Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O Pazo das Falsas Apariencias

"Francisco Franco agradeceu o agasallo, "máximo viniendo de mis paisanos", e axiña o soborno se convertiu en fonte de regalías"

Franco, ao fondo, presidindo un consello de ministros no pazo de Meirás. // Arquivo FARO

Pouca cousa auténtica hai nas Torres de Meirás. Desde os alicerces ás ameas, case todo alí é falso. Emilia Pardo Bazán chamoulle La Quimera á torre na que escribía, soñando ser Montaigne, cando levantaba a pluma para descansar a vista nas súas numerosas propiedades. De orixen falsa, por pontificia, era o título de condesa que lle axenciara o pai a Emilia. Falsos e algo ridículos eran os títulos nobiliarios que repartía Franco; algúns deles meditados e concebidos en Meirás. Era espúreo de "Caudillo de España por la Gracia de Dios" que se estampillou a el mesmo. Como irregular foi o título de "Príncipe de España". De Franco aprendeu Juan Carlos a despachar falsas apariencias, que cobexaron aquel Señorío de Meirás que recibiu a viuva de Franco. Nos veraneos galegos, Franco gustaba de se vestir de yatchman inglés e de recibir en Meirás coma un magnate afeccionado aos deportes náuticos. Franco, en Meirás, fantaseaba con ser un señor da terra dos de antano sen saber cousas de Los pazos de Ulloa nin moito menos de Valle-Inclán ou Otero Pedrayo. Franco aprezou moito o regalo das Torres, ao que se apresurou en nomear oficialmente Pazo de Meirás.

Francisco Franco agradeceu o agasallo, "máxime viniendo de mis paisanos", e axiña o soborno se convertiu en fonte de regalías. Segundo Ramón Villares, os principais artífices da compra de Meirás a Nieves (Blanca) Quiroga Pardo Bazán, marquesa viuva de Cavalcanti, e da entrega da propiedade a Franco, foron Pedro Barrié de la Maza, Fernando Álvarez de Sotomayor e Alfonso Molina Brandao. Houbo outras e otros en graus diversos de dirixencia. O regalo a Franco axudoulle a Barrié a robustecerse na trama, constitutivamente corrupta, do capital monopolista de estado que teceu o franquismo. A suite empresarial de Barrié e a súa presenza no sector INI é impresionante. ASTANO, Pastor, Aluminios, PEBSA, Cubiertas y Tejados e, sobre todo, FENOSA, que se apropiou das mellores bacías agrícolas de Galicia, floreceron "in conspectu Dei", tal como reza a inscripción do arco de triunfo de Franco na Ciudad Universitaria de Madrid. Se voltamos ás falsas apariencias comprobaremos que o Caudillo converteu Barrié en "Conde de las Fuerzas Eléctricas del Noroeste Sociedad Anónima", o que ocasionou en toda Galicia, e España, hilaridade. En canto a Álvarez de Sotomayor, Franco depuxo Picasso como director do Museo de El Prado e nomeou para o cargo aquel pintor, sempre moi ben asistido polo influinte catedrático pontevedrés F.J. Sánchez Cantón. Sotomayor, amigo persoal de Franco, accedeu a perpetuidade ao posto de (tamén) director de Belas Artes de San Fernando, entre outras avantaxes. Finalmente, Alfonso Molina Brandao, quen procedía da cámara da propiedade urbana da Coruña, foi designado por Franco alcalde da cidade, que se converteu, a todos os efectos, en capital da España vraneante. Molina foi un dos autores da falsa apariencia da Coruña que fai desta capital un reducto anti-galego e reaccionario. Fixeron falla moitos anos para librar a Coruña desta sombra xa que o esprito de Molina Brandou parece que, por ben de anos, ocupase o corpo e a vontade de Francisco Vázquez. E isto non é un conto de "corpus abertos".

E Meirás seguiu, xa en modo de falso pazo, acumulando preciosidades e evoluindo ao compás de novos obsequios que se acumularon entre os seus muros, tal vez tamén dentro da casa de Cornide da que trataremos noutra ocasión. O "cohecho" e a apropiación indevida foron permanentes durante todo o franquismo. O saqueo do pazo de Dodro non o coñecemos con detalle pero agora sairon a plena luz unhas figuras de autoría do Mestre Mateo que pasaron da catedral e cabido de Compostela a propiedade do conde de Ximonde e, del, ao concello compostelano franquista. Este correu a meter en Meirás as imaxes valiosísimas. En todo caso, o desastre non foi total xa que a citada Blanca Pardo Bazán terminou por doarlle á RAG, da cal a súa nai fora presidenta de honor, os bens e coleccións máis importantes da familia, incluída a casa petrucial da Rúa das Tabernas. Seu irmán Jaime, oficial de cabalería, fora fusilado en Madrid en 1936, e ela, sen fillos, era a derradeira dos Pardo Bazán. De xeito que as mellores propiedades mobeis da familia áchanse custodiados pola Academia en tanto que moitas falsas apariencias continúan en Meirás.

Emilia e a súa nai Amalia fabricaran un Castelo Encantado como o que aparece no Orlando Furioso de Ariosto: "?che nel medio s´un sasso avea un castello/ forte e ben posto, a maraviglia bello". O castelo do Orlando está habitado por quimeras e cabaleiros alouleados e vagantes. María Luz Morales, a adaptadora ao castelán do poema, chamoulle "El Castillo de las Falsas Apariencias". En tal cousa converteron Emilia Pardo Bazán e Amalia de la Rúa Figueroa as Torres de Meirás, labor no que os Franco os chegaron, na súa cabiza, ao roubo de bens nacionais como son as esculturas do Mestre Mateo. Insistamos: unha das torres de Meirás recibira de Emilia Pardo Bazán o nome de La Quimera.

Compartir el artículo

stats