Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cando o museo colga o cartel de "completo"

" Cada domingo de abril dous persoeiros do mundo da cultura galega amosan o seu propio itinerario do Museo de Pontevedra ante 50 persoas inscritas no programa "Visitas Cruzadas" da Deputación provincial

Todos os luns do mes de abril ás oito da mañá, o correo electrónico do Museo de Pontevedra comeza a arder. É a hora á que se abre o prazo para que as primeiras 50 persoas que envíen un mail se inscriban nunha sesión do ciclo "Visitas Cruzadas". O primeiro luns, as prazas esgotáronse en menos dun minuto.

"Visitas Cruzadas" é un programa creado pola Deputación de Pontevedra para achegar o Museo ao público de todo o país dun xeito diferente, dinámico e atractivo. Así, cada domingo do mes de abril, unha parella formada por persoeiros de distintos eidos da cultura nacional crean os seus propios itinerarios polas colección dos dous edificios visitables, o Edificio Sarmiento e o Sexto Edificio, e amósanllo a un grupo de 50 persoas. Os itinerarios destas parellas crúzanse á media hora. Ao remate o Museo convida a todos os participantes a un petisco na terraza do Sexto Edificio para que intercambien impresións e poidan interactuar coas dúas persoas que actuaron de guías ocasionais.

Guías de excepción

Esta exitosa iniciativa que está a converter ao Museo de Pontevedra nun obxecto de desexo para público e artistas persegue o obxectivo de amosar todos os museos posibles segundo a visión particular de cada un e cada unha das persoas que participan como guías de excepción. No primeiro domingo - a sesión na que as prazas non duraran nin un minuto-, actuaran como guías a cantante e compositora Sés e o músico e escritor Xurxo Souto. No seguinte domingo, as visitas correran a cargo da actriz Iria Pinheiro e do director de Urco Editora, David Cortizo, e as prazas esgotáranse en 12 minutos. Para este domingo 22, está previsto que exerzan como guías a actriz e comunicadora Nieves Rodríguez e o escritor, editor e director de Galaxia, Francisco Castro, e as prazas non duraron nin tres minutos. Queda aínda unha oportunidade de participar na última sesión prevista para este ano, a que terá lugar o domingo 29 de abril e que terá como guías á escritora, profesora e cineasta, Margarita Ledo, e ao director de cinema, Xacio Baño. Para participar é preciso enviar un mail ao gabinete didáctico do Museo de Pontevedra a partires das 8 da mañá do luns 23.

Este ciclo xa tivera unha primeira edición durante os domingos do mes de maio do pasado ano. Naquela primeira experiencia participaran a actriz Isabel Risco, a cantante Uxía, o director de cinema Jorge Coira, o xornalista e blogger Manuel Gago, a poeta e actriz María Lado, o xornalista Kiko Novoa, o dramaturgo e actor Quique Cadaval e a escritora Iria Collazo.

Itinerarios singulares

"Visitas Cruzadas" está amosando tantos Museos de Pontevedra como guías participantes. Vaian como exemplos os itinerarios escollidos os dous primeiros domingos deste mes de abril. Sés só escolleu tres obras: o óleo 'De volta' (1955) de Fernando Álvarez de Sotomayor, o debuxo de Castelao 'A paisaxe non se come, meu vello' (1916-18), e a escultura de Uxío Souto 'Adversidade e morte' (1928). Entre estes tres puntos foi quen de artellar un discurso baseado na reivindicación social, fundamentalmente do mundo rural, nunha defensa do compromiso dos artistas coa sociedade do momento e unha chamada de atención sobre algunhas situacións de miseria e precariedade, que se repiten no momento actual, sobre todo no relacionado coa necesidade de emigrar.

Xurxo Souto escolleu a cultura do mar e a súa relación con Pontevedra e con Galiza para fiar o seu percorrido, acompañado por unha corna e polo seu coñecido berro 'Medre o mar!' que conseguiu que o público fora coreando con el polas diversas salas do Edificio Sarmiento e do Sexto. Partiu das salas de prehistoria onde escolleu achados como o concheiro de castro da Lanzada como mostra de marisqueo, ánforas nas que se transportaba viño nos barcos, e unha estela funeraria. Achegouse á pintura do século XIX, escollendo o cadro 'Ría de Pontevedra' (1898) de Ovidio Murguía de Castro para facer un alegato da recuperación da Illa de Tambo, con tema musical incluído; e pasou pola pintura de Carlos Sobrino 'Santa María desde a Caeira' (1929) e por outros temas marítimos como "O Berbés" (1931) de Fernando Álvarez de Sotomayor, ou a "Mariña" de Juan Ruiz y Blasco. Rematou no tríptico de 'Os Cegos' que Castelao pintara para o Balneario de Mondariz. "

Iria Pinehiro comezou pola serie de azulexos pintados á man sobre deseños orixinais de Salvador Dalí para facer unha reflexión sobre se a arte debe ser posta ou non ao servizo de produtos de mercado. Continuou cun bodegón que Rafael Alonso realizou en 1958 por encargo para o Hotel Universal de Pontevedra, momento no que se referiu ás súas propias raíces pontevedresas, e escolleu a escultura en madeira de Uxío Souto "Galicia Nai e Señora" (1926) para compartir a súa propia idea de Galiza como "unha patria forte, resistente, e poderosa". A través de dous óleos, "Figura nun interior" (1968) de Gabino Rey Santiago, e "O gato na cadeira de brazos" (1986) de Mª Victoria de la Fuente Alonso, detívose na idea do íntimo, da esfera persoal, e do interior, reflexionando sobre como no momento actual, a través das redes sociais, as esferas públicas e privadas se entrelazan e se expoñen cada vez máis. A actriz puxo o broche ao seu itinerario lendo un poema de Manuel Antonio diante da obra "Escena de cabaré" (1937) de Arturo Souto, que relacionou directamente coa súa faceta profesional de cabareteira.

David Cortizo embarcou ao público nunha viaxe que deseñou como un libro. Como portada escolleu a "Cabeza de muller negra" (1946) de Maruja Mallo, á que definiu como todo un referente de rebeldía e contraposición a unha época na que ser muller artista era aínda máis complicado que hoxe en día. Continuou coa obra de Julia Minguillón "O baño" (1945) que utilizou para establecer paralelismos cos elementos dunha novela. Coa escultura "Mouro" (1965-1968) de Ascislo Manzano compuxo unha idea dramática, ideando un paralelismo cun soliloquio intimista. A obra abstracta de Berta Cáccamo "París tropical" (1989) serviulle para abordar unha peza poética baseada nas emocións, e rematou o libro cunha contracapa, elixindo a vista da cidade desde a terraza do terceiro andar do Sexto Edificio como un convite ao público a que siga visitando o Museo e adentrándose na súa colección.

Compartir el artículo

stats