión da música tradicional.

-Conta neste disco coa colaboración de músicos como Budiño, Kepa Junquera, Aleix Tobías, Fernando Barroso ou Alfonso Merino. ¿Qué sons vai atopar o público?

-Ademais dos pandeiros cadrados ou adufes, pandeiros de Peñaparda, pandeireta ou pandeira, hai tamén zanfona, acordeón diatónico e violín (en referencia aos irmás Álvarez, músicos con moita presenza no disco). Son todos instrumentos que forman parte do mapa da música tradicional, nese senso non hai ningún elemento distorsionador que lle poida resultar alleo ao público. O singular, ou exótico incluso, quizais sexa a maneira de mesturalos.

-Qué aspira a transmitir con este traballo?

-A humildade destes instrumentos e ao mesmo tempo o poder que teñen. O tema de ser sons humildes e á vez poderosos gústame porque, ademais, non me parecen conceptos demasiado contrapostos. Un pode sentirse fachendoso ou orgulloso do que fai e ao mesmo tempo ser humilde, non? Creo que nese senso o disco é honesto e ten moito poderío e moita forza.

-Como a forza dunha señora maior tocando o pandeiro, das que vostede aprendeu, por exemplo?

-Exacto, é ese concepto! Por exemplo. Ou o de todas as mozas que tocan o adufe no escenario. Gustaríame que o mundo do folclore e da música tradicional en xeral se sentise máis orgulloso do legado e sacara peito. Con ese respecto, con esa humildade. Tamén sería estupendo que este disco servira como facho para agrupacións folclóricas, asociacións e para todos aos que lles guste este universo, que ás veces queda un pouco orfo, sen apoios. Dende esa base, podemos facer discos modernos e universais.

-Actuarán noutros países? O propio concepto da portada do disco xa di moito en si mesmo: "The tambourine man".

-Por suposto. É un disco con vocación universal, non é un traballo que eu prepare para un micromundo. Sairá a outros países. A presentación en Vigo será o 21 de novembro, logo da do 16 de outubro en A Coruña. Estaremos tamén na sala Galileo Galilei en Madrid e na Tradicionàrius en Barcelona. Logo iremos vendo para poñer próximas datas noutros lugares. Portugal tamén é un país atractivo para este traballo, xa que alí hai tamén tradición de adufes e adufeiras.

-É consciente de que está dando a coñecer un instrumento que ata hai pouco parecía agochado?

-Sí, trátase de rexenerar a propia imaxe do instrumento e de que se prestixie, de que volva a coller pulo, como no seu momento colleron a zanfona ou a gaita. Eu coñecín a dúas adufeiras que marcaron a diferencia en Galicia, unha de Soutomaior, en Pontevedra, e outra do sur de Ourense. Tocaban moi especial, cunha técnica moi depurada. Aprendín con elas, hai uns 12 anos, calculo.

-Cre que gustará fóra?

-Xa tivemos unha experiencia en Cataluña, nunha feira de programadores, e o feedback foi moi bo. Agardemos que si.

-En que países dos que actuou percibiu maior e mellor resposta do público?

-Podería dicir moitos. Dende Zimbabue ata México. En Europa o público é como máis cultural, quero dicir, interesado polas músicas do mundo e iso facilita as cousas tamén.

-Como ve o panorama musical galego nestes momentos?

-Teño a sensación de que estamos nun punto de inflexión previo a un estoupido. Na música tamén hai ciclos. É bo que este estilo se perciba coma unha tendencia, na que coincidan bos proxectos e se fixen tanto a industria, coma os programadores e o público. É a situación ideal.

Compartir el artículo

stats