Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

"Nunca saberemos falar do que máis amamos": Óscar Lopes e Galicia

En pé, de esquerda a dereita, Manuel Rivas, Óscar Lopes, Fernán Vello, descoñecido venezolano e Ánxeles Penas. Embaixo, Viale Moutinho e Méndez Ferrín. En Afife, encontro de poesía. // GAZETA LITERÁRIA, PORTO

Óscar Lopes nacera en Leça da Palmeira (Matosinhos) en 1917 e morreu, na súa casa portuense da rua dos Belos Ares, en 2013. Como unha destas datas saiu errada no Fondo dos Espellos, pedimos desculpa e continuamos coa nosa lembranza afervoada do Mestre. Tratamos hoxe do lugar que Galicia ocupou no seu pensamento afectivo. Os ecoares do centenario de Óscar Lopes non se apagaron aque´n e ale´n Miño, Xurés, Barxas, Frieiras, Laboreiro, Montezinho.

Óscar Lopes fixo entrada triunfal en Galicia o 20 de setembro de 1969 cunha conferencia dictada no Salón Nobre do Mercantil de Vigo so o título neutro de Panorama da Literatura Portuguesa. Aquel público políticamente hipersensíbel da esquerda recibiu as claves dun método histórico literario que nada tiña que ver nin con Carballo Calero nin coa prédica carrillista nebulosamente relacionada con "realismo social". Organizaron o acto o Centro Portugués de Vigo, ao tempo presidido por Eduardo Calvet de Magalães, e a Asociación Cultural de Vigo, que non sei se tiña ao frente Camilo Nogueira ou Alfonso Álvarez Gándara. Camilo Veiga abriralle as portas do Mercantil e Bernardino Crego acaba de reconstruir para esta sección o acontecemento. Pode decerlles este cronista que Óscar Lopes regresou ao Porto entusiasmado co encontro. E por ter abrazado aquí a José Pedro Guisado, o galego da Orpheu.

Arredor de 1982 celebrouse un simposion internacional de poesía en Afife. Alí foron poetas novos de Galicia, cos que Óscar Lopes falou moi animadamente. Na súa conferencia tratou das funcións da linguaxe segundo Karl Bühler, extendéndose na poética tal e como fora definida por Jakobson. Expuso que, alén das coñecidas, moitas máis funcións poden ser achadas e isoladas na linguaxe, e que todas elas se relacionan reticularmente de forma complementaria e complexa. Toda unha lección de teoría da linguaxe portanto. Despois de Afife parece que houbo en Ourense un I Congreso de Literatura Galego-Portuguesa. Este desenvolvería os seus traballos en 1984. Descoñezo a ponencia a este congreso que seica Óscar Lopes presentou so o título de "As Sibilas Domésticas do Nordeste" (un pouco extraño).

Ao revés, chegaron ao Fondo dos Espellos informacións sobre o encontro de escritores galegos, vascos e cataláns ("Galeuzka literaria") que se celebrou en Baiona no ano 1986. Alí Óscar Lopes dirixiu aos asistentes unha lección titulada "Afinidades entre as Literaturas Litorais Ibéricas", que tivo xeral e entusiástica recepción. Dado que a maioría dos congresistas non eran iberistas nin ao modo unamuniano ou torgano nin ao modo galego de Pondal, cabe supór que a doutrina exposta se movese en eidos de decolonización e libertación nacional. A viaxe de volta en automóbel, cruzando o Miño pola ponte internacional de ferro Valença Tui, é evocada así por Manuela Espírito Santo. Óscar Lopes, presidente da Associação Portuguesa de Escritores en Lingua Galega, "fizeram o trajecto (da ponte Internacional) de mãos dadas num gesto pleno de simbolismo e ternura. A união entre os povos sempre foi uma das suas bandeiras".

Acontecemento memorábel resultou en 1987, a Semana da Cultura Galega que organizaran no Porto o Sindicato dos Professores do Norte e o SGEI-CXTG galego. Houbo exposición de libros nosos e fotos de Suárez Canal, Delmi e Sendón, todo dirixido por Humberto Busto. Na inauguración falou Óscar Lopes palabras maiores. Cando vemos (dixo) emancipárense as colonias, faise preciso instaurar unha relación nobre entre as Comunidades e un Portugal non metropolitano. É aí onde debe entrar Galicia para compartir o futuro connosco.

No cemiterio de Agramonte as nubes torvas ameazaban co seu negror. Unha moitedume acompañaba o enterro do poeta Luís Veiga Leitão, autor do libro Noite de Pedra. Era tamén 1987. Camiñabamos, a par, entre capelas funerarias que deixaba á vista os cadaleitos dos ricos do Porto, Óscar Lopes, Viale Moutinho e este cronista. O primeiro acumulaba en si as delegacións do Presidente da República (Mário Soares) e do CC do Partido Comunista Português e, o segundo, representaba a Associação dos Jornalistas e Homens de Letras do Porto. A oración civil, a cova aberta, estivo encomendada a Óscar Lopes. Entre outras cousas dixo que a simboloxía poética que Veiga Leitão usaba como motivo central da resistencia á opresión, contiña a noite e a pedra. O mesmo que facía o seu coetáneo Celso Emilio Ferreiro en Galicia. Baixou á cova o defunto e fixo ziguezague lóstrego, seguido dunha témera treboada. A saraiba acelerou o regreso, e vin apresarse fugazmente as figuras de Agustina Bessa-Luís fizguira, Egito Gonçalves serio, o arrastrar da perna má de Rebordão Navarro, aflicto o rostro de Eugénio de Andrade, talvez esquivo Papiniano Carlos, máis outros vultos da sociedade literaria do Porto, hoxe a mor parte deles para sempre en Agramante, así neorrealistas coma todo o contrario. O caso é que Celso Emilio estivo no enterro de Veiga Leitão convocado pola palabra de Óscar Lopes: máxica.

Finalmente, foi Óscar Lopes chamado a un debate sobre as relacións Galicia-Portugal pola Unicep, sempre no Porto, en 1994. Alí foron Díaz Pardo, Fernández del Riego e Viale Moutinho, o noso grande valedor portugués. Óscar Lopes, físicamente diminuído, non acudiu aínda que enviou, para ler, unha breve, bela iluminación escrita, co título de "Os meus amigos galegos". Nela escribe: "Cada encontro galego-portugués é unha achega para ese reencontro que as propias condições do capitalismo impõem, ainda não se sabe a certo como". Con aguda visión táctica, Óscar Lopes estaba a sinalar as oportunidades que a UE e o Eixo Atlántico lle ofrecen aos nosos pobos para iren á nova Gallaecia. Por parte, e neste escrito, o Mestre declara acharse alleo a todo saudosismo e a todo celtismo crepuscular, co cal el sigue a colocarse ao noso lado. O texto "Os meus amigos galegos" pode ser lido na Gazeta Literária, Porto, inverno de 2017.

Os amigos portugueses da Gazeta devandita asumen como lema estas palabras de Óscar Lopes que no Fondo dos Espellos tamén incorporamos: "Nunca saberemos falar do que mais amamos. Mas as imagens que mais nos encantam falam às vezes entre si, e nós renascemos: Basta um jogo imprevisto de cores, dez compassos certos de melodia, ou até um rosto, para que o mundo se nos torne inesgotável".

CAIXA POSTAL

Máis sobre O.L.

  • "Amigo X.L.: como sabes coñecín o Óscar Lopes, por intermediación do J. Viale Moutinho, a quen tanto achamos a menos desde a súa domiciliación na Illa da Madeira. Sempre fun unha admiradora. Lin con atención o teu No Fondo dos Espellos no FARO DE VIGO de hoxe mesmo, día 21 de abril. En xeral cadro de acordo coa polivalencia de Óscar Lopes que salientas ao mellor demasiado enfáticamente. Dúas cousas. Cometes o erro do dar o ano 1918 como o de nacemento de Óscar Lopes. El veu ao mundo en 1917. Non tratas no teu artigo da proxección galega do profesor, que eu penso que tivo algunha. Polo demais, tudo bem. Saúdos moi cordiais.África Valencia, OurenseÁ amiga África.Beizón por leres as bagatelas que vou estraendo do Fondos meus Espellos. O erro relativo ao ano de nacemento de Óscar Lopes vai subsanado nesta mesma páxina. En canto ao que chamas "proxección galega" de Óscar Lopes, diso trato tamén. É o que teño nos meus rexistros e nos dos meus amigos e camaradas. Posibelmente tu e outras persoas poidades perfeccionar o meu reconto. Un saúdo fraternal, coas miñas saudades da Barbaña e da vosa Villa Valencia.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats